“A mellor aposta polo clima desde o Concello son políticas de mobilidade en serio”

O candidato nacionalista á Alcaldía participa nun coloquio co alumnado de Dereito na UDC no que explica o programa nacionalista en materia de vivenda, transporte e apio á Universidade, e responde ademais a cuestións de medio ambiente.

“A mellor aposta polo clima desde o Concello son políticas de mobilidade en serio”, indicou Francisco Jorquera esta mañá nun coloquio con estudantes da UDC organizado pola Facultade de Dereito. “Para reducir as emisións contaminantes, unha administración local ten nas súas mans a ferramenta da mobilidade”, insistiu, “e con ela pode deseñar unha nova forma de ocupación do espazo e de transporte urbano e metropolitano. Pero o primeiro que hai que ter claro son as prioridades. Nós témolas: pensamos o espazo urbano dando prioridade aos peóns; en segundo lugar, ao transporte colectivo; e en terceiro lugar, aos medios de transporte alternativos ao automóbil”.

O candidato nacionalista tamén se referiu á necesidade de “solucionar os problemas, laborais e de xestión no que atinxe ao servizo que presta a planta de Nostián” e cualificou como “un escándalo” que a Ría do Burgo sufra unha contaminación desas dimensións e que “nin o Estado nin a Xunta moveran un dedo nos últimos anos”. “Nós seguiremos esixindo, e iso é algo que tamén pode facerse desde o Concello, un plan para retirar e tratar os lodos, e un plan para recuperar a ría toda”.      

Falou Jorquera ademais de cuestións que afectan directamente á mocidade. No ámbito da vivenda, lembrou que o BNG da Coruña levou nos sucesivos programas municipais a creación dun banco de vivenda pública para o alugueiro, reservando unha parte para mozas e mozos menores de 30 anos, e volve levar agora esa proposta, “mentres o goberno municipal, que nada fixo en política de vivenda estes catros anos, vén agora prometendo que vai facer e apurando os tempos en período electoral”. Jorquera subliñou que é propósito das nacionalistas “converter EMVSA nunha empresa que cumpra as súas funcións e se centre na vivenda”. Tamén aludiu o candidato a necesidade de abaratar o transporte público entre a cidade e o campus, e mesmo entre os concellos da contorna e o campus. E indicou que a través da liña ferroviaria que descorre xunto ao campus “hai unha posibilidade certa de mellorar a mobilidade, aproveitando as infraestruturas para tecer unha rede de proximidade”.

No coloquio, Jorquera estivo acompañado por candidatas e candidatos da lista nacionalistas ás municipais, como Avia Veira, a número 2, o ex reitor Xosé Luís Armesto, que pecha a lista, e docentes, traballadoras e alumnas da UDC que fan parte da candidatura como Carme Sanjulián, Marisol Mirás e Lydia Bouzas

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario