Comeza o camiño para recuperar unha voz propia en Madrid

María Xosé Bravo abriu onte a campaña das Xerais 2019 na sede comarcal do BNG na Coruña cun discurso sobre o compromiso do BNG na defensa do país e reclamando o apoio das galegas e galegos para devolver a voz do nacionalismo galego ao Parlamento español.
Que opinas desta nova?

“O BNG reclamará nas Cortes para Galiza o control dos recursos enerxéticos do país. O BNG defenderá nas Cortes que non haxa pensións en Galiza por debaixo do Salario Mínimo. Tamén reclamaremos a devolución gratuíta para uso público dos terreos do porto interior da Coruña, dos solares e edificios da cidade sobre os que distintos ministerios do Estado manteñen a propiedade, incluíndo tamén o antigo cárcere provincial”, dixo María Xosé Bravo, a número 2 da lista ao Congreso pola Coruña, no acto de arranque da campaña.

“Exixiremos competencias plenas en políticas costeiras e nas bacías hidrográficas para termos o control de recursos estratéxicos, especialmente da produción de enerxía, e mesmo poder dotarnos dunha tarifa eléctrica galega que axude ás familias e ás empresas reducindo o custe da factura da luz”, insistiu a candidata, e engadiu: “o 65% das pensións en Galiza están por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional. Desde o BNG non nos conformaremos con subas lineais das pensións no Estado, queremos que non haxa ningunha pensión en Galiza inferior ao SMI”.

O BNG confía en recuperar unha voz galega propia en Madrid, “unha voz que estivo ausente estes tres anos”, subliñou María Xosé Bravo, que estivo acompañada por Francisco Jorquera e outras candidatas e candidatos ás municipais da comarca. Esa voz, insistiu Bravo, servirá para pedir unha Facenda Pública Galega, “para xestionar nós os nosos impostos”, ou medidas como a da Tarifa Eléctrica Galega, “para axudar a salvar o emprego das industrias electrointensivas como Alcoa, pero tamén para axudar ás familias a reducir o custe da factura”. Tamén, para lograr o traspaso da AP-9 (Ferrol-Vigo) e da AP-53 (Santiago-Lalín) e acabar co espolio que actualmente representan, ou para reclamar a transferencia dos activos da Sareb e crear unha bolsa pública de vivendas para o fomento da vivenda pública.

Este venres, acto en Compostela e reparto na Gaiteira

María Xosé Bravo, xunto con Avia Veira, nº 2 da lista ás municipais en maio na Coruña, participaron esta mañá dun acto en Compostela no que o BNG quixo incidir nas reivindicacións de igualdade e dereitos, tras ser as galegas un exemplo de loita protagonizando as mobilizacións máis multitudinarias do Estado con motivo do 8 de Maio. Pola tarde, as candidatas estiveron presentes nun reparto na rúa da Gaiteira.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario