A Cadeco e a Confraría, a favor de abrir o porto e diversificar usos como propón o BNG

Francisco Jorquera presentou diante da Comisión Aberta en Defensa do Común e da Confraría de Pescadores o proxecto Distrito do Mar. A Cadeco esixe que faga a consulta popular e que a veciñanza participe no futuro consorcio máis alá de que se lle dea información. Os pescadores ven compatíbel abrir o porto á veciñanza e, tamén, a súa actividade coa promoción do transporte de mercadorías, e piden unha lonxa de xestión pública

Francisco Jorquera e Avia Veira, o número un e a número dous da candidatura nacionalistas, presentaron en sendas reunións coa Cadeco (Comisión Aberta en Defensa do Común) e coa Confraría de pescadores o proxecto Distrito do Mar continuando unha quenda de contactos con distintos axentes implicados polo plan de futuro para os terreos do porto que apoia o BNG.A proposta nacionalista suma adhesións e tamén achegas, como as que fixeron tanto a Cadeco, o colectivo que impulsou a consulta cidadá sobre os terreos, acordo plenario que segue pendente de executar, como a Confraría.

Desde a Cadeco, advirten que os terreos do porto que vaian sendo “liberados” deben pasar a titularidade pública da cidade, mais consideran imprescindíbel que o Concello consulte á cidadanía sobre esta cuestión e que sexa a cidade quen decida tamén sobre os usos. A Comisión Aberta quere estar presente no consorcio para xestionar o futuro do porto que o BNG propón crear: “que haxa unha representación cidadá para que a veciñanza non sexa simplemente informada e non participe senón que poida opinar sobre as decisións que se tomen”, segundo expresa a directiva. Na Cadeco piden ao BNG que aposte tamén no proxecto Distrito do Mar por “impulsar unha democracia verdadeiramente participada polos movementos cívicos”.

Pola súa banda, os pescadores, co seu patrón maior á cabeza, pediron a Veira e Jorquera durante a reunión mantida na dársena de Oza que as nacionalistas se comprometan a adoptar medidas contra o furtivismo, “un dos principais problemas a día de hoxe e que ningunha Administración se atreve a atallar”; e tamén, a estudar unha rebaixa das taxas, “moi altas, e que por riba non vemos compensadas con servizos dignos no porto” e sinalaron como exemplo a única grúa na zona de descarga “que mesmo provoca colas cando chegamos da mar”. Na Confraría quéixanse de que a pesca “deixou de existir tanto para Autoridade Portuaria como para o Concello”.

Respecto da idea lanzada a semana pasada polo BNG sobre o Distrito do Mar -que inclúe usos de transporte (un intercambiador na lonxa do Gran Sol), un hospital que inclúa a sede do Inibic, espazos culturais como un aula do mar que rescate a memoria mariñeira da cidade xunto a zonas verdes, e todo iso mantendo o uso produtivo da actividade pesqueira, incluíndo unha lonxa de mariscadores e ampliando a actividade de tráfico de mercadorías en contedores-, os pescadores consideran que “abrir o porto á xente é unha medida intelixente, e excluíndo certos espazos de traballo por seguridade, sería beneficioso para todos e contribuiría a visibilizar a pesca”. Tamén sinalaron que o deseño dos usos futuros do porto é unha oportunidade para “reclamar unha lonxa de xestión pública, mesmo unha lonxa da Confraría” e sinalaron que a lonxa de mariscadores non esixiría “moito espazo” e axudaría a potenciar o sector. Respecto da compatibilidade das artes pesqueiras co tráfico de contedores, indicaron que xa se dá e que unha ampliación deste negocio, integrando o porto da Coruña nas redes internacionais de transporte, non constituiría maior problema.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario