Jorquera promete un parque “como se merece a Agra” no Observatorio

O BNG, afirma o candidato, presenta como intervención urxente no barrio máis denso da cidade “desbloquear a situación nos terreos do Observatorio” e alcanzar a solución que demanda a veciñanza, e non “o parque de xoguete que propoñen outros”.

“O BNG vai facer da Coruña un modelo de calidade urbana que empeza pola democratización do espazo público. E non nos imos limitar ao centro. Se hai un barrio que necesita un urbanismo pensado para as persoas ese é o da Agra do Orzán”, dixo Francisco Jorquera, o candidato nacionalista á Alcaldía, nun mitin este xoves na Agra no que tamén participaron Avia Veira e Marisol Mirás.

Na Agra, explicou Jorquera, son necesarias “intervencións urxentes” en accesibilidade, na mellora do pavimento, no calmado de rúas, en novas peonalizacións… “Pero a veciñanza da Agra demanda zonas verdes xa, e por iso o inmediato é o Parque do Observatorio. A veciñanza da Agra non pode seguir esperando. O barrio con máis densidade de poboación da Coruña e con menos zonas verdes leva demasiado tempo esperando… Non hai dereito!”, clamou Jorquera.

O candidato nacionalista advertiu que o BNG non está de acordo co solución que propón o goberno municipal para a parcela das Adoratrices e suxeriu que o Concello puido ter comprado eses terreos ou negociar dereitos de edificabilidade cos propietarios no canto de ceder á presión urbanística. “Se se permite edificar, o parque ficaría nun parque de xoguete. E a veciñanza da Agra non se merece iso, merece un parque á altura da Agra”.

Alén do Observatorio, o candidato nacionalista tamén se comprometeu a “reformar a praza das Conchiñas para que sexa máis amábel e segura” e lembrou que o BNG impulsará un servizo municipal de mediación para dirimir conflitos entre veciños pola instalación de elevadores, así como incrementar as axudas a esas instalacións.

Tamén falou Jorquera da necesidade de revitalizar os mercados municipais e o pequeno comercio “co fin de termos uns barrios máis vivos, con bos equipamentos, en particular, equipamentos sociais para os maiores”.

Jorquera rematou pedindo o voto para o BNG nas eleccións do 26M porque, dixo, “o BNG é quen poder facer posíbeis os cambios que A Coruña necesita, porque temos a solvencia, a solidez e a capacidade que se precisan, porque ninguén pode negar que o BNG deixou pegada positiva nos concellos nos que tivo responsabilidades de goberno, porque o BNG sabe escoitar e nunca deixou tirado a ninguén”. “Somos compromiso e cercanía”, concluíu.

Coloquio na Escola de Relacións Laborais

Un par de horas antes do mitin, Jorquera desenvolveu un coloquio con alumnos e docentes da Escola de Relacións Laborais. As propostas nacionalistas en materia de emprego e vivenda espertaron o interese das alumnas e alumnos. Jorquera debateu algunhas das liñas programáticas do BNG. “Con 17.000 vivendas baleiras o urxente non son novas construcións, o urxente é poñer esas vivendas no mercado. Unha cidade que non medra en poboación non pode construir sen freo”, insistiu o candidato. E diante da cuestión de como o Concello pode axudar na creación de emprego, explicou: “Para empezar, investindo e executando os orzamentos. Pero tamén é certo que o artigo 135 da Constitución, a súa reforma, acordada polo PP e polo PSOE limita a autonomia financeira dos concellos. Pero si hai opcións de ir mellorando as condicións laborais, por exemplo, aquilo que estea concesionado, fiscalizalo para garantir emprego digno. E tutelar o cumprimento das cláusulas de contratación”.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario