“As persoas da comarca achegan traballo, luz e poesía á candidatura do BNG”

Francisco Jorquera puxo en valor a presenza de persoas da comarca da Coruña na candidatura do BNG ás Cortes Xerais do Estado por esta circunscrición. Fíxoo no curso do acto de apresentación da lista do Bloque para o 10N

Jorquera definiu a lista do BNG como “unha candidatura integrada por persoas solventes e comprometidas”. “Persoas como o noso cabeza de lista, Néstor Rego“, exemplificou. Mais logo a seguir permitiuse “varrer para casa” e nomeu María Xosé Bravo -orientadora no ensino secundario-, Miguel Pernas -actor-, Xosé Iglesias -mariñeiro- , Mercedes Queixas -docente no ensino secundario- e Rocío Da Igrexa Prego -autónoma: “As persoas da comarca da Coruña que integran esta candidatura”. “Persoas todas elas referenciais no seu ámbito de traballo ou de intervención social. Persoas que achegan traballo, luz e poesía á candidatura do BNG.

Esta presenza de candidatas da comarca garante que o BNG vai “facer valer A Coruña” na política estatal,. “Porque A Coruña necesita da voz do BNG para loitar contra o desmantelamento industrial, para que haxa unha tarifa eléctrica que asegure o futuro da antiga Alcoa e outras factorías, para que a rexeneración da Ría do Burgo sexa por fin unha realidade”, dixo.

A cidade necesita tamén da voz do BNG nas Cortes Xerais do Estado para “que o Estado devolva á cidade bens e terreos en desuso, no canto de pretender especular con eles a conta de hipotecar o noso futuro”.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario