A Coruña con Ideas Claras

As liñas prioritarias para un goberno nacionalista.

Facer unha cidade modelo, á medida das persoas, na que a accesibilidade e a mobilidade sexan prioridades.

  • Garantir a accesibilidade ás beirarrúas, ás rúas e aos edificios e equipamentos públicos, eliminando as barreiras físicas e económicas que dificultan o acceso.
  • Avanzar na peonalización dos espazos públicos e na regulación dos seus usos, asegurando o acceso e o uso en condicións de igualdade, de todas e todos.
  • Impulsar unha nova política de mobilidade que prime o uso peonil, o transporte público e medios de transporte alternativos, evitando a apropiación do espazo público polo vehículo privado.
  • Reordenar as liñas do bus urbano, mellorando as conexións dos barrios entre sí, e destes cos hospitais e polígonos industriais.
  • Ampliar o horario de prestación do servizo polos autobuses urbanos e incrementar as frecuencias. Recuperar o carril-bus.
  • Estudar as posibilidades de remunicipalizar o servizo de transporte urbano co obxectivo de que cidade deseñe o transporte público en función das necesidades da cidadanía.

O público é noso se é accesíbel: o dereito á cidade empeza nas rúas.

Incardinar a cidade na comarca, porque A Coruña real non remata na Ponte da Pasaxe.

  • Impulsar a concertación de políticas a escala metropolitana, nomeadamente en materia de ordenación do territorio, planeamento urbanístico, transporte, auga e xestión e tratamento do lixo.
  • Promover a creación dunha Autoridade Metropolitana de Transporte e unha planificación integral do transporte a escala comarcal, mellorando as conexións entre A Coruña e os Concellos veciños e destes entre sí sen necesidade de pasar pola cidade central.
  • Apostar pola intermodalidade combinando distintas formas de transporte (bus metropolitano, ferrocarril de proximidade, transporte marítimo).

O futuro da Coruña debe planearse a escala comarcal, coa participación de todos os concellos e a súa veciñanza

Recuperar a vida nos barrios, cun forte tecido comercial e espazos públicos de calidade.

  • Plan urxente de rexeneración dos barrios, investindo en equipamentos e na mellora do espazo público.
  • Recuperar e revitalizar os mercados municipais como centros de vida barrial e indutores do comercio e consumo de proximidade.
  • Converter os centros cívicos, as rúas e as prazas en espazos de convivencia de persoas de todas as idades.
  • Humanizar os polígonos comerciais e industriais máis próximos á cidade, mellorando a calidade do espazo urbano e dotándoos de conexións de bus e aparcadoiros disuasorios.

Queremos recuperar os barrios da man da veciñanza, definindo coa súa participación as prioridades de investimento, para converter rúas e prazas en lugares de socialización amábel e fortalecer o tecido asociativo e comercial para facelo denso e vital.

Articular uns servizos sociais áxiles e eficaces para loitar contra a pobreza e as desigualdades.

  • Plan de Inclusión Social que oriente o conxunto das políticas de loita contra a pobreza e a exclusión.
  • Fortalecer a atención á infancia e á conciliación.
  • Reforzar a atención ás persoas e ás familias en situación ou en risco de exclusión e asegurar unha resposta áxil ante situacións de emerxencia social.
  • Mellorar os itinerarios de inclusión, as transferencias sociais e os convenios con entidades que prestan servizos, garantindo a máxima eficacia na loita contra as situacións de pobreza e de exclusión.

A Coruña precisa duns servizos sociais robustos, cunha avaliación continua da eficacia da prestación, sexa prestada directamente polo Concello ou por entidades que perciben recursos municipais para a prestación dos servizos.

Orientar as políticas públicas á xeración de emprego.

  • Aposta decida polo investimento público produtivo como elemento de dinamización económica e xeración de emprego. A xeración de emprego será un obxectivo transversal en todas as políticas municipais.
  • Impulsar un Plan de industrialización comarcal que teña por obxectivo a recuperación e diversificación do tecido industrial e o desenvolvemento dos sectores de vangarda no eido da investigación e do coñecemento.
  • Adaptar os programas de formación para o emprego ás expectativas reais de colocación dos demandantes.
  • Apoio o tecido comercial local, dinamizar os mercados e crear un banco de locais comerciais en todos os barrios da cidade.
  • O Concello velará, en todos os ámbitos da súa competencia, por garantir unhas condicións xustas e dignas nas condicións laborais das traballadoras e traballadores.

Queremos unha Coruña para vivir e traballar, na que a nosa mocidade non se vexa forzada a emigrar. Unha política transversal de emprego debe identificar e apoiar decididamente todas as posibilidades de xeración de emprego.

Facer da Coruña unha cidade comprometida coa igualdade e a loita contra o machismo.

  • Incorporar a perspectiva de xénero en toda a acción municipal con vontade de incidir na cidadanía e acelerar o cambio social.
  • Plan de acción contra o acoso e a violencia machista no ocio nocturno na cidade.
  • Incorporar cláusulas sociais nas contratas municipal que impidan a precarización do emprego feminino e a desigualdade nas condicións salariais e laborais.
  • Aumentar a capacidade da Casa de Acollida para vítimas de violencia de xénero e reforzar a atención no Centro de Información á Muller.
  • Impulsar a creación de escolas infantís e ampliar o servizo de canguraxe para potenciar a conciliación familiar.
  • Impulsar o Consello Municipal de Igualdade para que ás mulleres participemos directamente na definición das políticas de igualdade.

A Coruña ten que ser vangarda na loita contra o machismo e pola igualdade, a través de accións en todos os ámbitos, desde a educación á contratación pública, desde a atención inmediata até a creación de órganos de participación e planificación.

Garantir o acceso á vivenda como dereito universal.

  • Reformar EMVSA (Empresa Municipal de Vivenda) para que sexa realmente unha empresa pública de vivenda, co obxecto de garantir o dereito de acceso á vivenda mediante o incremento do parque existente e o desenvolvemento de políticas que contribúan a regular o mercado de alugueiro.
  • Crear un banco de vivendas para o alugueiro e incrementar os recursos para rehabilitación de vivendas destinadas a este fin, condicionando as axudas á aceptación dun prezo máximo de aluguer.
  • Mellorar a información dos programas públicos facilitando o asesoramento a través da Oficina de Rehabilitación.
  • Flexibilizar, agás en edificios de valor patrimonial, as normas de reforma de vivendas, para incrementar a oferta de pisos adaptados ás necesidades actuais, asegurando sempre estándares de calidade.
  • Establecer un servizo público de intermediación para resolver conflitos, como os derivados da demanda de instalación de elevadores. Incentivar novas fórmulas de instalación de elevadores en edificios que aseguren, tamén neste aspecto, o dereito á accesibilidade.

Comprometémonos a desenvolver políticas públicas de vivenda que promovan o alugueiro como solución inmediata aos problemas de acceso de amplas capas da sociedade, actuando desde o público para incrementar a oferta e utilizando os mecanismos a disposición do Concello para moderar os prezos.

Ampliar a difusión e goce da cultura a todos os barrios e públicos

  • Recuperar a Festa do Libro e desenvolver programas municipais de promoción da lectura.
  • Completar o proceso de remunicipalización do servizo de bibliotecas municipais e dixitalizar o acceso aos fondos para facilitar o uso do servizo.
  • Promover as artes escénicas. Habilitar locais de ensaio e de actuacións nos barrios para música, teatro e demais artes escénicas.
  • Facilitar o acceso aos centros cívicos e outros locais municipais ás entidades culturais da cidade e aos grupos e creadores locais.
  • Aprobar a ordenanza do galego e promover o coñecemento e o uso da nosa lingua en actividades dirixidas aos públicos infantís e xuvenís.
  • Aproveitar todos os espazos que ofrece a cidade para abrir a cultura a toda a veciñanza axudando a descentralizar a difusión.

Apostamos por unha cultura viva, da que todos sexamos non só receptores, senón tamén partícipes. Pensamos o acceso e o goce da cultura como un piar básico do benestar individual e colectivo.

Recuperar o Porto para a cidade.

  • Os terreos do porto son un elemento clave na cidade modelo á que aspira o BNG. Nos usos que se lles dean empezarán a dilucidarse catro grandes cuestións de futuro: a mobilidade, o modelo produtivo, os equipamentos públicos e o espazo verde libre que permita volver abrir a cidade ao mar.
  • Esixir que o financiamento do porto exterior da Coruña sexa asumido completamente polo Estado e negociar a devolución á cidade, sen cargas adicionais, dos terreos que resulten desafectados das actividades portuarias no Porto Interior.
  • Garantir os usos públicos do espazo liberado, evitando a especulación inmobiliaria cos terreos. Promover a instalación de equipamentos públicos e a creación de amplas zonas verdes.
  • Impulsar a creación dun intercambiador de transporte martítimo-terrestre que inclúa o aproveitamento do tendido ferroviario existentes para a posta en marcha de servizos de tren de proximidade.
  • Promover o establecemento de industria innovadora vinculada á economía do mar.
  • Demandar a apertura da lonxa ao público, a flexibilización do acceso a algunhas áreas portuarias e a creación dun museo do mar que manteña viva e poña en valor a identidade mariñeira da cidade.

Nos terreos do porto temos a oportunidade de empezar a definir a cidade modelo. A cidade tense que abrir ao mar e conservar ese espazo libre de intereses especulativos. Os terreos que no seu día foron privatizados, deben volver a mans da cidade libres de cargas.

Construír unha Coruña respectuosa co medio ambiente e coa veciñanza máis vulnerábel.

  • Modernizar da planta de Nostián para garantir a súa eficacia no tratamento do lixo e conseguir a máxima reciclaxe.
  • Demandar a rexeneración integral da Ría do Burgo para acadar a súa total recuperación como espazo natural, produtivo e de lecer de toda a comarca coruñesa.
  • Impulsar un Plan de remunicipalización dos servizos de limpeza e recollida de lixo.
  • Reducir as emisións dando prioridade formas de mobilidade alternativas ao uso do vehículo privado.
  • Impulsar a creación de novas zonas verdes e conservación e mantemento das áreas verdes existentes, asegurando a accesibilidade a todas elas.
  • Asegurar a limpeza diaria de rúas e prazas en toda a cidade.
  • Controlar e limitar a contaminación, vixiando especialmente problemas como os da contaminación sonora e a lumínica.

As políticas de medio ambiente e mobilidade tecen xuntas unha cidade que debe pensar na contorna toda, marítima e terrestre, social e económica, como o espazo sobre o que actuar.

Dar voz a cidade con mecanismos de participación real.

  • Impulsar a presenza de asociacións, colectivos e veciñanza en xeral en órganos que teñan como obxectivo participar no deseño das políticas públicas.
  • Promover a realización de consultas populares, comezando pola consulta sobre o uso futuro dos terreos do porto.
  • Elaborar un regulamento de participación cidadá.
  • Potenciar a participación colectiva. Constituír Consellos de barrio, pensados como foros de participación das entidades e dos veciños e veciñas na definición da política municipal en cada barrio.
  • Constitución dos consellos locais de cultura, de deportes, de igualdade, e do consello social.

Impulsaremos a declaración do cárcere como Ben de Interese Cultural.

O antigo cárcere provincial reúne dabondo valores que xustifiquen a súa inclusión no Rexistro de Bens de Interese Cultural; sinaladamente, un alto valor arquitectónico e un indiscutíbel interese histórico. E, segundo establece a normativa, calquera persoa, física ou xurídica, pode impulsar a demanda diante da Xunta de Galiza. Nós pretendemos que sexa o Concello da Coruña lle solicite da Xunta que o antigo cárcere sexa declarado BIC.

  • A inclusión do antigo cárcere no catálogo de BIC obrigará ao Estado, propietario do edificio, a atender á conservación do mesmo e abrir o espazo ás visitas do público. Temos a oportunidade de garantir a conservación do edificio e o seu uso pola veciñanza a curto prazo, pois unha vez iniciada a petición, a Xunta ten seis meses para responder.
  • A declaración como BIC permitiría incluír o cárcere dentro dun área de bens protexidos xunto á Torre de Hércules, o Castelo de Santo Antón e zonas da Cidade Vella.
  • A discusión sobre a propiedade e sobre a futura fórmula de xestión do espazo son cuestións a considerar, mais o urxente é reverter o abandono do edificio. En canto á propiedade, o BNG apoiou e impulsou desde a corporación e desde o primeiro momento todas as iniciativas para a recuperación do vello cárcere. E seguimos comprometidas niso.

Mocidade: necesidades materiais (vivenda + emprego) e sociais (asemblea + CMIX).

Activar o asociacionismo de mozas e mozas é un dos eixos da proposta do Bloque Nacionalista Galego co obxectivo de fomentar puntos de encontro e espazos de autoxestión. Mais as políticas urxentes teñen que ver coa satisfacción das necesidades materiais das mozas e mozos.

  • Facer unha reserva de vivenda en alugueiro para os menores de 30 anos como parte do programa do Banco de Vivendas en EMVSA.
  • Elaborar un plan de emprego específico para a mocidade, que contemple programas de formación e sensibilidade en dereitos laborais. E incluír de oficio nos pregos de contratación administrativa cláusulas que prioricen ás empresas licitadoras que contraten mozas e mozos menores de 30 anos.
  • Creación dun foro de debate xuvenil permanente, e convocatoria dunha asemblea de mocidade coa presenza de representantes da Concellería de Mocidade, onde poderá participar todo veciño da Coruña menor de 30 anos.
  • Impulso do Centro Municipal de Información Xuvenil desde o compromiso de recuperar a dirección pública das políticas que desenvolve o centro.
  • Crear un Observatorio da Mocidade que forneza de coñecementos obxectivos sobre a realidade xuvenil, singularmente en aspectos como o acceso á vivenda e ao emprego.

Escola Municipal de Artes Escénicas para un teatro galego que recupere o centro.

O teatro xoga un dobre papel na proposta de acompañamento municipal á Cidade Creativa. É unha ferramenta de transformación social en canto a que contribúe a formar un pensamento crítico. E tamén é un vehículo para promover o uso da lingua entre toda clase de públicos. Por iso propomos:

  • Creación da Escola Municipal de Artes Escénicas.
  • Impulsar desde o Concello unha programación estábel anual de teatro galego.
  • Programación estábel de actuacións nos recintos municipais de artes escénicas dirixida a novos públicos centrada en novas disciplinas como o teatro e danza contemporánea, o novo circo, a maxia e o cabaré, os espectáculos multimedia, a maxia e a música non comercial.
  • Establecer un prezo-xuvenil de entrada a museos, teatros, festivais e demais actos culturais de promoción municipal.
  • Realización de actividades de recoñecemento da figura de María Casares.

O Distrito do Mar: abrir a cidade ao mar cun novo polo de servizos, transporte e industria.

O Distrito do Mar é un centro que descentraliza. É un distrito novo que está pensado para convivir en harmonía cos vellos barrios da cidade que precisan del, para abrirse de vez ao mar e planificar en serio a mobilidade a nivel metropolitano. A clave da proposta está en dous equipamentos: (1) o intercambiador de transporte por vía férrea, marítima e a través de buses interurbanos e (2) o futuro gran hospital da cidade que englobaría atención e investigación nun espazo máis axeitado para desenvolver ambas actividades, vitais para a poboación.

  • O intercambiador precisa dun tráfico intenso de viaxeiros para ser eficaz como polo que desconxestione outras entradas e saídas e incentive o uso de transporte colectivo. O hospital precisa de boas comunicacións e facilidade de acceso desde calquera punto da área metropolitana.
  • (1) Intercambiador de transportes. Aproveitando a vía natural de entrada a cidade e as infraestruturas existentes. Tren de proximidade, cun modelo de tren-tram; buses e rutas marítimas regulares, que conecten no intercambiador entre si e co transporte urbano.
  • (2) Hospital que concentre varios equipamentos sanitarios existentes e inclúa espazos para o aloxamento de residentes e investigadores e dote dunhas instalacións moderna ao o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña.
  • (3) Zona pesqueira e de mercadorías. Mantemento da actividade industrial pesqueira e de tráfico de mercadorías, e incentivos á instalación de empresas innovadoras vinculadas á economía do mar.
  • (4) Zona verde e polo cultural. Abrir a cidade o mar supón proxectar espazos de lecer e espazos culturais. Neste sentido, a proposta do BNG é contemplar a posibilidade de situar neste distrito un museo ou aula do mar e a biblioteca central da cidade.

Fronte aos usos especulativos, titularidade pública e usos diversos: servizos públicos e actividades produtivas. Creación dun consorcio no que participen todas as Administracións. E liderado desde o Concello, xa que o futuro da cidade vai depender en boa medida da solución que se lle dea a estes terreos.

WhatsApp do Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Sabías que podes falar directamente coas candidatas do BNG?

  • Coñece as nosas propostas e o noso programa.
  • Pregúntalle a Francisco Jorquera, a Avia Veira ou a outra membro da candidatura.
  • Consulta a axenda do día.
  • Envíanos suxestións, queixas, críticas ou o que ti desexes.

Difunde as nosas ideas!

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email

Difunde as nosas ideas!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email