“Coñecemos a fondo a cidade, temos un proxecto e a vontade e a capacidade para cambiar A Coruña”

Francisco Jorquera apela á experiencia e á solvencia das nacionalistas para acometer unha transformación da cidade.
“Coñecemos a fondo a cidade, temos un proxecto e a vontade e a capacidade para cambiar A Coruña”
4.6 (92%) 5 vote[s]

“Demostramos nesta campaña que coñecemos a fondo a cidade e aos seus cidadáns, que coñecemos os seus problemas e as súas necesidades, e temos alternativas”, dixo Francisco Jorquera, o candidato do BNG á Alcaldía, esta tarde no mitin central da campaña das nacionalistas, no que estivo acompañado por Ana Pontón, a portavoz nacional, Ana Miranda, candidata ao Parlamento Europeo, e Avia Veira, número dous da lista e o resto de candidatas e candidatos. “Temos un proxecto de cidade”, insistiu Jorquera. E a continuación debullou o plan do BNG “para cambiar A Coruña”.

“Queremos unha Coruña que sexa referencia por un urbanismo á medida das persoas, cun espazo público de calidade, accesíbel a todos por igual. Queremos unha Coruña cunha economía rica e diversificada. Acreditamos nunha Coruña con vocación metropolitana, porque A Coruña ten que ser a cabeza dunha comarca ben articulada. Queremos unha Coruña comprometida coa nosa lingua, e queremos mobilizar a enorme enerxía desta cidade, tamén no eido da cultura. Queremos unha Coruña que sexa referencia polo seu compromiso coa igualdade, a calidade dos seus servizos públicos e a potencia das súas política sociais. Queremos unha Coruña na que o acceso á vivenda  sexa, de verdade, un dereito”, dixo o candidato nacionalista.

Críticas á Marea e ao PSOE e ao PP

Jorquera lanzou críticas ao goberno da Marea Atlántica e ao partidos estatais. Dixo que a veciñanza perdeu a ilusión xerada hai catro anos cando chegaran ao goberno, e subliñou que a causa “da ineficacia do goberno municipal”, aquela ilusión “se  transformou nunha profunda decepción”. “A Marea Atlántica ten a responsabilidade de terlle posto fácil á dereita construír o seu argumentario”, afirmou Jorquera.

“Porque somos firmes defensores do público, cremos que para defender o público,  o primeiro que hai que facer, é xestionar ben o público. Por iso, a día de hoxe, case ninguén dubida que o próximo domingo vai haber un cambio. O que falta por decidir é o sentido dese cambio”, insistiu Jorquera. “Pero que ninguén se preocupe: O BNG nunca propiciou nin propiciará un goberno de dereitas.”

O nacionalista tamén sinalou as incoherencias do PSOE e advertiu: “a experiencia nos demostra que si o PSOE goberna ás súas anchas,  as súas políticas, moitas veces, se parecen máis as do PP. E o cambio que A Coruña necesita non pode consistir no retorno ao vazquismo: Ten que ser un cambio real, un cambio transformador.

Jorquera rematou pedindo o voto para o BNG aos que levan o país na cabeza e no corazón, “ao galeguistas” e “ás persoas de esquerdas”. E comprometeuse a liderar un goberno que poña por diante “ás demandas desta cidade”, “un goberno local que teña capacidade de diálogo e firme na defensa dos intereses da cidade”, e que “poña os intereses da cidade por riba da obediencia a un goberno dun mesmo partido”.

“O BNG é a única garantía dun cambio real”, di Ana Pontón

A portavoz nacional, Ana Pontón, centrou a súa intervención en destacar que A Coruña non ten que resignarse nin a catro anos máis dunha Marea que prometeu cambialo todo e só trouxo decepción e ineficacia, nin volver cara atrás co vello bipartidismo PP-PSOE que comparten no esencial un modelo especulativo e fracasado da cidade.

“A Coruña merece máis, ten tanto potencial que para avanzar só precisa construírse a favor de si mesma, a partir da súa historia e idiosincrasia progresista, republicana, e galeguista”, salientou, e o BNG “é a única garantía dun cambio real, da man do mellor alcalde que pode ter esta cidade, Francisco Jorquera, e cun proxecto solvente, serio, transformador e coa man tendida para facer desta cidade un referente internacional”.

Destacou que o Bloque ten un proxecto coas ideas claras para a cidade da Coruña porque ten un proxecto de país, desde unha óptica nacionalista fronte a un “municipalismo” do que fixo bandeira desde o vazquismo, pasando pola dereita do PP, até os rupturistas. “Non nós agochamos baixo un termos baleiro que serve para un roto e para un descosido, somos nacionalistas e desde o nacionalismo aplicamos un modelo municipal coas políticas máis transformadoras, sociais e radicalmente democráticas de Galiza”, proclamou.

A líder do Bloque apelou os e as coruñesas para que o 26M concentren todo o voto de país, nacionalista e galeguista, todo o voto inconformista na candidatura que encabeza Francisco Jorquera, para non volver atrás o vello bipartidismo de sempre pero tamén  para superar catro anos de política “insubstancial e de retórica baleira”. “O BNG ofrece un cambio real da man dun candidato solvente e con experiencia,  cun proxecto serio e  transformador para poñer a cidade a funcionar desde a capacidade de traballo e de diálogo”, salientou.

Pontón puxo as luces largas para salientar que un avance nacionalista nos concellos será decisivo para “darlle o finiquito” a Feixóo nas eleccións galegas e abrir un tempo novo en Galiza que un BNG “á alza” está en disposición de liderar. Así que, encher as urnas coas papeletas do Bloque servirá para estender por Galiza un modelo municipal de éxito capaz de converter en referentes de calidade de vida as vilas e cidades nas que goberna, pero tamén para colocar os cimentos da derrota do PP na Xunta. E, para conseguilo, fixo un chamamento á mobilización, a falar con todo o mundo para conseguir un gran resultado o 26M tanto nos concellos do país como na eleccións ao Parlamento europeo.

Ana Miranda insistirá diante de Europa contra a Fundación Franco

Pola súa parte, a candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, destacou que o BNG demostrou co seu traballo na Eurocámara o compromiso co medio ambiente que, no caso de Galiza, ten no saneamento integral das rías a gran materia pendente, como na Ría do Burgo e reclamará financiamento europeo para o dragado dos fondos contaminados. Igualmente, total compromiso para sacar adiante alternativas que revertan o cambio climático un asunto no que hai que actuar “con decisión e urxencia”.

A actual eurodeputada volverá colocar Galiza na Eurocámara como un referente na loita contra a involución democrática que ven da man da dereita e da extrema dereita “que pretende negarnos como nación, como pobo, negar a nosa cultura e a nosa  lingua”. Neste sentido, salientou a declaración aprobada en Bruxelas para ilegalizar a Fundación Franco e a súa loita, tamén no Parlamento Europeo, a favor da recuperación do patrimonio espoliado ao pobo galego, como a Casa Cornide ou o Pazo de Meirás.

Miranda, que reivindicou a súa como unha “candidatura feminista”, comprometeuse a volver facer do escano do BNG o escano do pobo galego, “aínda con máis forza” tras o 26M.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario