Jorquera critica a “irresponsabilidade dos partidos estatais” por non chegaren a acordos

O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, pon en contraste a actitude mostrada pola formación nacionalista no concello -a disposición permanente a chegar a acordos- coa "irresponsabilidade" dos partidos estatais que conduciron a unha nova convocatoria electoral.

“O clima de diálogo”, precisou, “tense que traducir en acordos e os acordos hai que cumprilos”, dixo no transcurso da entrevista que Lara Vivero lle fixo este mércores na antena de Onda Cero Coruña. “O goberno local debe pasar da fase da rodaxe á da acción”, recalcou.

Criticou aínda Jorquera a “ausencia” de Galiza na rolda de negociacións falidas no Estado. “Imos ter agora a oportunidade de remediar iso”, dixo en alusión ás eleccións do próximo 10N en que o BNG voltará a presentar candidaturas para defender o país nas institucións centrais do estado.

Neste sentido, e interpelado sobre a rexeneración da Ría do Burgo, o portavoz do BNG instou a Xunta e Estado a que “poñan fondos orzamentarios” para acometer as obars. “Non abondou con que a UE acepte agora liberar o financiamento”, arguíu.

A conversa debruzouse tamén sobre a recente condenada ao concello polas obras de urbanización do Parrote [María Pita terá de abonar 1,6 millons de euros á Autoridade Portuaria polo suposto incumprimento do convenio asinado por ambas institucións]. A ese respeito Jorquera optou por non avaliar o contido concreto da sentenza, mais si dixo que, sendo que o impacto económico para as arcas municipais é considerábel, sería ben que o concello estudase a hipótese de formular un recurso.

En todo caso, non perdeu a oportunidade Jorquera de cualificar de “escandaloso” que a estas alturas a propiedade dos terrenos portuarios desafectados continúe sen ser transferida ao concello, nomeadamente porque si é a facenda de María Pita a que asume os custos de mantimento destes espazos urbanos.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario