24 propostas, 10 críticas e un xeito de facer as cousas (Jorquera en Radio Voz)

"É bo debater, é bo dialogar, e polo tanto o BNG ten plena disposición a asistir a todos os debates nos que sexa convocado", dixo Francisco Jorquera no arranque do debate de este venres en Radio Voz, o primeiro que confrontou as ideas dos 4 candidatas e candidatos á Alcaldía a unha semana do comezo da campaña.

Estas son as 24 medidas do programa do BNG que avanzou Jorquera no debate de onte en Radio Voz:

  1. [COMERCIO] Investir nos mercados municipais.
  2. [COMERCIO] Ampliar os horarios dos mercados municipais.
  3. [COMERCIO] Diversificar a oferta de actividades nos mercados municipais.
  4. [COMERCIO] Un banco público de locais baleiros que se nutra tanto de locais de titularidade municipal como de locais que particulares poñan a disposición dese banco para que este actúe de intermediario no mercado de alugueiro a prezo taxado.
  5. [COMERCIO] Campañas máis ambiciosas que fomenten o consumo no comercio local.
  6. [COMERCIO] Dialogar coas asociacións de veciños e comerciantes para organizar festas e eventos de rúa que incentiven o consumo no comercio local.
  7. [COMERCIO] Apoiar o proceso de formación dos pequenos e medianos comerciantes para competir na venda on line.
  8. [COMERCIO] Diálogo permanente co sector.
  9. [MOBILIDADE] Cambiar o modelo de transporte empezando por un novo mapa de liñas de bus que mellore as conexións dos barrios entre si e dos barrios cos polígonos industriais e centros hospitalarios. E facelo tamén a escala metropolitana, conectando os concellos da periferia entre si.
  10. [MOBILIDADE] Ampliar os horarios do servizo do transporte público e intensificar as frecuencias.
  11. [MOBILIDADE] Recuperar o carril bus.
  12. [MOBILIDADE] Potenciar e crear aparcadoiros disuasorios, conectados con buses lanzadeira.
  13. [MOBILIDADE] Apostar polo tren de proximidade: un tren-tran que funcionaría na contorna como un tre de proximidade e xa dentro da cidade, como un tranvía moderno. Aproveitando o tecido ferroviario xa existente.
  14. [MOBILIDADE] Cambiar o modelo de transporte na área metropolitana empezando por crear un consorcio metropolitano de transporte.
  15. [MOBILIDADE] Planificar o transporte a escala metropolitana pasa pola intermodalidade: por iso propoñemos un intercambiador en San Diego.
  16. [MOBILIDADE] Recuperar o transporte marítimo.
  17. [BARRIOS] Un plan de rexeneración dos barrios que mellore a accesibilidade e mobilidade nos barrios, que os dote de máis espazos comunitarios e zonas peonís, de máis zonas verdes.
  18. [BARRIOS] Desenvolver novas áreas de rehabilitación integral.
  19. [BARRIOS] Un plan de choque contra os solares abandonados. Exercendo a capacidade sancionadora cando haxa que sancionar, pero tamén negociando cos propietarios posibles usos alternativos en canto non se constrúa.
  20. [BARRIOS] Un plan para mobilizar a gran cantidade de locais baleiros que hai na cidade: un banco público de locais baleiros que se nutra tanto de locais de titularidade municipal como de locais de particulares que os poñan a disposición dese banco para que actúe como intermediario na procura de novos usos.
  21. [BARRIOS] Crear espazos de convivencia para a veciñanza, como un dos novos usos deses baixos baleiros. Espazos de convivencia interxeneracional.
  22. [VIVENDA] Reformar EMVSA para que sexa unha empresa municipal de vivenda merecente dese nome e crear un banco de vivenda pública que se se nutra tanto de vivendas municipais como de vivendas de particulares que ofertar a prezo taxado no mercado do alugueiro.
  23. [VIVENDA] Asignar máis recursos económicos e técnicos para unha aposta decidida pola rehabilitación de vivendas.
  24. [VIVENDA] Crear un servizo de mediación dependente do concello para resolver conflitos nas comunidades de veciños á hora de acometer actuacións básicas en materia de accesibilidade, como no caso dos elevadores.

E estas, as 10 críticas de Jorquera:

  1. Aprobáronse, xa no período do PP, tres reformas integrais de mercados municipais que nin se executaron durante o goberno do PP nin durante estes catro anos de goberno da Marea Atlántica.
  2. Incluso non se está investindo no que é o mantemento básico das instalacións que pouco a pouco se van degradando.
  3. Hai mercados na Coruña que non teñen servizos de conserxería, e esas prazas nin se están repoñendo.
  4. Hai propostas, aprobadas democraticamente, que non se levaron a cabo. Nos orzamentos participativos de 2017 propúxose dotar ao mercado de San Agustín dun aula multidisciplinar, e as praceiras e praceiros seguen esperando a que se cumpra ese compromiso.
  5. Nos eventos gastronómicos que albergan os mercados atopámonos con que os produtos que son transformados nesta oferta gastronómica nin se adquiren neses mercados.
  6. Con todo o cariño para o señor Ferreiro: o BNG tamén é moi crítico coas políticas de Pedro Sánchez e somos moi críticos cos orzamentos do Estado presentados este ano, quero lembrar que eses orzamentos foron pactados entre o PSOE e Unidos Podemos e creo que en política é importante ser coherente; non se pode dicir un día que un representa na Coruña o mesmo que Pedro Sánchez no Estado só que máis baixiño, e ao día seguinte criticar as políticas de Pedro Sánchez.
  7. Nos contactos que estamos tendo con asociacións de todo tipo, unha queixa xeneralizada é que a falta de diálogo co goberno municipal. En política tamén é importante ser máis humildes e ser máis autocríticos.
  8. Sorpréndeme que Xulio Ferreiro diga que todo o que propuxemos algúns dos que falamos xa está feito e apele ao novo mapa de liñas… que eu saiba o Concello encargoulle a Axencia de Ecoloxía Urbana de Barcelona un novo mapa de liñas. Primeiro dixo que ese novo mapa sería realidade no 2016; despois, que se presentaría publicamente en abril de 2018 e que a aprobación definitiva sería en setembro de 2018; e agora resulta que se nos anuncia que se segue gobernando a Marea Atlántica se vai coñecer e facer realidade no primeiro semestre do próximo mandato. Eu creo que ese é un dos principais problemas que ten o actual goberno municipal: que está prometendo que vai facer no vindeiro mandato todo o que deixou de facer…
  9. O deseño do carril bici é francamente mellorable. Hai graves problemas de seguridade. E desaproveitouse a ocasión de recuperar o carril bus, porque a circulación de bicis e de buses é perfectamente compatible. Potenciar o uso da bicicleta non pasa só por construír carrís bici; tamén é necesario estender as zonas 30, medidas para calmar o tráfico e apostar por unhas vías de uso compatible por automóbiles, bicis… E niso queda moitísimo por facer.
  10. O goberno municipal aprobou o banco de vivendas a semana pasada. Si, a semana pasada… a falta de que se aprobe a ordenanza e para executar sabe Deus cando!… Isto é un acordo do pleno do Concello de hai dous anos e se espera a fin de mandato para anunciar que se fará no vindeiro mandato

“É necesario repensar o modelo económico da Coruña e da comarca”

Na intervención final, o candidato nacionalista dixo: “É malo confundir o exercicio da crítica con falar mal da cidade. O exercicio da crítica é algo consubstancial á política. Neste debate o BNG o que puxo enriba da mesa foron propostas, e a crítica sempre foi razoada e argumentada. É o noso estilo, é o noso xeito de facer as cousas. E creo que Coruña está perdendo impulso, non só pola acción do goberno municipal. Creo que é un problema máis grave. Entre outras causas, pola aposta por un modelo económico ‘fallido’, que foi desatendendo o tecido industrial. Preocúpame moitísimo a posibilidade de que peche Alcoa, de que peche Isowat… É necesario repensar o modelo económico da Coruña e da comarca. Esta situación non é só froito da acción do goberno municipal, pero creo que a acción do goberno municipal non axudou a que A Coruña recuperase liderado. Caracterizouse pola falta de solidez, pola falta de capacidade, pola falta de solvencia. O BNG é unha forza política firmemente defensora do público, e acreditamos o mellor xeito de defender o público é xestionar ben o público. E neste aspecto, o goberno municipal caracterizouse pola ineficacia. É un goberno municipal que carece dun proxecto de cidade, empezou a gobernar sen un horizonte claro, a golpe de ‘ocurrencias’. E tampouco ten claro o deseño metropolitano, porque é difícil que o teña unha forza que é unha candidatura de ámbito estritamente local que nen sequera ten unha vertebración comarcal. A Coruña ten que ser o motor económico de Galiza e o Concello ten que ter un papel de liderado, contando coas outras Administracións e cos outros concellos, cos axentes sociais, coa Universidade. É necesario apostar por outro modelo urbano que faga da Coruña un referente de calidade urbana.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario