Jorquera consultará cos propios músicos as cuestións que afecten á Banda de Música

Francisco Jorquera comprométese a levar adiante accións para dotar de maior visibilidade o labor da Banda Municipal.

“Pensamos que é fundamental dar visibilidade desde o Concello o labor e a toda a programación da Banda de Música Municipal da Coruña, así como consultar cos propios músicos todas as cuestións que poidan afectar á Banda”, dixo Francisco Jorquera, candidato do BNG á Alcaldía, despois de manter esta mañá unha reunión cos compoñentes da agrupación nun descanso do ensaio no Coliseo. Jorquera, que estivo acompañado por Avia Veira, a número 2 da candidatura, e Mercedes Queixas, a número 3 e responsábel do programa en materia de cultura, comprometeuse a atender as demandas dos músicos, que comezaron por pedirlle que se cubran todas as prazas que figuran na RPT [Relación de Postos de Traballo] “dun xeito estábel”, pois, segundo sinalaron, esas prazas son o número esixíbel para poder desempeñar o traballo. “Entendemos que un músico non pode substituír a outro, que sodes especialistas en cada instrumento e son precisos todos para desenvolver calquera actuación”, incidiu o candidato, “e por iso cremos que é de sentido común que se pida que se cubran todas as prazas que contempla a RPT”. 

Os compoñentes da Banda de Música tamén solicitan “unha maior visibilidade”: que se difunda toda a súa actividade, que se editen publicacións onde figuren as súas programacións e que se realicen xiras  no resto do país, no Estado e en Portugal. Mercedes Queixas, como relatora do programa de cultura, lembrou que a potenciación da Banda de Música está entre as propostas do BNG para o próximo mandato e pediulles o apoio “para difundir esa cidade creativa, que contemple todas as diversas manifestacións da cidade, na que acredita o Bloque”. Os músicos agradeceron o compromiso de Jorquera, Avia Veira e Mercedes Queixas de consultar as políticas municipais que lles afecten, singularmente a programación da Banda Municipal e a cobertura de postos.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario