Jorquera ofrece Pontevedra como exemplo da mobilidade á que aspira o BNG e engade a súa aposta pola intermodalidade

O candidato nacionalista advirte á Marea: “o mundo non empezou no 2015, e os plans de reordenación das liñas do bus non os inventaron vostedes”. E avanza: “no BNG non imos utilizar os plans como coartada para non actuar”.
Jorquera ofrece Pontevedra como exemplo da mobilidade á que aspira o BNG e engade a súa aposta pola intermodalidade
5 (100%) 7 vote[s]

“O mundo non empezou no 2015”, díxolle Francisco Jorquera, o candidato do BNG á Alcaldía, ao concelleiro Díaz Grandío, responsábel de mobilidade, “lea vostede o programa do Bloque de 2015, e o de 2011, e o de 2007… verá que levamos décadas pulando pola reordenación das liñas de autobuses na Coruña, e tamén a nivel comarcal”. Jorquera criticou a acción do goberno da Marea Atlántica nesta materia durante un debate onte no Forum Metropolitano, o último do ciclo de debates electorais organizados pola AA.VV. Oza A Gaiteira Os Castros, en especial, “a carencia dunha visión comarcal e a incapacidade do goberno para pasar dos plans á acción”. Lembrou o candidato nacionalista que hai un plan para a reordenación das liñas feito, “pero non sabemos nada deles nin se hai intención de executalos”. “Parafraseando aquel dito de ‘se queres que algo non se faga, crea unha comisión’, pois aquí: crea un plan”.

Despois, Jorquera resumiu as súas propostas de transporte en catro puntos: crear un intercambiador de transporte na actual zona portuaria de San Diego; que este intercambiador atenda a unha escala metropolitana; con transporte público terrestre, bus e ferrocarril, e marítimo; e potenciar os aparcadoiros disuasorios, recuperar o carril bus e ampliar horarios, mellorar frecuencias e conectar os barrios cos polígonos e os centros hospitalarios. Isto, dentro dunha visión comarcal e “colocando a mobilidade das persoas como primeira prioridade, e despois o transporte público colectivo, e despois os medios de transporte alternativos ao coche”.

“Para facer isto é preciso ter vontade política de pasar do papel á execución, e para iso hai que facer política, ser capaz de negociar e chegar a acordos con outros, porque hai que actuar con madurez e responsabilidade en políticas de longo prazo e que esixen amplos consensos”, advertiu Jorquera, antes de ofrecer Pontevedra como exemplo de mobilidade á que aspira o BNG: “unha cidade feita a escala das persoas e que conseguiu evitar o recurso ao vehículo privado”. E engadiu: “O resultado en Pontevedra, que ten o recoñecemento a nivel mundial, é tamén un exemplo para outras cousas. Resulta que o último goberno do PP encargara un plan, e o BNG nada máis chegar rescatouno dun caixón e foi quen de implantalo, con moitas resistencia ao principio, pero cun éxito indiscutíbel ao final”. “Os plans, inda que sexan herdados, hai que aproveitalos para actuar, en non facer outros como coartada para non actuar”, comentou Jorquera referíndose a estratexia de anuncios e dilacións e volta aos anuncios da Marea Atlántica que xe criticara no debate co alcalde o día anterior en Radio Voz. Matizou Jorquera que malia tomar Pontevedra como exemplo, A Coruña ten as súas especificidades, como cabeceira dun área metropolitana “que esixe reordenar tamén os tráficos para que non todo o tráfico teña que pasar pola cidade”, pero que tamén abre a porta a solucións distintas ou complementarias. “Refírome ao transporte marítimo, un transporte marítimo moderno e eficaz. Para a contorna inmediata ou mesmo para as comunicacións con Ferrol, que non esquezamos que por mar está a dez quilómetros”, concluíu.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario