Jorquera ve necesario reforzar os servizos públicos na Sagrada Familia

O candidato do BNG entrevístase con veciños, representantes do Secretariado Xitano e a ONG máis veterana do barrio, Ecodesarrollo Gaia.
Que opinas desta nova?

“Na Sagrada Familia dáse un paradoxo: é un barrio central, no medio das grandes arterias da cidade, pero precisamente por iso é unha especie de illa, e foi deixado de lado na evolución da propia cidade”, manifestou Francisco Jorquera despois dunha visita ao barrio na que se entrevistou con responsábeis de asociacións e persoal municipal para coñecer de primeira man as necesidades do barrio. A veciñanza quéixase da falta de servizos e desde as asociacións advirten que situacións de necesidade como as que vive a Sagrada Familia, onde a evolución do mercado da vivenda e, en paralelo, a da poboación acabaron facendo deste un barrio pobre, soluciónanse “reforzando os servizos públicos”. E o candidato nacionalista comprométese a estudar as posibilidades de facelo desde o goberno municipal  despois de visita a biblioteca, a asociación Secretariado Xitano e a ONG Ecodesarrollo Gaia, que leva tres décadas no barrio compartindo esforzos con ducias de colectivos de acción social.

Na Sagrada, a veciñanza bota de menos servizos públicos e unha política máis decidida para solucionar problemas de mobilidade. Din que o barrio está pechado, que a actividade comercial concentrouse nas rondas e nas avenidas de Arteixo e de Fisterre (“non hai sequera un caixeiro”, indican) e que mesmo eses negocios apenas contribúen a fixar actividade no barrio, “porque son tendas base de empresas de servizos que o que buscaron foron locais baratos e ben situados para desprazarse por toda a cidade”. Mais ‘dentro’ do barrio case non queda comercio, o espazo aberto é escaso e a xente, contan, “vive case de costas á cidade”.

A biblioteca como único espazo de socialización

Jorquera fala disto con persoal da Biblioteca nunha breve entrevista no espazo que definen “como o centro social do barrio” que fai funcións que van máis alá das dun espazo de lectura. Alí axudan a unha ampla poboación inmigrante a facer trámites administrativos, ofrecen servizos de alfabetización e mesmo se demanda a biblioteca para realizar todo tipo de actividades, ante a carencia doutros locais. A biblioteca, contan, “é o único espazo de socialización” a falta de locais ou prazas abertas. Pero tamén hai un sector da poboación excluído deste espazo: a xente maior con problemas de mobilidade, porque a maioría dos edificios non están adaptados e cada vez identifícase máis xente maior que vive soa. 

Jorquera toma nota da necesidade dun espazo “democrático”, no que sexa posíbel “salvar desigualdades”, función que está a cumprir case en exclusiva a Biblioteca pública.

Outros espazos

A Sagrada Familia mantén o seu carácter de barrio inmigrante. Aínda que hoxe ten cambiado moito a composición da poboación respecto daqueles emigrantes do Bierzo ou de Lugo que encheron os bloques de vivendas que nos anos sesenta empezaron a configurar o aspecto actual do barrio. Hoxe, o colectivo inmigrante estranxeiro ten moito máis peso. Latinoamericanos e africanos topan no barrio vivendas a prezos que non se ofertan noutras zonas da cidade. A convivencia é normal, din os veciños, que foxen dos tópicos da Sagrada como un barrio conflitivo. 

Jorquera escoita as demandas de Mito, Guillermo Fernández-Obanza, a experiencia ao fronte de Ecodesarrollo Gaia, un colectivo que traballa con inmigrantes subsaharianos. “Temos 6.000 expedientes de persoas as que axudamos nestes 25 anos, xente que íamos buscar á estación do tren ou do bus porque sabíamos que chegaban desorientados e desamparados”. En Ecodesarrollo lamentan o descoido do Estado respecto das nenas e nenos que chegan, e tamén da falta dunha relación constante e efectiva entre as ONG e o Concello, unha queixa que o candidato nacionalista xa escoitou doutros colectivos do terceiro sector e que na entrevista coa Coordinadora Galega de ONG comprometeuse a resolver se ten responsabilidades de goberno.

No barrio traballan outras moitas ONG, Fernández-Obenza conta que as demandas de calquera delas son as da maioría: locais para a atender aos usuarios, que non son só inmigrantes; máis recoñecemento institucional, porque “faltan imaxes públicas de altruísmo e iso que calquera que pise a rúa sabe que esta é unha cidade que se move grazas ao voluntariado”, di Mito, e fala “dun tecido asociativo espectacular”. Ese tecido, responde Jorquera, ao que como vén advertindo o BNG durante todo mandato se deixo de lado e que é preciso ter en conta porque cubre necesidades que non están sendo cubertas desde os servizos públicos.

“Hai que paliar o sufrimento inmediato”. Esa é a demanda urxente desde as ONG. Faltan recursos públicos, admite o candidato nacionalista, que se compromete a incidir desde a acción do BNG no Concello para que sexan reforzados e adaptados ás necesidades da Sagrada Familia, para que, como expresa Fernández-Obenza, no se produza “un conflito entre pobres que compiten por recursos públicos escasos”.

Hai máis demandas (que son concorrentes coas doutros moitos colectivos do ámbito asociativo en toda a cidade): máis diálogo e comunicación desde o goberno municipal; un consello sectorial de inclusión social que non sexa un órgano simplemente consultivo; e un recoñecemento das ONG que traballan nos barrios e teñen unha conexión real coa cidade, fronte a eventos mediáticos que non producen resultados sobre o terreo.

Plan específico para combater o fracaso escolar entre as nenas e nenos xitanos

Na entrevista con responsábeis do Secretariado Xitano, o candidato nacionalista anota demandas que atinxen á participación e á inclusión. Advirten que o Consello Sectorial de Inclusión Social non superou a fase de ferramenta consultiva e piden dotalo de atribucións na toma de decisións. Piden ademais unha mellor coordinación entre os diferentes departamentos municipais á hora de atender a inclusión social das persoas de etnia xitana. “Non se pode facer política para as persoas xitanas; é necesario facer política contando con nós”, reclama un mozo, estudante universitario e voluntario no Secretariado.

A educación xoga un papel fundamental na integración do colectivo. Consideran que se debería establecer un plan de choque para combater o fracaso escolar, con medidas de apoio e orientación, e evitar a segregación escolar. Desde o Secretariado indican ademais que son precisas políticas “decididas” de erradicación do chabolismo. Seguen existindo núcleos de infravivenda na Coruña.

Como outras asociacións, tamén o Secretariado agradecería por parte do Concello un acompañamento con dotación de locais no que desenvolver o seu labor, dada a precariedade das instalacións actuais. Francisco Jorquera comprometeuse a ter en conta estas demandas na elaboración do programa e a estudar a posibilidade de incorporar políticas específicas para atender as necesidades da comunidade xitana.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario