“No ámbito do deporte, o primeiro é regular o reparto dos horarios das instalacións municipais”

O BNG reclama actuacións concretas no mantemento dos recursos existentes e pon en dúbida a necesidade de a megaproxectos de novos equipamentos deportivos.
Que opinas desta nova?

“No BNG pensamos que no ámbito do deporte o primeiro que debe facer o Concello da Coruña é regular o reparto dos horarios das instalacións municipais para que o reparto sexa equitativo”, dixo Alberte García Nicolás, número 7 de candidatura do BNG nas municipais, este mediodía no espazo deportivo de Radio Intereco Coruña. “Hai que repartir mellor os tempos entre os diferentes clubs e tamén incluír nese reparto o uso por parte da veciñanza en pavillóns, campos e piscinas, porque esta é unha demanda recorrente de todos os colectivos cos que nos temos entrevistado até o momento”, insistiu o candidato.

García Nicolás, xogador de rugbi no Zalaeta e responsábel comarcal de Galiza Nova, sinalou ademais que “fronte aos megaproxectos que foron presentando outros partidos”, no BNG a aposta é “ir atendendo ao que temos: repartir os horarios, mellorar instalacións, que cada instalación conte co equipamento preciso. Por exemplo, no 2017 conseguimos que se dotara de desfibriladores ás instalacións deportivas municipais. E, despois de facer iso, vexamos cales son as necesidades reais”.

“Mentres non se dea unha solución ao investimento previsto no campo de Eirís para a súa mellora parece que hai un déficit de campos de fútbol, iso tamén nolo transmitiron os clubs modestos”, asumiu García Nicolás. “Ese convenio e ese investimento teñen que facerse efectivos”.

O candidato nacionalista indicou ademais que, de ter responsabilidades de goberno, o BNG abordará as políticas públicas de deporte desde unha dobre perspectiva: “o deporte de base, e o deporte base”. “É dicir”, explicou García Nicolás, “por unha banda, o Concello debe acompañar aos clubs e entidades privadas que traballan coa base en cada disciplina. Pola outra, o Concello debe potenciar desde o público a cultura da actividade física desde idades temperás como elemento lúdico e de socialización”.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario