Manuel Lourenzo, Eli Ríos, Felipe Senén, Beatriz Maceda, Miguel Pernas, Dores Tembrás, Saleta Goi e Cesáreo Sánchez, entre outros, xunto a parte da candidatura do BNG ás municipais vinculada á lingua e a cultura, como Anxa G. Refoxo, Carme Sanjulián, Xosé Iglesias ou Celia Armas, representantes de asociacións culturais, librarías ou editoriais e mesmo colectivos como o Proxecto Cárcere, participaron do Encontro de Cultura deste xoves co que as nacionalistas remataban o proceso de recollida de propostas para o programa de cara as eleccións de maio. Máis de medio cento de persoas do mundo da cultura nun acto no que xunto a Francisco Jorquera, candidato do BNG á Alcaldía, tomaron a palabra María Xosé Bravo, candidata ao Congreso pola Coruña e ex-concelleira nacionalista de Cultura, e Mercedes Queixas, a número 3 da lista para as municipais, quen desde hai meses traballa na elaboración do programa de cultura do BNG a través de conversas e reunións con ducias de persoas que traballan no sector.
“Queremos facer da Coruña un epicentro cultural, para a veciñanza, presente en todos os barrios, próxima e accesíbel para todos os públicos, para aqueles que xa están e acoden, pero tamén para outros públicos”, dixo Mercedes Queixas durante o encontro. “Temos que formar novos públicos que participen da festa da cultura”, insistiu a candidata. Mais, precisou Queixas, falar de cultura “non só é programar eventos, ten que ir moito máis alá: porque a cultura é unha ferramenta de cohesión social e de transformación social, en canto a que contribúe a formar un pensamento crítico“.
Mercedes Queixas fixo referencia á cidade creativa que as nacionalistas aspiran a ir axudando a construír a partir de maio. “Para nós é necesario escoitar e dialogar con este pulso vital creativo da cidade”, dixo dirixíndose ao nutrido grupo de representantes do sector cultural da cidade, “que sabemos que non está debidamente posto en valor nin é recoñecido pola veciñanza”. Queixas incidiu nalgunha das propostas avanzadas este martes en rolda de prensa e indicou que a recuperación da Festa do Libro, a creación do ‘cheque cultural’ ou a posta en marcha dunha Escola Municipal de Artes Escénicas e dunha programación teatral estábel en galego, tiveron xa moi boa acollida.
Lingua e locais
Pola súa banda, María Xosé Bravo fixo unha defensa da lingua e sinalou, entre as demandas que levará o BNG á campaña do Congreso este mes, a reclamación dunha maior presenza da lingua galega nos medios públicos de comunicación e na programación internacional do Instituto Cervantes, e tamén se queixou da escasa atención que recibe a Real Academia Galega por parte do Estado. Ademais, Bravo advertiu que o BNG continuará a exixir que o galego manteña o seu espazo na Administración Pública. “Se eu teño dereito a usar a lingua galega, quen está na Administración debería coñecela e permitirme facer efectivo o meu dereito”, indicou.
No diálogo posterior ás intervencións, os asistentes lamentaron a precariedade, en canto a condicións laborais, vive a maioría do sector, tanto profesionais como empresarios, e demandaron máis apoio desde a Administración, tamén facendo pé no apoio as expresións culturais en galego. As nacionalistas recolleron ademais unha queixa recorrente entre as entidades do tecido colectivo da cidade: a falta de locais público. Francisco Jorquera comprometeuse a dar resposta desde o Concello a esta demanda, no só de locais sociais, senón tamén de locais para a creación e a exhibición das expresión artísticas.
As medidas do programa avanzadas
- Creación do Consello Municipal da Cultura.
- Instaurar ‘cheques culturais’ para o acceso á cultura de todas e todos.
- Creación dunha Escola de Teatro galego.
- Recuperar a Festa do Libro.
- Creación dunha Rede Única de Bibliotecas.
- Creación dunha Factoría Cultural.
- Posta en marcha dun programa de Residencias Culturais.
- Creación dun Catálogo de recursos culturais da cidade.
- Recuperación da Casa Cornide.
- Reforzar a visibilidade e o aproveitamento das diferentes casas museo da Coruña.
- Revitalizar os museos da cidade, con especial atención aos museos científicos, e o Arquivo Municipal.
- Recuperación do festival AchegArte.
