“Nos Mallos hai unha oportunidade para crear un barrio de socialización interxeracional”

Francisco Jorquera aposta por facer do barrio unha zona atractiva para a instalación de estudantes universitarios e habilitar espazos en locais baleiros para actividades da veciñanza.

Unha reunión con representantes veciñais e veciñas e veciños a media mañá nun café da rúa Ángel Senra serviu para que o candidato á Alcaldía do BNG puidese tomar o pulso ao barrio dos Mallos e recollese algunhas propostas notábeis, nacidas da experiencia cotiá da veciñanza, que a formación nacionalista xa pensa en incorporar ao seu programa para as municipais de maio.

”Nos Mallos hai unha oportunidade para crear un barrio de socialización interxeracional”, explicou Francisco Jorquera, que estivo acompañado na visita por Avia Veira (nº 2 da lista ás municipais) e Mercedes Queixas (nº 3) así como por outros membros da candidatura.“Os Mallos é un barrio atractivo para a instalación de moitas e moitos estudantes universitarios na Coruña: está perfectamente comunicado, perto da estación do tren, da estación de autobuses, dos campus universitarios. Reuniría as condicións para o alugueiro de pisos a estudantes, e para iso é imprescindíbel impulsar decididamente a rehabilitación e flexibilizar as normas para que as vivendas poidan adecuarse ás necesidades de hoxe en día”, dixo Jorquera.

E engadiu: “todo iso, combinado con políticas que fomenten o intercambio interxeracional nun barrio no que xa habita moita xente maior”. Jorquera insistiu en que ese intercambio “é enriquecedor para todas as xeracións”. Entre esas medidas, o candidato nacionalista avanzou a posta a disposición da veciñanza de locais baleiros para actividades diversas ou centros de día “como puntos de encontro e de socialización”.

Na visita, as nacionalistas escoitaron tamén a comerciantes da zona e anotaron demandas comúns a outros barrios como a necesidade de revitalizar o pequeno comercio. Tamén recolleron suxestións respecto dos problemas de accesibilidade, dentro e fóra dos edificios: ausencia de elevadores en moitos edificios, a dobre fila constante en determinadas rúas… Jorquera lembrou a proposta do BNG nesta precampaña de crear un servizo de mediación municipal para resolver conflitos entre veciños dun mesmo inmóbel á hora de instalar un ascensor. 

Ademais, hai queixas nos Mallos polo atraso na poda de árbores (houbo un conflito longo na praza de San Vicente), polas defecacións de cans na rúa, pola escasa actividade no Centro Cívico, onde tamén hai zonas de uso público nas prazas circundantes con certas carencias que xa foron advertidas nos sucesivos procesos de orzamentos participativos.

Con José Salgado, representante dos comerciantes do barrio: a número 3 do BNG, Mercedes Queixas; Alberto G. Nicolás (nº 7) e Francisco Jorquera.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario