Avia Veira: “propoñemos que o Concello da Coruña reclame a cesión dos pisos da Torre dos Mariñeiros ”

O Bloque salienta a necesidade de que o Concello debe aumentar o seu parque de vivenda municipal destinado a aluguer social e entende que o feito de que unha Administración pública teña en propiedade pisos baleiros debe verse como unha oportunidade.

As nacionalistas lembran que no pasado mandato os grupos municipais da Marea Atlántica, do PSdG-PSOE e do BNG apoiaron unha moción proposta por Stop Desafiuzamentos na que se acordaba que o Concello da Coruña desenvolvería políticas encamiñadas a reducir a desocupación de vivendas e a aumentar o parque de vivendas municipal.

O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego no Concello da Coruña vén de rexistrar unha moción para instar o Goberno municipal a negociar a cesión de balde das catro vivendas que a Tesouraría Xeral da Seguridade Social sacou a poxa recentemente.

“Durante o pasado mandato insistimos moito en que o Concello ten que ser chave na atención a un dereito fundamental como é o dereito á vivenda. Por iso, reclamamos en multitudes de ocasións a creación dunha bolsa de aluguer e por iso tamén insistimos nesta proposta durante a campaña electoral. Entendemos que unha das prioridades políticas debe ser o cumprimento do dereito á vivenda polo que recollemos esta proposta no acordo político de mandato asinado co grupo do PSdG-PSOE”, sinalan desde o Bloque.

E, mentres se vai poñendo en marcha formalmente esta bolsa de aluguer, as nacionalistas salientan que o feito de que unha Administración pública teña en propiedade pisos baleiros debe verse como unha oportunidade para aumentar o parque de vivendas municipais.

“O cumprimento do dereito á vivenda ten que ser unha prioridade política por iso propoñemos que o Concello da Coruña reclame a cesión dos catro pisos da Torre dos Mariñeiros que a Tesouraría Xeral da Seguridade Social sacou a poxa”

Avia Veira

 “O certo é que mentres A Coruña soporta unha media mensual de 50 procesos de desafiuzamento, a Administración local dispón tan só de 409 vivendas destinadas a aluguer social segundo datos da memoria de xestión de 2017, á que habería que engadir a adquirida no pasado mandato como resultado do proceso de adquisición de vivendas. Así pois, estamos a falar de 410 vivendas dun censo total de 135.450 vivendas construídas na cidade da Coruña, segundo datos do INE: polo que a Administración Local só posúe un 0,3 % da vivenda construída”, apuntan desde a formación nacionalista.

Para o Grupo Municipal do BNG, é importantísimo que o Goberno comece canto antes as negociacións coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social coa finalidade de paralizar a poxa –cuxa data límite para a presentación de ofertas é o 31 de outubro e terá lugar o día 13 de novembro na Casa do Mar- e negociar a cesión de balde ao Concello da Coruña deses catro pisos co fin de destinalos a aluguer social que serían fundamentais para atenderen os casos de vulnerabilidade pola imposibilidade de conseguir unha vivenda.

Por último, desde o BNG lembran que a moción que veñen de rexistrar (que se achega dixitalizada) vai en cumprimento doutra xa aprobada no pasado mandato proposta por Stop Desafiuzamentos e apoiada polos grupos municipais da Marea Atlántica, do PSdG-PSOE e do BNG na que se acordaba que o Concello da Coruña desenvolvería políticas encamiñadas a reducir a desocupación de vivendas e a aumentar o parque de vivendas municipal.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario