“Hai que avanzar na remunicipalización de servizos básicos para a cidade”

Francisco Jorquera lembra, durante unha concentración de protesta das traballadoras e traballadores de Albada, que é intención do BNG acometer as remunicipalizacións de servizos básicos, que seguen pendentes sen que o actual goberno municipal dera pasos nesa dirección.

“Hai que avanzar na remunicipalización de servizos municipais básicos para a cidade e o goberno municipal ten que involucrarse á hora de asegurar condicións salariais e laborais dignas para as traballadoras e traballadores que prestan servizos para o Concello, inda que sexa a través de empresas concesionarias”, dixo Francisco Jorquera, candidato do BNG á Alcaldía, esta mañá durante unha manifestación en María Pita das traballadoras e traballadores de Albada, a compañía que xestiona a planta de Nostián, e que reclaman un convenio xusto ao remate do actual a final deste ano.

“Diante desta situación, o Concello da Coruña non se pode desentender, un concello comprometido co emprego supón que o goberno municipal se preocupe de que os traballadores municipais teñan unhas condicións dignas”, subliñou Jorquera.Jorquera considerou ademais que “un modelo máis racional sería que o lixo e todo o seu ciclo estea xestionado por unha empresa municipal, fronte ao modelo actual no que a limpeza, a recollida e o tratamento están concesionadas a empresas distintas”.

O candidato nacionalista lembrou que o BNG é favorábel a “avanzar na remunicipalización de servizos básicos, como a limpeza, a recollida ou o tratamento do lixo”, algo que non fixo o actual goberno da Marea malia que van rematando moitas das concesións.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario