Avia Veira, número 2 da candidatura do Bloque Nacionalista Galego da Coruña

No ensino están as ferramentas máis potentes para intervir contra o machismo

Avia Veira, David Soto e Patricia Cordo, candidatos do Bloque Nacionalista Galego da Coruña
Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email

Participei de toda canta manifestación houbo, na das maletas na Coruña, na dos paraugas en Compostela. Naquel momento entendín que se non nos organizabamos nós para defender o noso, ninguén o faría. Daquela estaba no instituto e fiquei impresionada sobre a capacidade de resposta do país. Un dos meus irmáns maiores militaba no BNG e eu entrei en Galiza Nova no 2003. No Bloque a mocidade organízase en Galiza Nova, pero ao mesmo tempo os militantes da mocidade sono tamén do BNG. Empecei a acudir ás asembleas locais e comarcais. Recordo nunha desas asembleas a Domingos Merino facendo un discurso que me pareceu o dun home sabio.

Pasados dous ou tres anos tiven algunha responsabilidade na organización. Fun vice-responsábel local, aquí na Coruña. Na universidade estiven nos CAF de Filoloxía na UDC desde o primeiro ano de carreira, o 2004. Na carreira tiven como profesores a xente relevante no nacionalismo, como Pilar García Negro, Goretti Sanmartín ou Xosé Manuel Sánchez Rei. Case o principio, houbo unhas eleccións ao Consello de goberno da universidade e entrei como representante das estudantes. E tamén no Claustro. Alí coincidín con Xosé Manuel Carril.

Daqueles anos, no que atinxe á política, o que máis recordo é a ilusión pola entrada do BNG no goberno da Xunta. Moitísima ilusión. Lembro algunhas das iniciativas que aquel goberno sacou adiante, como a das galescolas e os centros de día, como se deseñaran para que convivisen crianzas e maiores; e lembro tamén a bolsa de vivenda, a política do banco de terras… Estiven na campaña pegando carteis e o día das votacións fun interventora na mesa das Roseiras. Cando se empezaron a implantar aquelas medidas, como a do banco de terras ou o concurso eólico, houbera asembleas e xornadas de formación para explicar aquelas políticas. Eu tiña daquela 19 anos, e como moza, gustábame especialmente as políticas de abrir locais de ensaio ou aqueles centros Quérote, que eran centros de información afectivo-sexual, e o Noitebús, que conectaban as vilas coas zonas de marcha. Os Noitebús foi unha das primeiras cousas que quitou Feijóo, e desde Galiza Nova fixemos unha campaña de recollida de sinaturas para que se volvera poñer en marcha. Recordo que na universidade firmara todo o mundo… era un servizo que non lle facía ningún mal a ninguén, ao contrario.

Eu estaba encantada cos centro Quérote, porque ademais da información sobre cuestións prácticas, trataban a sexualidade desde o punto de vista afectivo. Eu traballaba xa como monitora de tempo libre e acompañei a algunhas rapazas e rapaces. Aquela iniciativa era moi potente… A verdade é que no tema da violencia machista as cousas seguen hoxe igual que fai dez, doce ou quince anos. Segue habendo casos, e segue habendo casos na mocidade. Penso que na educación, no ensino, e en iniciativas públicas como os Quérote está a chave para mudar comportamentos de mozos e mozas. Sei por experiencia que hai moitas relacións que se constrúen en base a micromachismos, pero parece algo como de hoxe, que acabaramos de descubrir, cando leva sucedendo desde hai moitos anos… O fundamental é a educación, e no ensino temos toda a potencia para intervir contra a violencia de xénero. No ensino están as ferramentas máis potentes para intervir contra o machismo.

Machismo hoxe e recursos

O 8 de marzo de 2018 foi outro momento de ilusión. E non só o 8 de marzo, senón toda a reacción que se produciu na sociedade diante de asuntos como o de La Manada. E despois están casos como o de Laura Luelmo, que me impactou. Pensemos que a violencia contra as mulleres é algo que a xente identificaba como violencia dentro da parella ou dunha relación afectiva. Pero o importante deste caso é que desde o principio a xente comprendeu perfectamente que isto é violencia machista. O problema non vai só de parellas ou ex-parellas, como reflicte a lei. A cuestión é moito máis ampla.

O 8 de marzo ademais é o resultado da auto-organización das mulleres. Foi moi potente. Penso que agora hai que transformar toda esa forza en políticas concretas. É un pouco o que boto en falta, e por iso espero que neste 2019 sexamos igual de activas, porque eu entendo de momento non hai avances nas leis. Hai un pacto de Estado contra a violencia machista no que o debate está no financiamento e non nas políticas concretas. Miremos as cuestións concretas. Por exemplo, na Coruña hai 1 policía para cada 70 vítimas de violencia machista. Se cada policía ten que facer o seguimento de 70 casos, pois… Por riba, o PP pechou a oficina que atendía especificamente os casos de violencia machista. Tamén co PP decidiron non cubrir a baixa por xubilación do Centro de Orientación Familiar do Ventorrillo, e agora só hai un para toda a área sanitaria da Coruña, o que está no centro de Beiramar. E este tamén está próximo a xubilación. Hai políticas do día a día que hai que atender.

Máis alá dos pactos de Estado que poden dar titulares en prensa están as políticas do día a día, no ensino, na loita contra a discriminación laboral ou contra o mantemento dos roles e a carga de traballo familiar.

Do 15-M a Amio

Eu coincidín xa unha vez con Paco Jorquera nunha campaña electoral. Foi no 2008, nas Xerais. Jorquera era o cabeza de lista para o Congreso e eu ía na lista para o Senado. Compartimos moitos mitins na Coruña e nos concellos da comarca. A verdade é que ao principio Paco impúñame moitísimo respecto. Eu trataba de escoitar o que dicía, pero tiña o meu propio discurso. Naquela altura o BNG viña de negociar os orzamentos do Estado con Zapatero e Paco deume algún consello sobre como enfocar as críticas. Daquela campaña lembro que Paco contaba en cada mitin unha anécdota sobre o seu apelido, que é de Murcia. Agora que coñezo a Paco de anos, o respecto ségueo habendo, pero éme moito máis próximo. Entendémonos ben.

O 15-M pilloume na campaña das municipais con Xosé Manuel Carril como candidato a alcalde. Desde o BNG interesámonos polo que estaba sucedendo e intentamos achegarnos. Foi complicado. Era un movemento apartidista, pero si houbo militantes nacionalistas que participaron. Eu estaba xa na candidatura, non lembro o posto, e xa fóra na lista nas anteriores municipais, no 2007. O 15-M era algo comprensíbel dada a crise económica e a situación política. Eu tiña 25 anos e ía ter o meu primeiro fillo, lembro de ver aquilo un pouco como observadora. Penso que serviu un pouco para espertar e ver que era preciso render contas publicamente do labor que se fai nas institucións. Non creo que o Bloque fose un partido pechado, pero si que aquilo fixo que nos preocuparamos máis de expresar esa apertura.

A conciencia política estivo moi viva na miña familia. Por parte de pai, son de Ribadavia, en Ourense; por parte de nai, da Coruña. O meu avó materno foi membro da CNT desde o anos da Ditadura de Primo de Rivera. Era traballador da Fábrica de Armas. Un irmán del, que traballaba nun estaleiro, era o tesoureiro da CNT na Coruña cando o golpe do 36. Era unha familia obreira. Vivían nas Atochas.

O debate de Amio non foi unha refrega. Foi duro, pero foi un debate de ideas. E a tensión non apareceu alí, xa viña de antes. Houbo xente que decidiu deixar a organización. E iso foi traumático. O máis complicado veu despois. Saír diso. Superalo costou anos. Pasado o tempo, a visión que me quedou daquilo é esa, a do confronto de ideas, non a dunha batalla terríbel. Igual para o que me serviu é para relativizar as cousas en política, os tempos. No momento vívese todo con intensidade. É importante separarse e discernir. Creo que iso foi o que aprendín.

Hoxe, a partir das eleccións galegas de 2016, vivimos un período de tranquilidade e reforzo constante con novas afiliacións. E onde estamos gobernando, estamos gobernando ben. No caso da Coruña, é certo que foi unha das localidades que máis sufriu despois o proceso pre-Amio, Amio e post-Amio, mais agora mesmo penso que consolidamos unha tendencia de notábel recuperación. Estamos participando en todas as plataformas cidadáns: nas loitas obreiras, no ensino, na sanidade, na defensa do común… está entrando a militar moita xente, moita dela, moza; eu percibo un bo ambiente ao redor da candidatura e penso que temos as cousas moi, moi claras respecto do que precisa a cidade.

Concelleira no 2015

Cando no 2015 me vin na situación de ter que representar ao BNG no Concello como única concelleira foi un momento difícil, aínda que tiven sempre á militancia e á asemblea local detrás. Por riba, a misión era fiscalizar un goberno, o da Marea, que recollera moitos dos apoios que tradicionalmente foran do Bloque. Era un reto complexo. Tomeino cun pouco de pánico e cun pouco de audacia. Tirar para adiante.

Das posicións políticas fortes que temos tomados nestes anos quizais a decisión de absternos na votación inicial da Renda Social Municipal foi a máis difícil de tomar. Tiñamos que explicar ben a nosa postura, que se entendera e que esa explicación transcendera publicamente. Co tempo entendeuse. Ao final as achegas que fixemos aceptáronse, melloraron a iniciativa e votamos a favor sen problema. Insisto nas bondades de tomar perspectiva, algo que xa sei que é difícil en política.

Foi moi difícil o momento do despexo da Insumisa. Non por nós, senón porque nos pareceu terríbel como se fixeron as cousas e como rematou todo a paus coa xente. E tamén houbo outro momento de decepción pola falta de seriedade do PP e do PSOE cando deron en aprobarse emendas cruzadas nos orzamentos. Ese día marchei do pleno. Tiña a sensación de que estaban a xogar como se estivesen xogando cunha casa de bonecas. Non quero que a política se converta niso. No Bloque sempre tomamos a política en serio e traballamos porque se respecte a política e aos políticos.

Son consciente de que entre a veciñanza o noso labor é ben valorado e se aprecia sobre todo que conseguimos manter unha liña de coherencia. A importancia da coherencia aprendina de Xosé Manuel Carril, que demostrou que ser coherente non significa ser inmóbel ou non negociar, significa que os teus principios non son negociábeis… a partir de aí, a maneira de facer as cousas pódese tratar. A min houbo algo que me axudou moito durante o mandato para saber se estabamos mantendo posicións racionais ou non, e foi falar con moita xente, escoitar á xente do partido pero tamén xente de fóra, de ámbitos moi diversos, de todo o tecido social. E falei moito tamén co meu irmán Gael. Estiven constantemente testando as miñas decisións. E as posicións foron tomadas despois do debate colectivo e de moitas consulta.

Prioridades

A primeira cuestión que debería abordar o novo goberno que saia das urnas o 26 de maio tería que ser a accesibilidades. E entendo a accesibilidade nun sentido moi amplo. Refírome a facer do espazo público da cidade un espazo público democrático.

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email