“Non se poden tolerar cabezas abertas por defender un centro social”

David Soto, número 5 da candidatura do BNG ás municipais na Coruña, critica o desleixo do PSOE en políticas para o mocidade e advirte que os tempos mudaron e é preciso avanzar con novas propostas.
“Non se poden tolerar cabezas abertas por defender un centro social”
5 (100%) 5 vote[s]

David Soto, número 5 da candidatura do BNG ás municipais na Coruña, defendeu esta tarde as propostas nacionalistas en materia de mocidade nun debate organizado por Radio Coruña no Espazo Papagaio.

O candidato nacionalista comezou advertindo que “as necesidades da mocidade mudaron moito estes anos e agora chegou o momento de avanzar”, polo que cualificou como “insuficientes” as propostas do PSOE e da Marea. Sostivo David Soto que é preciso “reforzar o CMIX, recuperar a Consellería de Mocidade, dotar con máis recursos ás actividades dos colectivos xuvenís e facer políticas de vivenda e emprego en serio”. Soto incidiu en que o apoio ao cooperativismo e a protección do tecido produtivo son posicións que as nacionalistas veñen mantendo historicamente, e tamén lembrou que en materia de medio ambiente os concellos do BNG “son unha garantía do traballo ben feito” e indicou que as propostas nacionalistas en mobilidade inclúen a prioridade dos peóns, o carril bus e a accesibilidade das beirarrúas, entre outras medidas para “democratizar o espazo público”.

“Non se poden tolerar cabezas abertas por defender un centro social”, dixo Soto en referencia ao violento desaloxo da Insumisa executado polo goberno municipal hai agora un ano, e despois leu unhas liñas do programa do BNG: “Promover e apoiar o asociacionismo (formal e non formal), co compromiso de respectar os espazos baleiros e/ou ruinosos autoxestionados pola mocidade, como xermolo de contracultura”.

“Queremos emprego digno e posibilidade de acceder a unha vivenda. Queremos un espazo público de calidade e investimentos en cultura, non só en ocio, que son os únicos investimentos que fai a dereita”, dixo o candidato. E rematou a súa intervención advertindo: “Non queremos emigrar. E ímolo conseguir desde os concellos, defendendo o noso e sen deixar a ninguén atrás. Por iso o BNG xa é o partido que máis medra entre as mozas e mozos”.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario