A biblioteca é a máis democrática das institucións

Carta aberta sobre o conflito das bibliotecas e os efectos sobre a lectura (por Mercedes Queixas Zas, nº 3 da candidatura).
Que opinas desta nova?

“A biblioteca é a máis democrática das institucións” afirmou a escritora Doris Lessing, Premio Nobel de Literatura en 2007.

Concordamos coa afirmación, en efecto, e atrevémonos a engadir que as bibliotecas públicas son o espello da comunidade veciñal que as envolve co cobertor da súa presenza participa(c)tiva como garantes do encontro humano en liberdade.

Pensarmos nunha biblioteca pública convídanos a procurar, explorar, viaxar, descubrir, mais tamén cuestionar, descartar e optar, pois o desenvolvemento da mirada crítica e ética está na cerna deste espazo de encontro e convivio desde a multidiversidade.

“Non sería fermoso o mundo se as bibliotecas fosen máis importantes que os bancos?” preguntábase Felipe, compañeiro inesquecíbel de tantas tiras da sempre lúcida Mafalda.

Con todo, contido e continente dunha biblioteca non son materiais suficientes para dotar estes espazos de alma, pois o activo máis importante para as bibliotecas públicas funcionaren como servizos de proximidade e daren as respostas precisas á comunidade é o seu persoal traballador.

As bibliotecas municipais da Coruña son amplos espazos de encontro entre a veciñanza e a cultura aberta e plural, axudando o persoal bibliotecario mediador a trazar eses percorridos desde os seus múltiples camiños de chegada, como territorios de formación e transformación, mais tamén de cohesión social.

Cada usuaria demanda da súa biblioteca de barrio unha necesidade, desde un espazo-tempo de lectura a outro de formación, consulta, alfabetización ou socialización, sen esquecer os cuartos das emocións.

É a alta calidade profesional do equipo humano que conforma a nosa rede de bibliotecas municipais a que terma coas mans do compromiso, nos últimos anos, dun proxecto de excelencia en orixe, pioneiro e moi recoñecido, mais que o insuficiente atendemento político dos últimos anos freou por varias causas: a falta de criterio organizador do seu medre, a insuficiente aposta económica para garantir o servizo de préstamo de novidades, as dificultades que crea a dobre xestión público-privada nas condicións laborais e na consecuente falta de interlocución e coordinación interna, a deficiente formación continuada ou o carácter de transitoriedade e incerteza do proceso de remunicipalización comprometido polo goberno actual da Marea Atlántica, que erosionou e desgastou as forzas dos equipos humanos das nosas bibliotecas. Catro anos que agora recolle unha memoria caracterizada por un superávit de intención convertido nun real e contrastado déficit de atención.

Un cadro de desamparo que diagnostica unha desilusión que, no entanto, as usuarias nunca percibimos.

Desde o BNG da Coruña apostamos no alto valor do proxecto transformador e cohesionador das bibliotecas municipais da Coruña. É moita hora de reforzar a ilusión dos equipos humanos para que este proxecto volva ser pioneiro e proa cultural da nosa Cidade Creativa.

Mais tamén sabemos que é moita hora de actuarmos con valentía política para que o plan estratéxico de lectura –nesta cidade históricamente modelo en creadoras, librarías e editoras- sexa o motor que impulse o proxecto cultural da nosa cidade, avanzando na consolidación dun modelo de funcionamento de xestión única; no desenvolvemento dun plan de lectura global, transversal, inclusivo e coeducativo; no reforzo dos cadros de persoal para atender a demanda social e que, ao tempo, facilite a coordinación de todas as bibliotecas; acrecentando significativamente o investimento orzamentario; deseñando un plan de actuacións específico para cada barrio e ampliando a configuración territorial de bibliotecas a barrios como Novo Mesoiro ou á nova Biblioteca Central.

«O acto máis sublime de amor que eu coñezo é contar unha historia» afirmou o noso veciño escritor Xabier P. Docampo. Alimentemos, desde a responsabilidade e o compromiso cómplice, todos os novos actos de amor que están por chegar neste vindeiro maio e que queremos cheo de ilusións recuperadas tamén nas nosas bibliotecas municipais.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario