Jorquera teme que a convocatoria electoral, froito da falta de diálogo entre os partidos estatais, suma o concello na parálise

Os avatares da política estatal, marcados pola tensión entre as forzas políticas de ámbito español e a súa incapacidade para dialogar, poden trasladarse ao concello e sumir a institución local “nunha parálise”, xusto o “que menos necesitan as e os cidadáns”.

Nestes termos expresouse este martes Francisco Jorquera durante a tertulia política semanal de Onda Cero Coruña.

“Quero expresar o temor de que o adianto electoral, froito da irresponsabilidade e a incapacidade de diálogo mostrada polos partidos estatais, suma o concello na parálise”, dixo o portavoz do grupo municipal do BNG.

Jorquera ve o goberno municipal en período de rodaxe, o que ten certa lóxica sendo que é un executivo novo e que pór a andar a maquinaria do concello reviste a súa complexidade. Mais é ben que ese período de rodaxe acabe xa e o gabinete local comece a coller impulso. Nese sentido, anunciou Jorquera que nos próximos días BNG e PSOE reunirán por vez primeira a comisión de seguimento para verificar o grao de cumprimento do acordo que asinaron en xuño para viabilizar a investidura de Inés Rey.

“Temo que esa tensión e incapacidade de diálogo entre as forzas estatais se traslade ao concello e prorrogue ese período de rodaxe en que aínda está a corporación. A cidade non se pode permitir iso. O BNG desde logo vaise esforzar para contribuír a que o concello colla impulso e non caia na parálise”, concluíu Jorquera.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario