Jorquera comprométese a dinamizar os centros sociais e completar o ‘corredor verde’ en Novo Mesoiro

O candidato nacionalista tamén coñeceu a iniciativa da Escola A Caracola e produtores locais e apoiará que o futuro colexio conte con cociña propia que mellore a alimentación do alumnado cunha base de produtos frescos.
Jorquera comprométese a dinamizar os centros sociais e completar o ‘corredor verde’ en Novo Mesoiro
5 (100%) 1 vote[s]

Novo Mesoiro é un barrio peculiar pola súa separación da cidade e a composición da poboación, con franxas de idade moito máis baixas que a media da Coruña. Novo Mesoiro ten problemas semellantes ao resto do barrios (carencias en transporte e mantemento de espazos verdes), tamén problemas en canto a falta dunha comunicación seria e fluída co goberno municipal, segundo denuncian as veciñas reunidas este luns con Francisco Jorquera, o candidato nacionalista á Alcaldía, e Avia Veira, a número 2 da lista. Pero Novo Mesoiro achega solucións novidosas: como a proposta alimenticia en marcha na Escola Infantil A Caracola, que empezou a funcionar hai uns anos despois de que os responsábeis do centro se interesaran pola formación en seguridade alimentaria e consumo responsábel que ofrecía o CDR das Mariñas Betanzos e entraran en contacto con produtores locais. Agora queren ampliar a iniciativa ao futuro colexio, pero a Xunta négase e di que cátering e nada de cociña. Así sucede na maioría dos 25 colexios públicos da área municipal.

Jorquera coñeceu a iniciativa de mans dunha das responsábeis da Caracola e apoiará que o futuro colexio conte con cociña propia que mellore a alimentación do alumnado cunha base de produtos frescos. “É un proxecto interesantísimo, que se asenta na colaboración de docentes, de familias e produtores agrarios, que aposta por mellorar a calidade alimentaría nos colexios con produtos de proximidade e axuda a fomentar tanto a actividade agraria como un consumo ecolóxico. É un proxecto que desde o Concello hai que apoiar e impulsar”.
Entre os problemas do barrio que teñen que ver co mantemento de espazos verdes, durante a visita, as directivas da AAVV e outras veciñas chamaron a atención respecto do estado do chamado ‘corredor verde’, un espazo entre mazás de edificios na parte alta de Novo Mesoiro que empezara a acondicionarse no anterior mandato grazas á presión veciñal, pero que o actual goberno deixou parado.

Jorquera comprometeuse a impulsar esta actuación municipal. “É imprescindíbel completar este corredor, a segunda fase está sen executar e a zona, nestes momentos, está nun estado lamentábel e mesmo é un foco de infeccións que non se pode permitir nunha cidade como A Coruña”, manifestou o nacionalista.

Francisco Jorquera tamén se comprometeu a “escoitar e falar cantas veces sexa preciso” coas veciñas e veciños, que se queixan do desinterese do goberno actual por atendelos, e recolleu a súas demandas, entre as que subliñou: “a necesidade de mellorar as conexións de transporte público cos centros hospitalarios, e mellorar os equipamentos, porque o Centro Cívico é insuficiente e os espazos TEUS deben completar a oferta e ter unha actividade permanente.”

As veciñas seguen reclamando facilidade para utilizar o pavillón de deportes, como alternativa a falta de espazo para actividades no Centro Cívico, e teiman na reclamación dun instituto de ensino medio para o barrio, que a Xunta tampouco atende alegando que só se habilitan no rural. E Novo Mesoiro, con 3.900 vivendas e uns 8.000 veciños, unha illa lonxe da cidade, reivindica que empecen a consideralo un barrio con necesidades e oportunidades que teñen que ver co rural.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario