“Non habería debate se Inés Rey tivese ido á misa do Rosario a título persoal”

"Se Inés Rey tivese ido á misa do Rosario a título persoal, para nós non habería espazo para o debate. Haino porque asistiu a un oficio relixioso na súa condición de alcaldesa. Esa non é a forma de manter a necesaria separación entre a Igrexa e o espazo público". Nestes termos expresouse Francisco Jorquera este martes durante a súa intervención na tertulia de Onda Cero Coruña.

“O xeito de representar a todas e a todos, as distintas confesións relixiosas, os crentes e os non crentes, é manter unha exquisita neutralidade”, engadiu Jorquera. “Unha cousa é que a alcaldesa se reúna con representantes dunha determinada confesión, outra moi distinta é que participe nun oficio relixioso dunha delas”, dixo non sen deixar de enfatizar que el milita nunha organización “en que hai crentes e non crentes”, mais unha organización que aspira a que o Estado, actualmente aconfesional, dea un paso adiante e vire realmente laico (isto é, trate a relixión como un fenómeno estritamente persoal e privado, non como un ben a protexer polas institucións públicas).

Estamos moi lonxe aínda do laicismo, remarcou Jorquera. “Estamos nun Estado onde aínda se fan funerais de Estado, onde a Igrexa católica mantén privilexios fiscais intolerábeis, onde aínda hai moita simboloxía relixiosa nas institucións públicas”, denunciou.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario