Néstor Rego pide a RAG apoio as demandas do BNG ao Estado en materia de lingua

O candidato ao Congreso pola Coruña reúnese co presidente e o secretario da Academia e explica que as nacionalistas seguirán pedindo “cofinanciamento estatal para institucións como a RAG mentres os galegos teñamos que seguir financiando as institucións lingüísticas con sede en Madrid”.

Néstor Rego, cabeza de lista do BNG ao Congreso pola Coruña, entrevistouse esta mañá co presidente, Víctor F. Freixanes, e co secretario da RAG, Henrique Monteagudo, para compartir coa institución as propostas do programa nacionalista para as Xerais do 28A referidas á defensa do idioma. “Desde o BNG seguiremos exixindo o cofinanciamento estatal das principais institucións lingüísticas do País, entre elas a RAG, mentres os galegos teñamos que continuar a financiar institucións lingüísticas asociadas ao español con sede en Madrid”, dixo Rego antes de engadir que “ademais demandamos que se faga efectiva a realidade plurilingüe e multicultural do Estado pedindo, por exemplo, que o Instituto Cervantes cumpra o fin de internacionalizar algo máis co español”.

Néstor Rego, que estivo acompañado pola número 2 da lista ao Congreso, María Xosé Bravo, e polo candidato á Alcaldía, Francisco Jorquera, e a número 3 da lista ás municipais, Mercedes Queixas, membro ademais da RAG, sinalou tamén que o BNG volverá reclamar “a presenza das expresións e creacións culturais galegas nos medios de comunicación públicos estatais”, así como “o cumprimento dos acordos para a recepción dos medios públicos audiovisuais de Portugal na Galiza, así como da RTVG en Portugal, no cadro da cooperación cos países da lusofonía”.

“Agresión directa a millóns de persoas”

Nunha comparecencia pública posterior á entrevista, Néstor Rego manifestou respecto da suxestión dalgunhas forzas políticas españolas para eliminar o galego como requisito para desempeñar funcións na Administración pública galega que “trátase dunha agresión directa a millóns de persoas que falan linguas diferentes en todo o Estado, na liña desa desaforada competencia ultra-españolista”. Rego considerou que “é evidente que si un funcionario non ten a esixencia de coñecer o galego, tampouco tería a obriga de atendernos na nosa lingua e estaríase vulnerando directamente os dereitos das persoas galego-falantes, ademais de atacar proceso de normalización.”

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario