“Agora mesmo non nos vemos noutro sitio que non sexa traballando desde a oposición”

Francisco Jorquera e Avia Veira toman posesión como concelleiras na corporación municipal e o BNG concreta o seu apoio á candidata socialista.

Horas antes do pleno de investidura da nova alcaldesa, Avia Veira e Francisco Jorquera, os concelleiros do BNG no mandato que agora comeza, acompañaron durante uns minutos ás veciñas de Elviña que desde hai anos reclaman unha solución para as vivendas e as vidas afectadas polo desenvolvemento do Ofimático que seguen pendendo dun fío, e acompañaron tamén ás veciñas da Agra do Orzán que se manifestaban diante do Concello para que non se esqueza a demanda do barrio: dispoñer dun parque de verdade nos terreos do Observatorio e dunha praza de verdade nas Conchiñas. Avia Veira e Francisco Jorquera reafirmaron así o compromiso do Bloque Nacionalista Galego con dúas loitas veciñais que evidenciaron o fracaso da xestión da Marea Atlántica e cuxa resolución pode definir tamén o mandato que comeza.

Despois, na sesión de investidura, Veira e Jorquera, a número 2 e o cabeza de lista do BNG nas municipais, votaron a favor da candidata socialista á Alcaldía, cumprindo o mandato da asemblea local nacionalista e o compromiso electoral de pechar o paso a gobernos de dereitas. “Hai unha maioría de forzas que se autodenominan progresistas no pleno e, entre esas forzas, o PSOE foi a máis votada; por ese motivo o BNG decidiu o apoio a Inés Rey, por respecto á vontade das coruñesas e coruñeses e por congruencia coas nosas posicións políticas”, explicou Francisco Jorquera nunha rolda de prensa improvisada no propio Salón de Plenos ao remate da sesión de investidura. Os votos do BNG sumados aos do PSOE e aos da Marea Atlántica converteron á candidata socialista en alcaldesa.

Jorquera tamén indicou cales están a ser as liñas de negociación do BNG co PSOE para chegar a un entendemento neste mandato. “Para o BNG son básicas as formas de gobernar, é imprescindíbel que haxa diálogo e respecto á pluralidade. Cremos que hai que ser firmes e esixentes á hora de defender os intereses da Coruña en asuntos que dependen doutras Administracións: estou a falar do futuro do porto, da rexeneración da ría do Burgo, dos investimentos necesarios… E o BNG considera que as políticas municipais deben ter unha orientación cara un urbanismo á medida das persoas, por facer fronte ao grave problema da vivenda, fortalecer as políticas sociais e un novo modelo de mobilidade, así como un compromiso claro coa lingua e a cultura galega”.

“Asumimos o papel que nos corresponde como resultado das eleccións, a nosa vontade é exercer esa oposición, como viñemos facendo nos últimos catro anos, de xeito construtivo”, indicou Jorquera diante das preguntas dos xornalista de se o BNG se sitúa xa definitivamente fóra do goberno. “En calquera caso, o mandato é moi longo, pero agora mesmo non nos vemos noutro sitio que non sexa traballando desde a oposición”.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario