Jorquera quere que o Concello lidere un cambio de modelo económico na Coruña

O candidato do BNG á Alcaldía sinala nun encontro no Club Financiero que a cidade ten que abrirse ao mar e mirar ao mar, tamén como imaxe de marca.

Cal é a cidade-modelo que Jorquera quere para a Coruña da próxima década? O candidato nacionalista á Alcaldía continúa a debuxar ese “modelo a imitar” en xuntanzas con colectivos veciñais, asociacións e outros actores preocupados diante da encrucillada de camiños na que se atopa a cidade nas próximas eleccións municipais. Este xoves, no Club Financiero Atlántico, nun almorzo con empresarios coruñeses, Jorquera foi claro: “O Concello debe liderar un cambio de modelo económico na Coruña. Vimos dun modelo de hiperespecialización no sector servizos. Vimos de ver como se construían neste século 20.000 vivendas nunha cidade que non medrou. No seu propio informe, este Club, alerta de que o sector servizos precisa dun sector industrial potente. Mais o camiño que toma a comarca é converterse nun deserto industrial. Vimos dun modelo de investimento público moitas veces en gasto superfluo e non en investimento produtivo”.

“O problema é que na Coruña ese modelo de hiperespecialización no sector servizos, construción e gasto público superfluo non foi substituído por outro”, engadiu o candidato do BNG. “Pero o Concello pode e debe exercer un papel de liderado, de indutor dun proxecto no que teña en conta a todos os axentes e se preocupe por recuperar a iniciativa empresarial e que teña capacidade de diálogo con outras administracións e capacidade de incidir a nivel de Estado en todas as cuestións que afectan á cidade como a marxinación nas grandes infraestruturas ou as políticas de tarifa eléctrica”.

A visión comarcal e a oportunidade de abrirse ao mar

Francisco Jorquera fixo referencia ademais a dúas cuestións que aparecen como eixos desa cidade-modelo que vai perfilando o BNG desde que o candidato nacionalista deu o paso para comprometerse na política municipal a principios do pasado verán.

Falou Jorquera diante dos empresarios da oportunidade de recuperar a relación da cidade co mar e da necesaria visión comarcal para pensar a metrópole das próximas décadas.

No mar ve o BNG e ve Jorquera non só unha ocasión de abrir á veciñanza a fachada marítima coa recuperación para o público dos terreos do porto interior, senón tamén un sinal de identidade: “mesmo unha imaxe de marca asociada a calidade dos nosos produtos de mar mentres se incentiva o establecemento de industria innovadora vinculada á economía do mar”.

No debate sobre o futuro do porto interior, volveu subliñar Jorquera, “o BNG aposta por un porto vivo, que non abandone a actividade produtiva vencellada á pesca e á economía azul e a poña en valor”.

En canto á visión comarcal, o candidato nacionalista centrou o seu discurso nos cambios precisos na mobilidade entre os concellos, e dixo: “Debemos pensar nun sistema de transporte que non só mellore as conexións entre A Coruña e os concellos veciños, senón tamén as destes entre si, evitando o paso pola cidade central”.

E reiterou a aposta do BNG “pola intermodalidade, combinando distintas formas de transporte como o bus metropolitano, o ferrocarril de proximidade e incluso o transporte marítimo”.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario