Francisco Jorquera: “Presentaremos unha iniciativa co fin de recuperar a Casa Cornide”

O BNG celebra a demanda da Avogacía do Estado á familia Franco pola venda fraudulenta do Pazo de Meirás, unha demanda que non sería posíbel sen o traballo da Deputación da Coruña, coa nacionalista Goretti Sanmartín Rei á fronte, sen os colectivos de memoria histórica , sen os activistas do 19 de Meirás, e sen o traballo de investigación de Carlos Babío e Manuel P. Lorenzo.

Para as nacionalistas, o caso da Casa Cornide está aínda máis claro porque a poxa estivo claramente amañada e porque o inmóbel era propiedade do Concello da Coruña.

O voceiro do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, e a concelleira nacionalista, Avia Veira, anunciaron esta mañá en rolda de prensa que no vindeiro pleno ordinario presentarán unha iniciativa para que o Concello da Coruña inicie accións legais co fin de recuperar a Casa Cornide, do mesmo xeito que está a facer a Avogacía do Estado co Pazo de Meirás.

“O BNG celebra a demanda da Avogacía do Estado á familia Franco pola venda fraudulenta do Pazo de Meirás: unha demanda que non sería posíbel sen o traballo da Deputación da Coruña, coa nacionalista Goretti Sanmartín Rei á fronte, sen os colectivos de memoria histórica, sen os activistas do 19 de Meirás, e sen o traballo de investigación de Carlos Babío e Manuel P. Lorenzo”, sinalou o voceiro nacionalista, Francisco Jorquera.

Pola súa banda, Avia Veira sinalou que o caso da Casa Cornide está aínda máis claro porque a poxa estivo claramente amañada e porque o inmóbel era propiedade pública até 1962. A concelleira sinalou que a poxa estaba orquestrada para encubrir o que na práctica foi unha adxudicación directa á familia Franco dun ben público, como así se demostra no libro Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio, de Carlos Babío e Manuel P. Lorenzo.

“No vindeiro pleno, presentaremos unha iniciativa para que o Concello da Coruña inicie accións legais co fin de recuperar a Casa Cornide, do mesmo xeito que a Avogacía do Estado está a facer co Pazo de Meirás”

Francisco Jorquera

 “É a propia carta que lle envía o secretario persoal de Francisco Franco, Ricardo Catoira, a Juan Sánchez-Cortés y Dávila, subsecretario de Facenda onde se detallan os movementos que as Administracións públicas tiveron que facer para cumprir o capricho da esposa de Francisco Franco de obter un inmóbel no centro da cidade encubrindo unha adxudicación directa dun ben público. O que aconteceu foi un espolio ao pobo da Coruña, queremos que a Casa Cornide volva a patrimonio público, de onde nunca debeu saír”, concluiu Jorquera.

Desde o BNG sinalan que esta non é a primeira vez que realizan iniciativas a respecto da devolución da Casa Cornide ao pobo da Coruña, xa que no pasado mandato foron aprobadas dúas mocións en Pleno onde se solicitaba precisamente que se tomasen decisións para a recuperación deste ben que fora propiedade municipal e, en cumprimento dunha delas, o Consello da Memoria Democrática acordou encargar un informe xurídico. A formación nacionalista argumenta que o novo escenario provocado pola demanda da Avogacía do Estado obriga a que o Concello da Coruña actúe xudicialmente para recuperar o inmóbel da rúa Donas.

Achégase corte de voz de Francisco Jorquera e Avia Veira, fotos da rolda de prensa realizada esta mañá.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario