Francisco Jorquera, candidato á alcaldía polo Bloque Nacionalista Galego da Coruña

O desprestixio da política é moi preocupante porque a política é insubstituíbel

Rolda de Prensa do Bloque Nacionalista Galego da Coruña
Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email

A familia e a guerra

A miña infancia foi errante… Nacín en Ferrol, de Ferrol era toda miña familia e aínda que en Ferrol  vivín moi pouco, de cativo ía con frecuencia e alí pasaba as vacacións. A miña infancia foi errante polo oficio do meu pai, que era viaxante. Ao pouco de eu nacer fomos vivir a Salamanca, despois retornamos a Ferrol para axiña trasladarnos a Santiago, onde vivín cinco anos. Cando xa tiña 9 anos, asentámonos na Coruña, a cidade na que botei raíces.

Meu pai, sen caer nos tópicos, podería dicirse que era un self-made man. Empezou traballando como persoal civil nunha sección da Mariña que se chamaba Material Americano, que xestionaba o material que o Exército dos Estados Unidos enviaba ao exército español e que debía proceder da Guerra de Corea. Despois estivo vendendo Olivettis porta por porta. Logo foi contratado por unha empresa de galletas como vendedor, pasou a ser xefe de vendas doutra empresa de galletas, e máis tarde foi contratado como xerente por unha distribuidora de alimentación que tiña a súa sede na Coruña, o que motivou o noso traslado aquí. Ao final acabou facéndose coa maioría das accións da empresa e converteuse nun pequeno empresario.

O meu avó paterno, aínda que residía en Ferrol,  era de Cartaxena, razón pola cal me apelido Jorquera. Teño unha lembranza un tanto imprecisa dos meus avós paternos. El sempre falou español cun fondo acento ‘cartagenero’ mais ela era galegofalante e apenas sabía falar español. El era militar da Mariña e coñeceuna cando o destinaron a Ferrol. Despois foi destinado de novo a Cartaxena onde lle  sorprendeu a guerra.  Combateu no Exército Republicano e ao rematar a guerra foi expulsado do Exército e estivo preso un tempo nunha prisión militar. Ao  saír do cárcere, conseguiu traballo nos estaleiros da Bazán. Chamábase tamén, como o meu pai, Francisco Jorquera.

Dos meus avós maternos gardo unha lembranza máis precisa, porque pasábamos as vacacións no piso que tiñan nas “casas baratas”. Meu avó materno era barbeiro militar e bastante “afecto ao réxime”, que era como se dicía daquela, pero tanto él como miña avoa materna eran excelentes persoas.

Pola rama do meu pai vivimos a represión do franquismo en carne propia. Un tío avó meu  foi fusilado e outros dous morreron no exilio, en Francia. Os tres tamén eran da Mariña. Os dous exiliados combateran no lado da República, pero ao primeiro colleuno a guerra en Ferrol e foi acusado de participar nunha conspiración contra os golpistas, sometérono a un xuízo sumarísimo e fusilárono.

Memoria dos sucesos de Ferrol

A miña familia era atípica. Nunha época na que todo o mundo evitaba falar de política, na miña casa falábase. Coas precaucións propias do contexto, pero si que se falaba de política. Meu pai era radicalmente antifascista. Era desas persoas que antes de durmir pasaba as primeiras horas da noite intentando sintonizar Radio París (Radio Francia Internacional), Radio Pirenaica (Radio España Independiente) ou outras emisoras que emitían en onda corta en español, para informarse do que os medios de comunicación de aquí agochaban. Ese ambiente familiar influíu nas miñas inquedanzas. Lembro a meu pai como unha persoa bastante culta e progresista.

Eu era moi cativo en 1972, pero teño unha lembranza clara dos sucesos do 10 de Marzo en Ferrol e o impacto tremendo que provocaron na miña casa, pois tiñamos familia traballando na Bazán. Lembro a lista de feridos publicada en La Voz de Galicia, moitos eran feridos de bala, foi unha miragre que non houbese máis mortos. A fin de semana seguinte fomos a Ferrol a ver a familia. Meus avós maternos vivían en Recimil, moi perto de onde se producira a brutal carga e aínda estaba todo cheo de cascallos e restos da batalla.  Na viaxe até Ferrol, quedoume unha imaxe gravada: cada poucos quilómetros había unidades militares á beira da estrada.

A historia de Galiza é ignorada por parte da historiografía oficial española. Fálase do movemento obreiro en España durante o franquismo e pouco se mencionan os sucesos de Ferrol que logo tiveron continuación en Vigo. O de Ferrol foi unha cousa insólita. Chegouse a mobilizar o Exército por se tiña que intervir para reprimir a protesta e a colocar unha fragata da armada na metade da ría apuntando á ponte das Pías, pensando en derrubala para impedir que os obreiros cruzasen á outra beira para sumar o apoio dos traballadores de Astano. Un tío meu, que traballaba na radio, contounos que os traballadores tomaran a emisora para facer chamamentos pedindo doazóns de sangue para atender os feridos…

A miña nai era ama de casa. Eramos unha familia convencional, moi patriarcal. Ela tivo que criar tres fillos varóns máis outro que morreu sendo bebé. Acredito que cociñaba que era unha marabilla e ademais atrevíase con todo. Era unha persoa profunda e  sensíbel pero entre a personalidade expansiva e absorbente do meu pai e a estrutura de familia típica, penso que se inhibía á hora de exteriorizar os seus pensamentos sobre moitas cousas. Miña nai morreu hai un ano, despois de que o Alzhéimer a consumira pouco a pouco durante os seus últimos anos de vida. Foi algo para min moi doloroso. Meu pai morrera bastante novo, con 60 anos. Un dos meu irmáns, Ricardo, que é enxeñeiro de camiños, está asentado en Oviedo. A raíz da crise tivo que emigrar a Chile durante algo máis de catro anos, agora retornou e atopou traballo na Consellaría de Infraestruturas do Principado. O outro, Félix, vive entre Vilalba e Lugo. Traballa para Radio Voz.

Zalaeta, unha folga de estudantes na Coruña

Estudei en La Salle en Santiago e logo, xa na Coruña, primeiro nos Maristas e despois no Instituto de Zalaeta. Meus pais tiñan as súas contradicións,  non eran relixiosos e meu pai era moi anticlerical, mais consideraron que nun centro privado recibiríamos mellor educación. Dos Maristas… a memoria é selectiva, xa se sabe… hai cousas das que gardo unha boa lembranza e doutras non, como o clasismo que había nalgunha xente.  Marcoume moito un  conflito cun profesor de relixión. Era un cura que vestía de paisano, daba unha aparencia moderna, progre, mais o facía para gañar a nosa confianza e así influír máis en nós. Un día, coa transición xa iniciada, suscitou un debate na clase sobre política e pediu que todos falaramos con liberdade. Eu fíxeno, e custoume que me empezase a facer a vida imposíbel.  Pasei de sacar sempre sobresaliente e ser para el un “alumno exemplar” a ter suspensos sistemáticos e sofrir continuas expulsións. Aínda que sempre digo de broma que o que son débollo a el: arremetía contra os “roxos” e “separatistas”…e fíxenme de esquerdas e nacionalista; criticaba aos Beatles, porque seica exercían unha influencia perversa sobre a mocidade, e amei aínda máis a música de The Beatles; despotricaba contra unha película inglesa  sacrílega, que parodiaba a vida de Cristo, e cando se estrenou aquí A vida de Brian fun correndo ao cinema e dende aquela vina ducias de veces e sigo escachado de risa con ela….

O caso é que aquel conflito motivou que decidise cambiar ao Instituto e meus pais respetaron a miña decisión. E así entrei en Zalaeta. Se algo me marcou na mocidade foi o meu paso por aquel instituto. Non só aprendin moito como estudante, aquel Instituto foi para min unha auténtica escola da vida.  Neses anos iniciei tamén a miña militancia política. Entrei en ERGA aos 17 ou 18 anos, non lembro ben porque estiven ano e pico asistindo as súas actividades antes de me afiliar. Meditei moito dar o paso. Nunca fun frívolo coas cousas e naquela altura, estou falando de finais dos setenta, decidín que se me organizaba, asumiría todo o compromiso que diso se derivaba. Era un paso que tiña que ser reflexionado, ERGA aínda era unha organización clandestina.

Cando cheguei ao instituto era unha persoa de esquerdas e galeguista, pero sen máis decantación política. Mais aqueles foron os anos de explosión do que se chamou o nacionalismo popular, os anos das loitas das Encrobas, Baldaio, Xove…,eu simpatizaba máis con outras forzas políticas pero non as vía na rúa e ao Bloque, que xa se lle empezaba a chamar así, si o vin. ERGA era a forza máis numerosa e dinámica no instituto, non só encabezaba as loitas estudantis, tamén a actividade cultural ou recreativa….case todo o que se facía  ou movía era por impulso de ERGA. Creo que foi iso o que me decantou: ver que tiñan un xeito de facer as cousas moi apegado aos problemas concretos e que non se quedaba só na  teoría. Ao pouco de ingresar en ERGA tamén me afiliei á AN-PG. En Zalaeta vivín o meu bautismo de lume como militante. Foi tamén a raíz dun conflito cun profesor que era famoso polo seu autoritarismo e o seu pasado fascista. Estaba en COU, eu era delegado de curso, e suspendeume por falar galego nas aulas. Houbo unha folga indefinida e manifestacións no centro que acabaron desembocando nunha xornada de folga en todos os institutos da Coruña. Intentamos recoller apoios entre o profesorado, explicámoslles aos profesores do centro que non era unha loita contra eles senón contra o autoritarismo e o comportamento represivo contra o galego dun único profesor. Suspendeume en xuño, e mantivo o suspenso en setembro, pero me consta que houbo profesores que esixiron a revisión do exame e dese xeito acadei o aprobado e, tras superar a selectividade, pasar á Universidade.

A universidade: do desencanto aos CAF

Sempre tiven claro que, para madurar,  tiña que saír da casa dos meus pais en canto chegara á Universidade. Por iso optei por estudar en Santiago. Tiven dúbidas sobre que estudos elixir e decidinme por Historia porque as outras carreiras que me interesaban non se impartían aquí e non quería agrandar o custe económico para a familia marchando a Madrid. Teño que recoñecer que vivín certa decepción ao ver como se impartían as diferentes materias na Faculdade. Pero sigo pensando que a Historia é moi importante, como xeito de coñecer o que somos e como ferramenta para intervir ou condicionar o futuro aprendendo do que aconteceu no pasado. Tardei seis anos en sacar o título, porque durante algún tempo dediqueime máis ao activismo político e estudantil que a cumprir cos meus deberes como estudante.

Cando cheguei, vivianse momentos de refluxo do movemento estudantil. No primeiro ano, no curso 80-81, xa se notaba o desencanto, aquilo que se chamou o ‘pasotismo’. Tamén no nacionalismo, no 81, houbo un conflito no BN-PG que minou moitísimo, íamos cara unha situación de atomización e marxinalización. De feito, o nacemento ao ano seguinte do BNG vén en parte pola necesidade de superar aquela situación. En certa medida, o golpe de Estado do 23-F de 1981 trunfou, pois se recondiciu o proceso da transición, limitando o alcance das transformacións democráticas.  A raíz do 23-F iniciouse, como acontecera na República,  un bienio negro de represión e recorte de dereitos, semellante ao que acontece hoxe en día.

Aquela situación de debilidade de ERGA e do conxunto do movimento estudantil  mudou nos anos 83 e 84. Foron anos de efervescencia, o acicate foi a loita pola democratización da Universidade e a resposta á Lei de Reforma Universitaria, que trasladaba a reforma política ao ámbito universitario coa apertura de procesos democráticos para a renovación dos órganos de goberno das faculdades e a elección do Claustro Constituínte da Universidade que debería elaborar os Estatutos da USC e escoller á equipa rectoral.

A “avanzadilla” foi precisamente a Faculdade de Historia. Os estudantes fixemos unha folga e un peche indefinido para forzar a demisión do decano e a democratización da Xunta de Faculdade e conseguimos gañar a batalla. O aglutinante foi o Comité de Faculdade, un órgano de participación estudantil que emanaba do movemento asambleario.

Coa convocatoria de eleccións ao Claustro Univesitario, dende ERGA e outros colectivos impulsamos a creación ou a revitalización de máis Comités de Faculdade e así foron agromando os CAF como fórmula de concorrencia ás eleccións nas que confluímos nacionalistas, xentes da esquerda extraparlamentaria e moitos independentes. Gañamos as eleccións pola parte estudantil e impulsamos a creación da Alternativa para a Universidade Galega, aglutinando a sectores do profesorado e do persoal non docente, para defender unha proposta alternativa de Estatutos da Universidade e unha candidatura á equipa rectoral encabezada por Xosé Manuel Beiras.

Aínda que no Claustro as nosas posicións non foron maioritarias, acadamos unha posición de moita influencia. Se hoxe en día existen correntes nacionalistas organizadas en todas as universidade galegas que mesmo conseguiron ter durante algún período reitores nacionalistas como Xosé Luís Armesto ou Salustiano Mato, en certa medida foi froito do traballo que se iniciou naqueles anos.

Naquela época eu fun durante dous anos Secretario Nacional de ERGA e membro da Xunta de Faculdade de Historia e do Claustro Constituínte da Universidade de Santiago de Compostela. Traballei cóbado con cóbado con moita xente que logo tivo un protagonismo importante no nacionalismo galego. Un deles foi Néstor Rego. Chegamos ao mesmo tempo a Historia e participamos activamente na reactivación do Comité de Facultade, naquel peche contra o Decano e en todo o proceso do Claustro Constituínte.

Estratexia rupturista na transición

Desde o meu punto de vista un dos problemas que tivo o nacionalismo galego é que chegou a unha etapa decisiva, a etapa na que se ía definir o mapa político en Galiza durante as décadas seguintes, algo inmaturo. Eran organizacións moi novas, con moi pouca experiencia política, pola falla de continuidade histórica entre o Partido Galeguista e as novas organizacións que, case dende a nada, xorden nos anos 60.

Basicamente, en canto a incidencia social, había dúas alas: por unha banda, a nucleada arredor do BN-PG, maioritaria social e organizativamente; e doutra o espazo que logo acabaría configurándose en torno a EG e máis tarde, o PSG-EG, que tivo durante algún tempo unha incidencia electoral relativamente importante e mesmo no 85 superou en votos ao que xa era o BNG.

Penso que a aposta por unha estratexia rupturista do BN-PG era a correcta no seu momento, e a evolución do Estado español, demostra que as análises que se facían naqueles anos eran acertadas… pero seguimos apostando por esa estratexia sen introducir modulacións, cando a efectos prácticos a transición xa estaba pechada e o réxime político resultante estaba consolidado para moitos anos. A ruptura xa non era viábel a curto prazo.

Esa situación obrigou a revisar estratexias e métodos de traballo e a diferenciar os obxectivos a curto prazo dos obxectivos a longo prazo, introduindo un maior ‘gradualismo’, pero esa adaptación fixémola con bastante retraso. Demorámonos e pagamos o custo en canto a  capacidade de incidencia.

Algo que nos diferencia de Euskadi e Catalunya é que neses países as institucións de autogoberno estiveron case sempre hexemonizadas por partidos nacionalistas que, pese as grandes limitacións do marco,souberon poñelas ao servizo da construción nacional.  Aquí, estiveron case sempre hexemonizadas por partidos que non acreditan no autogoberno e que as utilizaron para o fin contrario.

Outras correntes que si apostaron pola vía autonomista, excedéronse, ao meu ver, en sentido contrario. Ti podes estar dentro das institucións con vontade de hexemonizalas e mesmo asumindo responsabilidades de goberno, pero sen por iso sacralizar o marco.

Feito este repaso do pasado, hoxe o que temos é un Estado das autonomías completamente esgotado, froito dun proceso de recentralización e de involución do Estado que acabou con todas as posibilidade que podía ter o marco para construír país. Por iso hoxe é imprescindíbel superar ese marco.

O marco estatal esgotado

Esa revisión centralista do modelo autonómico iniciouse moi cedo. Empezou co café para todos,intentando diluír as realidades nacionais equiparándoas coas rexións españolas, cando realidades distintas exixen tamén solucións distintas. A LOAPA, en 1982, xa é un intento de reconducir o proceso autonómico limitando o sue alcance. Despois, durante o aznarismo, houbo unha ofensiva recentralizadora brutal. Pero se temos que establecer un feito que simbolice o esgotamento do marco sería o que aconteceu co Nou Estatut de Catalunya.

O Estatut foi aprobado primeiro polo Parlament de Catalunya, despois (con retalladas) polas Cortes Españolas e por último aprobado en Referendo  polo pobo catalán, e  o Tribunal Constitucional (cunha composición previamente alterada pola manobras do PP) decide botalo abaixo,  erixíndose nun poder por riba dos poderes democráticos . O Catedrático de Dereito Constitucional, Javier Pérez Royo, nada “sospeitoso” de nacionalista, ten definido todo isto como un golpe de Estado fáctico  cuxas consecuencias perduran hoxe.

Da Permanente do BNG ao Congreso dos Deputados

Ao rematar a carreira decidín ir facer a mili para quitarme iso de enriba. Nalgunhas cousas son moi práctico, tiña presa por pasar ese mal trámite e emanciparme, por iso non quixen arriscar declarándome obxector. Tocoume Ceuta.

Ao rematar a mili e voltar á Coruña empecei a traballar na empresa de meu pai cargando no almacén ou axudando no reparto. Tamén  traballei como repoñedor dos seus produtos en Continente [hoxe Carrefeour]. A miña idea era preparar oposicións, pero estiven así un par de anos ata que en 1990 o BNG falou comigo para pedirme que me “liberase”. Sempre me fixo graza esa palabra porque para min a liberación é outra cousa. O BNG estaba nunha fase de crecemento, pasara de 1 a 5 deputados no Parlamento galego e por primeira vez tiña grupo parlamentar mais a organización case non tiña estrutura permanente, todo residía no voluntariado. Ofrecéronme ser o Secretario Técnico da Permanente do BNG. Unha especie de “factotum” que baixo a tutela da Permanente facía de todo: preparar as reunións da Permanente, executar os acordos, manter a comunicación cos responsábeis territoriais, boa parte do traballo organizativo, de loxística, da supervisión económica…, incluso acabei asumindo a representación legal do BNG.  Parafraseando a un líder peronista arxentino, polo BNG traballaba as 24 horas do día e pola noite se facía falta… Fomos creando pouco a pouco unha estrutura máis ampla e o que en principio era un cargo técnico pasou a ter recoñecemento político convertíndome en membro nato da Permanente que despois pasou a ser a Executiva do BNG.  Entre 2003 e 2009 pasei a ser Coordinador Executivo -unha especie de Secretario Xeral interno-.  En 2005 fun eleito Senador polo Parlamento Galego, e durante tres anos (do 2005 ao 2008) compatibilicei a Coordinación Executiva do BNG co meu traballo no Senado. Despois veu a miña etapa como deputado no Congreso e nesas circunstancias xa era imposíbel atender á coordenación executiva do BNG.

Representación en Madrid: o Senado

A efectos prácticos, o Senado non ten sentido, é unha reminiscencia do pasado, cando o Senado representaba aos “notables” ou aos “grandes da nación” . O Congreso funciona como cámara de primeira e de terceira lectura. Ten a última palabra en todo. Sería máis racional un sistema unicameral, ou ben ir a un sistema no que o Senado sexa cámara de representación das nacións e teña  a última palabra nas cuestións que afecten á organización político-territorial. Sería adecuar o Senado a un Estado de carácter plurinacional. Hoxe é inservíbel. Pero iso non quere dicir que alí non se poda levar adiante un traballo político incesante. Se non lembro mal, na miña etapa fun o Senador con  máis iniciativas e intervencións. O traballo do BNG no Senado serviu fundamentalmente para dotar a Galiza de visibilidade política. Non había maiorías absolutas e o voto do BNG, o mesmo que no Congreso, moitas veces era determinante, tiñamos unha situación de influencia política real. Pero a nosa aportación fundamental foi que os nosos intereses como sociedade e as cuestións que afectaban singularmente a Galiza estivesen presentes na axenda do Estado, porque existe a tendencia na política estatal a falar só de Catalunya e Euskadi e ignorar os problemas que afectan á sociedade galega.

Representación en Madrid: o Congreso

No Congreso estiven a partir das eleccións de marzo de 2008. Máis alá do slogan, creo que se puido constatar que Galiza está se o BNG está.  Hoxe,por desgraza,  Galiza volve estar ausente e como país estamos pagando as consecuencias, porque cando falamos de presenza de Galiza, non falamos de abstraccións, naquel período trasladamos a Madrid todas as cuestións que afectan singularmente á nosa sociedade: desde os problemas da nosa industria, do noso agro ou da nosa pesca, ás infraestruturas… No ámbito da Coruña, por exemplo, fomos nós os que levamos a Madrid a problemática da ría do Burgo ou a necesidade dunha conexión ferroviaria moderna entre A Coruña e Ferrol, entre outras moitas cuestións. Pero non nos limitamos a cuestións específicas do país. Por exemplo, no período no que eu estiven, foi o BNG quen a través dunha Proposición de Lei conseguiu que se debatera por vez primeira a modificación da lexislación en materia de execución hipotecaria para poñer fin aos desafiuzamentos e facer posíbel, en última instancia, a dazón en pago. Fomos nós os primeiros en presentar unha Proposición de Lei de reforma da Lei de Amnistía para que deixe de ser utilizada como unha lei de ‘punto final’ que impide a investigación e a depuración de responsabilidades polos crimes do franquismo. Tamén foi o BNG quen impulsou unha Lei de prazos en materia de interrupción voluntaria do embarazo que preparou o terreo para a unha reforma progresista da Lei do aborto. Non houbo asunto de dimensión social ou de política democrática que fose alleo ao traballo parlamentar do BNG.

Entre as cuestións cunha importancia singular, lembro que o BNG foi decisivo na aprobación dos primeiros Orzamentos Xerais do Estado da segunda lexislatura de José Luís Rodríguez Zapatero. Eses orzamentos prosperaron polo acordo do PSOE, do PNV e do BNG. Naquela negociación conseguimos un incremento significativo do investimento en Galiza, que se plasmara nos Orzamentos a reivindicación de que o investimento en Galiza superase o 8% do investimento total territorializábel (dous puntos máis do que nos corresponde por poboación) para ir correxindo os déficit acumulados por anos de marxinación. Grazas a iso introducíronse actuacións que, polo seu carácter plurianual, aseguraron un investimento importante sostido no tempo. Pero a maiores conseguimos completar unha serie de transferencias a Galiza que contrastan co balance 0 neste eido do Goberno Feijóo.  Ademais non pagamos peaxe algunha por chegarmos a aqueles acordos, cando o Goberno Zapatero deu o xiro cara ás políticas de recortes, o BNG estivo á vangarda á hora de facer oposición e mesmo infrixímoslle unha importante derrota política, ao conseguir que o Congreso instara ao Goberno a retirar o recurso de inconstitucionadade contra a Lei de Caixas de Galiza (unha lei que pretendía blindar a galeguidade das nosas caixas para impedir a súa absorción por entidades foráneas e forzar ademais a remoción dos seus xestores, responsábeis do dano patrimonial causado a aquelas entidades). Debeu ser a única ocasión na que o Congreso se pronunciou en defensa dunha Lei autonómica fronte ao Goberno Central.

A política despois da crise de 2008

A crise económica e a resposta que se deu á crise provocaron un cambio na percepción da política pola sociedade no que influíron moitos factores. Houbo un sentimento de indignación totalmente xustificado que tivo unha das súas expresións en todo o que  se aglutinou arredor do 15-M. Para min obedeceu a dúas razóns básicas. A primeira foi a constatación de que as políticas que se deseñaron utilizando a crise como pretexto non tiñan en conta os intereses da maioría da sociedade e eran ditadas polos grandes poderes económicos, en particular os financeiros.  Nunca se exteriorizara dun xeito tan claro unha crise de lexitimidade democrática. Cando o que impera é seguir o ditado de poderes que non emanan da vontade da cidadanía, non hai unha democracia real. En segundo lugar, e en relación co anterior, percibiuse que determinados partidos teñen discursos cambiantes e  intercambiábeis en función de se están no Goberno ou na oposición, actuando no Goberno como simples correas de transmisión dos intereses dos grandes poderes económicos e, ademais, ese rol vai acompañado de pago de favores, as chamadas portas xiratorias. Baixo a aparencia de democracia o que funciona é unha plutocracia. Esta situación non era nova, pero unha crise tan aguda e unhas políticas tan agrasivas para as maiorías sociais , púxona máis que nunca en evidencia.

O desprestixio do público

A parte deses factores houbo unha campaña sistemática da dereita para desprestixiar a política. Se todos os políticos son corruptos…o PP non ten que que pagar o custo político da súa corrupción. Se toda política é mala…, para qué cambiar de política?.  Esa era a lóxica da dereita. Ademais, desprestixiar a política é unha forma para desprestixiar o público e crear o caldo de cultivo para que todo se privatice. Esa política de desprestixio da política arranca da época de Aznar e acentuouse despois usando a crise como pretexto, atribuíndo a causa da crise ao gasto público cando se orixinou na  banca, e o déficit público foi consecuencia de que o Estado acudise ao seu rescate. Establecida a falsa idea de que a crise fora froito dun gasto público excesivo a consecuencia era clara: recortar os servizos públicos, abrindo vías para a súa privatización.

Quero insistir neste punto: a dereita axudou ao desprestixio da política. E o desprestixio da política é enormemente preocupante porque a política é insubstituíbel. A súa negación conduce ao fascismo. Pódese ser críticos con determinadas políticas e tamén con determinados comportamentos políticos, pero iso só se pode combater apostando por outras políticas, non desde a negación da política. Eu participei daquela indignación, pero sempre vin con cautela certas manifestacións de descontento de signo populista porque iso foi o caldo de cultivo do que agora estamos vivindo: a emerxencia do fascismo baixo un novo rostro. A esas políticas demagóxicas e populistas que pretenden igualar toda a política temos que poñerlle diques desde a esquerda e desde o nacionalismo.

As prioridades en política

Que non todos os políticos somos iguais é algo obxectivo, e non o somos nin polo que defendemos nin polo que practicamos. Vamos ver, non coñezo a ningún cargo institucional do BNG que polo feito de ser ou ter sido deputado ou alcalde, por poñer un exemplo, tivera cambiado substancialmente o seu modo de vida. Non o coñezo. Eu considérome un cidadán a quen en determinadas etapas lle tocou asumir responsabilidades representativas, pero nin cambiei o meu modo de vida nin a forma de relacionarme coas miñas veciñas e veciños. Procurei servir aos meus representados sen esquecer nunca cales eran os meus compromisos e cal era a miña orixe.  Por que acredito na política? Porque case todos os problemas sociais teñen unha raíz política e só son resolúbeis desde o ámbito político e apostando por outras políticas. O que marca as diferenzas entre unhas políticas e outras, máis alá do discurso, é como á hora da verdade se establecen as prioridades. Por exemplo, as prioridades que estableces no gasto público e de que ferramentas fiscais te dotas para captar recursos que permitan atender ese gasto. Diante dun problema como o do desemprego, abondando no exemplo, é preciso ter máis recursos públicos para que ninguén fique desprotexido nin excluído e para impulsar políticas de xeración de emprego. Se falamos de prioridades creo que hoxe en día é obxectivo que ningunha das forzas con representación no Congreso prioriza a Galiza na súa axenda. O exemplo persoal, a conduta, tamén conta e fai cribles esas diferenzas.

Leccións do goberno bipartito na Xunta

Aquela etapa vivina con ilusión e tamén con preocupación, porque detectei con moita antelación que podía retornar o PP ao Goberno da Xunta. Toda acción de goberno ten limitacións e cométense erros, pero a xestión merecía de sobra o aprobado, dende logo o balance da xestión do período Feijóo non resiste a comparación co balance do bipartito. Cales son pois, na miña opinión, os motivos do castigo electoral en 2009? Influíu que esas eleccións tiveron lugar coa crise xa iniciada, co conseguinte descontento social. Tamén houbo unha oposición moi contundente non só da dereita política, senón tamén da económica a través dos seus medios de comunicación,  diante da cal non soubemos reaccionar. Foi unha campaña mediática moi eficaz para deteriorar a imaxe do goberno. Pero tamén se cometeron erros. Creo que o Goberno do bipartito se confundiu nos xestos, na maneira de relacionarse coa sociedade. Deuse, sen pretendelo, a sensación de novos ricos e de certa instalación no poder que provocou unha desconexión con sectores que fixeran posíbel o cambio de goberno. Había xente que pensaba que o BNG era percibido como unha forza útil para desenvolver un labor contundente na oposición, pero non era percibido como unha forza de goberno. Para corrixilo fíxose énfase en aspectos que se asocian á detentación de poder, mais houbo excesos que provocaron que transmitiramos a imaxe de estar acomodados. Tamén houbo problemas de relación co PSOE. Nun goberno de coalición son lóxicas as discrepancias e é lóxico que cada forza política queira marcar o seu propio perfil, mais en moitas ocasións as diferencias que se exteriorizaban non eran por cuestións políticas relevantes, transmitiuse a sensación de estar a pelexar polo protagonismo ou por cuestións anecdóticas. Por último, non se mediu ben a gradación das medidas. As máis duras, as que se sabe que provocarán resistencia porque afectan ao status quo establecido, había que telas tomado ao principio da lexislatura, porén moitas deixáronse para o final e o Goberno quedou sen marxe de manobra para defenderse da reacción que provocaron. O bipartito iniciou cambios de enorme relevancia que para desgraza do país ficaron truncados co retorno do PP. O balance,insisto, foi positivo, pero se queremos aprender das experiencias pasadas hai que tomar nota tamén dos erros.

A responsabilidade e a madurez

Ao longo da nosa historia o BNG ten demostrado que é unha forza política capaz de conxugar a claridade no seu discurso e a coherencia na súa práctica política coa responsabilidade. Pensamos sempre no interese da sociedade. Nun país no que o PP segue a ser forza hexemónica hai que  facer posíbel gobernos alternativos procurando a negociación e o acordo coas forzas que se reclaman progresistas para non frustrar a necesidade de cambio. Somos unha forza que negocia e dialoga, e iso é perfectamente compatíbel con ser firmes na defensa das nosas ideas e conviccións. Temos madurez para sacrificar o noso interese inmediato en beneficio da sociedade, e non hai moitas forzas que poidan acreditalo na práctica.

Amio e a unidade

Amio? Vivín aquilo de maneira traumática, para que negalo. E ademais asumindo de maneira consciente –xa dixen que medito moito as decisións– un costo persoal importante.

Penso que para Galiza a unidade do nacionalismo é necesaria para termos máis influenza política e incidencia social. O grao de desenvolvemento da conciencia nacional neste país non dá para que poidan competir electoralmente entre si distintas forzas nacionalistas, por iso para min a unidade é un valor, entendéndoa como unha ferramenta para a acción política. Vivín toda a traxectoria do nacionalismo galego desde o ano 78 até hoxe e sei o traballoso e difícil que foi ir aglutinando a  distintos colectivos e sectores para construír unha casa común. Así que Amio foi como o mito de Sísifo, ver caer a rolos a pedra que tanto custara subir a cimeira….

Con todo, as diferenzas que levaron a ruptura eran reais e a práctica posterior así o demostra. Houbo colectivos que renunciaron a facer unha política nacionalista e terminaron aceptando ser satélites de partidos estatais ou estar no Congreso totalmente subsumidos no grupo de Podemos.  Acabaron abandonando as posicións nacionalistas ou reducindo o nacionalismo a un elemento tan secundario que na práctica renunciaron a facer política nacionalista. O BNG é hoxe a única forza política en Galiza que mantén unha práctica nacionalista e por iso é imprescindíbel para o noso país.

Alén do político, para min Amio tamén foi unha vivencia traumática no persoal. Ninguén discute que eu no BNG sempre intentei construír pontes, por iso desde o punto de vista persoal custoume asumilo. Pero eu entendo a política como un compromiso, non como unha carreira persoal,  por iso accedin á petición de moitas compañeiras e compañeiros de que tivese disposición a ser o Candidato á Presidencia da Xunta. Acepteino aínda que sabía que en certa xeito era asumir un “marrón”. Se a ruptura do BNG se consumaba, ía deixarnos nunha posición moi delicada e a min tocariame asumir ese custo.

O Bloque hoxe

O BNG hoxe está tranquilo, unido e centrado no que debe estar centrada calquera forza política: responder aos problemas da sociedade e ser útil ao país. Hai unha tendencia clara á recuperación. Fronte a experimentos de éxito efímero, porque naceron para  sacar réditos dunha conxuntura, o tempo acaba premiando a coherencia, a seriedade e a consistencia.

A candidatura a alcaldía

Xa comentei que concibo a política como un compromiso. Cando deixei o Parlamento galego fíxeno sabendo que remataba unha etapa e asumino con naturalidade. A verdade é que non pensaba en volver asumir responsabilidades institucionais e seguín contribuíndo ao proxecto nacionalista dende a miña condición de militante e de Presidente da Fundación Galiza Sempre. O ano pasado, unha serie de compañeiras e compañeiros falaron comigo e dixéronme que me vían como un bo candidato á Alcaldía da Coruña. Pedíronme que tivese disposición a aceptar esa proposta se se chegaba a formalizar. Tomei un tempo para reflexionar e aceptei. A asemblea, na que participaron militantes e simpatizantes, refrendou a proposta por unanimidade. Agora ofréceseme a posibilidade de traballar pola cidade na que botei raíces, na que naceron a miña muller e os meus fillos, e síntome honrado pola confianza. Sempre entendín o BNG como un  proxecto colectivo.  O BNG ofrece solidez e rigor, compromiso e seriedade. E iso non rifa coa frescura, podo asegurar que o noso proxecto terá frescura, ideas claras e innovadoras para a cidade. Se tivese que resumilo nunha palabra, elixiría solvencia.

Solvencia desde unha óptica galeguista e progresista, entroncando coa mellor tradición da cidade da Coruña.

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email