“A realidade é que o cárcere está pechado, abandonado e camiño da ruína”

Avia Veira advirte que ao PP lle interesa “silenciar a memoria da Coruña”, e sinala que a declaración de Claudia Delso en sede xudicial obedece á “xestión nefasta” do goberno da cidade.
“A realidade é que o cárcere está pechado, abandonado e camiño da ruína”
5 (100%) 1 vote[s]

“O que nos preocupa é a realidade do cárcere. E a realidade é que o cárcere está hoxe pechado, abandonado e camiño da ruína, e o que move ao PP non é a recuperación do cárcere, senón silenciar a memoria da cidade”, dixo Avia Veira, a concelleira do BNG, en relación á información de que Claudia Delso deberá declarar nos Xulgados pola denuncia que presentou o PP contra a cesión do antigo cárcere provincial da Coruña ao colectivo Proxecto Cárcere.

A nacionalista recordou que o BNG xa manifestou no seu día as súas críticas ao acordo coa SEIP, por entender que “comprometía ao concello a facer obras nun edificio propiedade do Estado e que Estado debería de mantelo e rehabilitalo”. Tamén indicou que o BNG cuestionou o procedemento de adxudicación da xestión do cárcere ao colectivo Proxecto Cárcere, “porque se burocratizou en exceso e existen outras fórmulas, como a do convenio de cesión, máis sinxelas”.

En calquera caso, Veira insistiu en que Proxecto Cárcere é a entidade máis idónea para ocuparse do espazo. “No BNG cremos que é a entidade ou colectivo máis preparado polo traballo desenvolvido e interese mostrado desde hai anos na recuperación do cárcere”.

Finalmente, Veira volveu chamar a atención sobre o estado actual do cárcere, “sen uso, caendo por anacos e camiño da ruína”, pero considera que “a declaración en sede xudicial da concelleira é consecuencia desa xestión nefasta da Marea, que non se toma en serio a responsabilidade de gobernar a cidade”.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario