O BNG aposta polos Consellos de Barrio como espazo para a participación

Francisco Jorquera avanza nunha xuntanza coa AA.VV. de Matogrande que as nacionalistas impulsarán a presenza da veciñanza en órganos que participen “no deseño das políticas públicas”.

O BNG quere impulsar a presenza de asociacións, colectivos e veciñanza en xeral en órganos “que teñan como obxectivo participar no deseño das políticas públicas”, uns deses órganos serán os Consellos de Barrio, segundo avanzou nunha xuntanza coa AA.VV. de Matogrande, Francisco Jorquera, o candidato nacionalista á Alcaldía da Coruña. Jorquera explicou esta iniciativa das nacionalistas despois de que no encontro os veciños de Matogrande expresaran queixas sobre o pouco que se fala e se ten en conta a opinión das veciñas e veciños e tamén sobre a desunión entre os barrios. “Son cuestións que se repiten en todas as xuntanzas que vimos mantendo coas asociacións de veciños desde o pasado mes de setembro”, sinalou o candidato.

Na xuntanza, as veciñas e veciños de Matogrande puxeron de relevo que seguen pendentes de seren executadas actuacións ás que se comprometeu o actual goberno municipal: a renovación do firme na rúa Enrique Mariñas, o aproveitamento dunha parcela que foi cedida ao concello, a necesidade de aumentar o número de colectores do lixo e de bancos nas rúas, a reforma dunha rotonda… Tamén se referiron a unha demanda coa que levan décadas: o centro cívico, nun barrio que cumpre 25 anos; e advertiron dun recorte no servizo de buses urbanos no barrio. A liña número 4, xa non entra no barrio; aínda que de recuperar servizos, preferirían que se ampliasen até Matogrande as liñas 12 e 12A.

Jorquera explicou aos membros da asociación que un xeito de evitar que problemas de atrasos nos orzamentos impidan realizar pequenas actuacións é crear algunhas partidas xenéricas das que botar man nestes casos. Ademais, o candidato nacionalista concordou cos veciños na necesidade de pensar en mecanismos para que se produza unha integración real entre Matrogrande e o novo barrio do Ofimático, procurando tamén solucións para salvar a barreira que agora supón a vía do tren.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario