“Na Coruña necesítanse cambios para avanzar e ese é o impulso que pode aportar o BNG”

Entrevista a Francisco Jorquera na COPE (28/03/2019)
“Na Coruña necesítanse cambios para avanzar e ese é o impulso que pode aportar o BNG”
5 (100%) 1 vote[s]

As fortalezas do BNG da Coruña

“Capacidade, solvencia e solidez, combinadas con vontade de chegar a acordos a través do diálogo… algo que se botou en falta estes catro anos.”

“A candidatura conxuga experiencia con frescura. É unha candidatura conformada por persoas que participan activamente nos distintos ámbitos de participación cívica, e ademais son persoas preparadas, que reúnen as condicións para facer unha equipa sólida que devolva á Coruña o impulso que perdeu nos últimos anos.”

Ideas claras

“Cando falamos dunha cidade modelo falamos dun modelo de calidade urbana, dunha cidade pensada para as persoas, non para os coches. Para iso hai que mudar radicalmente as políticas de mobilidade, ter uns barrios rexenerados, cun pequeno comercio revitalizado a partir dos mercados como centros de dinamizacións. Unha cidade modelo ten que asegurar o dereito o acceso á vivenda de todas e todos a partir dunha política ambiciosa de rehabilitación e de vivenda pública, facendo que EMVSA interveña con oferta no mercado do alugueiro. E queremos unha cidade para vivir e para traballar. De nada valería unha cidade moi bonita sen emprego… Por iso apostamos por un plan a escala metropolitana de diversificación da economía.”

Contacto ti a ti   

“Hai un traballo en política que é básico: o contacto ti a ti cos cidadáns. Desde hai máis dun ano vimos reuníndonos con colectivos e asociación. Con todas. Estamos camiñando os barrios para ter un contacto directo cos veciños, escoitar os problemas que observan e cales son as necesidades prioritarias a atender. As redes sociais son moi importantes, e tratamos de potencialas, pero iso non pode substituír á relación directa entre os representantes e as cidadás e cidadáns.”

Expectativas

“Estou convencido de que si, penso que podemos aumentar a representación do BNG no Concello da Coruña. Creo que nas enquisas o máis importante son as tendencias, e a tendencia do BNG é moi clara e firme cara a recuperación. Somos unha forza política en emerxencia e iso tamén o palpamos no traballo día a día.”

Pactos de goberno

“En política hai que distinguir tempos. Agora o que toca é que cada forza política explique as súas propostas, as dialogue coa veciñanza e procure o apoio suficiente para que esas propostas se poidan materializar. O BNG non se presenta para ser ‘muleta’ de ninguén. Queremos ser a forza que lidere a política municipal na Coruña. Se despois das eleccións se require diálogo e acordo entre distintas forzas, a traxectoria do BNG amosa que sabemos dialogar e chegar a acordos. Polo tanto, actuaremos con responsabilidade. Pero tendo claro dúas premisas: (1) A Coruña non pode permitirse retornar ao pasado, ao modelo especulativo que imperou durante moitos anos, e (2) tampouco pode permitirse seguir como se está, porque nos últimos anos houbo ineficacia na acción de goberno. Na Coruña necesítanse cambios para avanzar e ese é o impulso que pode aportar o BNG.”

Alcoa e as electrointensivas

 “Confío nun futuro para Alcoa se hai decisión política para evitar a posición total e absolutamente chantaxista que está tendo esta multinacional, que o que fixo no seu momento foi comprar a prezo de saldo unha empresa pública que era rendíbel para facerse coa cota de mercado que tiña esa empresa pública e non investir na modernización das instalacións e agora dicir que ten que pechar. E confío nun futuro para Alcoa se se adoptan as medidas necesarias para que todas as empresas electrointensivas, e nesta comarca temos moitas, sexan competitivas.”

“Galiza produce un 40% máis da que precisa para o seu consumo interno, pero as leis nos impiden que poidamos utilizar esa especialización para beneficiar tanto aos consumidores como as industrias, xa localizadas ou que se poidan localizar porque ter electricidade a bo prezo é unha vantaxe competitiva. Hai que modificar esas leis. Temos os recursos dunha potencia eléctrica, pero iso non se utiliza no favor dos nosos cidadáns e das nosas industrias.”

Estamos a favor da intervención pública en Alcoa, por suposto. A propia Constitución establece mecanismos para que o Estado, en defensa do interese público, poida intervir aínda que sexa de xeito provisional para evitar o peche e conseguir un comprador. E iso non é comunismo, como dixo a ministra. O Estado francés acaba de intervir uns estaleiros que consideraba estratéxico. En Cerdeña veñen de poñer a funcionar, previa intervención do estado, unha fábrica que no seu día pertenceu a Alcoa.”

Un centro de saúde en Santa Lucía

 “Si, creemos que o centro de saúde é compatíbel cos usos tradicionais do mercado. Consideramos que ese centro ademais actuaría como polo de atracción que axudaría a dinamizar ese mercado, e o mercado sexa ese centro de dinamización da vida comercial e social do barrio. A alternativa, o traslado ao Paseo das Pontes, é lesiva para as veciñas e veciños de Santa Lucía e da Falperra. Polo tantos, apostamos decididamente por recuperar o proxecto de facer compatíbel o mercado cun centro de saúde.”

Carril bus, carril bici

 “Co BNG volvería o carril bus, por suposto. O actual carril bici foi unha oportunidade desaproveitada. O BNG ve positivo que se aposte polo uso da bici, pero non deixa de ser un medio de transporte individual e precisamos medios de colectivos de transporte. Non todas as persoas, por diversas razóns, poden utilizar a bicicleta para desprazarse. O carril bici que se deseñou ten enormes deficiencias en canto á seguridade dos ciclistas e dos peóns; e que se perdeu a ocasión de crear carrís máis anchos que puidesen ser utilizados polos autobuses e polas bicicletas. É indispensábel para incentivar o uso do transporte público que este sexa quen de competir en tempos co transporte privado, e aí se inxire a medida dos carrís bus.”

Podes escoitar a entrevista completa en: https://www.cope.es/emisoras/galicia/a-coruna-provincia/a-coruna/audios/herrera-mediodia-cope-coruna-28-03-2019-1250-horas-20190328_706248

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario