“O primeiro é completar o traslado ao porto exterior, e para iso hai que resolver dúas cuestións: o acceso ferroviario a aquel porto e a débeda xerada. Nestes aspectos, a nivel estatal, esta foi unha lexislatura perdida”, dixo Francisco Jorquera, o candidato nacionalista á Alcaldía, esta mañá durante un debate no Forum Metropolitano sobre o futuro da franxa litoral organizado pola AAVV Oza A Gaiteira Os Castros.
Jorquera avanzou algúns elementos que fan parte da visión dos terreos do porto interior e que o BNG levará ao seu programa electoral para as municipais: “o porto interior debe manter actividade produtiva e nós pensamos que crear unha lonxa de mariscadores contribuiría a iso; do mesmo xeito que a identidade mariñeira da Coruña precisa que o porto e a lonxa se abra á xente, e pensamos que crear un museo do mar e aula do mar contribuirían a recuperar a relación cidade-porto”.
Accións inmediatas no contexto actual
Máis aló das medidas a desenvolver no próximo mandato, o candidato nacionalista fixo referencia a cuestións de actualidade na axenda local e reafirmou a oposición do BNG á instalación dunha planta de tratamento de residuos na dársena de Oza, e lembrou tamén que as nacionalistas veñen demandando un incremento da vixilancia das descargas de carbón para asegurar que se están a cumprir os protocolos.
Francisco Jorquera falou ademais sobre a necesidade de completar a restauración do Faro de Oza e dotalo dun uso permanente, así como a oportunidade de negociar co UDC para recuperar a Capela. Jorquera indicou tamén que a concesión ao Concello da Coruña dos antigos estaleiros de Valiñas está a piques de rematar sen que se avanzara no proxecto de crear a Escola de Deportes Náuticos da que se falou no seu día.