“Imos mudar a decepción en ilusión cun proxecto verdadeiramente transformador”

Jorquera chama á participación e advirte que "a desmobilización beneficia a esa Triple Alianza que quere que retornemos a un pasado negro".

“É un equipo conformado por persoas capaces e solventes que será quen de devolver a ilusión á cidade nun cambio feito desde nós, enraizando coa mellor tradición da Coruña, esa longa tradición galeguista e progresista”, dixo esta mañá Francisco Jorquera, candidato á Alcaldía polo BNG durante a presentación do primeiro tramo da lista que encabeza (ás catorce primeiras candidatas e candidatos).

“Aínda que somos moi optimistas, non escollemos este número que simboliza a maioría absoluta por iso, senón porque pretendemos subliñar a nosa intención de sermos a forza que lidere a política municipal”, sinalou Jorquera antes de remarcar “o perfil social” dunha lista integrada por persoas involucradas nos movementos sociais e activistas nos distintos foros de participación cívica que hai na cidade.

“Nas vindeiras eleccións municipais a escolla non é retornar a un modelo especulativo ou continuar cun modelo insubstancial. A escolla non é retornar ao pasado ou seguir paralizados. A escolla é avanzar, acadar un cambio real”, subliñou o candidato do BNG á Alcaldía.

Francisco Jorquera rematou sinalando o reto que se marca o BNG neste período que se abriu hoxe e até ás eleccións municipais: “Animamos a toda a cidadanía a que participe e se involucre na definición do futuro desta cidade”, e advertiu que “a desmobilización beneficia a esa Triple Alianza que quere que retornemos a un pasado negro”. Por iso, o candidato nacionalista, insiste que o BNG ten como primeiro obxectivo “cambiar a frustración e a decepción provocada por 4 anos de actuación do goberno municipal, imos mudala en ilusión cun proxecto verdadeiramente transformador que devolva á Coruña o impulso que necesita”.

Na presentación deste sábado, ausentáronse por diferentes motivos Yolanda Naia, nunha feira en Compostela, Xosé Iglesias, que participaba nun acto poético en Camelle, e Xulio Moskovich, que acudiu á concentración de traballadores de Alcoa en Vigo.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario