“Firmeza ante a chantaxe”

Reproducimos a seguir a nova entrega de Francisco Jorquera nas páxinas de Opinión de El Ideal Gallego.

Unha empresa privada concesionaria dun servizo de titularidade municipal non pode chantaxear impunemente o concello da Coruña, moito menos utilizando o cadro de persoal, as traballadoras e os traballadores, como reféns nunha práctica que non cabe máis que cualificar de mafiosa. Mais iso é o que está a acontecer con Albada, a compañía en mans dun fondo de investimentos chinés que xestiona a planta de tratamento de residuos de Nostián, na súa relación co concello. E é xa moita hora, como tamén están a pedir as traballadoras e os traballadores, de que o Goberno Local reaccione e adopte unha postura de firmeza, co propósito de defender os intereses non só do persoal da empresa, senón do conxunto das coruñesas e dos coruñeses.

Repasemos os datos deste asunto. O Goberno Local anterior non deixou os deberes feitos e a concesión de Nostián vai caducar a 1 de xaneiro sen que se activase o procedemento para o seu relevo, en tempo e forma, por outra concesionaria. O Goberno Local actual tampouco está a acelerar como debera a tramitación do novo concurso. No medio, Albada, sen ningún tipo de disposición ao diálogo, ameaza a traballadoras e traballadores cun ERTE que afectaría o 40% do cadro de persoal e anuncia tamén a súa vontade de interromper o servizo que até agora viña prestando aos concellos do Consorcio das Mariñas. Teñen toda a razón as operarias e os operarios da planta cando indican que esta non pode funcionar adecuadamente se se consumaren os despedimentos. O colapso estaría servido.

O concello está plenamente amparado pola lei e polo propio prego de condicións do contrato. Aínda que caduque o prazo da concesión, e mentres non se resolver o novo concurso, a empresa está obrigada a manter a prestación dos seus servizos, pola súa obvia utilidade social, nos mesmos termos en que o viña facendo até o de agora. Isto implica necesariamente que non pode cortar de forma unilateral a súa relación cos concellos do Consorcio das Mariñas e que, consecuentemente, Albada en ningún caso estaría lexitimada para promover un ERTE masivo na planta.

E que pode facer o concello se Albada teima en non cesar na súa actitude chantaxista? Pois aplicar as propias previsións do prego de condicións e intervir a planta.

Iso é o que responsabelmente ten que facer o Goberno Local, nun proceso que ten que ser liderado pola alcaldesa, e iso é o que o BNG vén de plantexar esta semana. Tempo haberá a partir diso para reflexionar sobre que modelo de tratamento de residuos convén á cidade –desde logo cómpre recuperar o espírito inicial de Nostián infelizmente truncado co paso do tempo e ollar para modelos xa en marcha como o de Pontevedra – e tempo tamén haberá para analizar a pesada hipoteca que en moitos casos significa que servizos de titularidade pública estean xestionados por grandes conglomerados empresariais privados que antepoñen sempre o lucro ao interese social.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario