O BNG aposta por recuperar a Concellaría de Educación

“O proxecto de Educación que presentamos e co que tamén nos comprometemos é transformador”, di Mercedes Queixas na presentación con Avia Veira e Celia Armas das medidas do BNG en materia de Educación.
O BNG aposta por recuperar a Concellaría de Educación
5 (100%) 3 vote[s]

“Falando da importancia que o BNG concede á Educación, e podedes ver no noso programa até 42 referencias a esta palabra, apostamos por recuperar no próximo mandato a Concellaría de Educación”, dixo Avia Veira nun encontro con docentes e ANPAS que o BNG organizou na Fundación Luís Seoane, e no que estivo acompañada por Mercedes Queixas, número 3 da candidatura nacionalista, e Celia Armas, a número 11. “A concellaría é un punto de encontro e de referencia para a comunidade educativa, e o Concello non pode renunciar a ese labor. En especial, no que atinxe á educación de 0 a 3 anos, sabedes que esta materia se derivou ao departamento de coidados, e sabedes que desde o BNG levamos anos pelexando para que iso se considere educación, e non coidados”, dixo Veira.

As nacionalistas levan ademais no seu programa electoral (pode consultarse aquí: www.jorquera.gal) a elaboración dun Plan de Mellora educativa no Concello, como lembrou Mercedes Queixas, docente e membro do Consello Escolar municipal, que relatou tamén algunha das propostas referidas a rede de escolas infantís.


Escolas infantís: liña íntegra en galego

“Queremos ampliar as escolas infantís onde sexa posíbel e comprometer á Xunta no deseño dunha rede única de carácter público para atender toda a demanda”, indicou Queixas, e engadiu: “pretendemos que se garanta, cando menos, o 50% de presenza do galego en todas as actividades, e mesmo poida ofrecerse unha liña íntegra en galego”.No encontro, o case medio cento de asistentes, demandaron ao BNG que atenda dúas cuestións que seguen sen resolver na maioría dos centros de ensino: a accesibilidade e unha alimentación saudábel en base á produción local. Neste último punto, Queixas lembrou que as nacionalistas deron apoio ao proxecto da Escola Caracola, en Novo Mesoiro, que pide ademais que o CEIP en proxecto inclúa servizo de cociña no propio centro. No que se refire á mobilidade, Avia Veira sinalou dúas medidas do programa do BNG para os centros de ensino: promover o acceso do alumnado a pé e adaptar a mobilidade en todos os espazos a unha accesibilidade universal. Tamén anotou Veira a proposta de elaborar programas de acompañamento a menores sancionados con expulsións temporais ou definitivas dos centros.


A Educación como marca propia da cidade

Mercedes Queixas concluíu o encontro subliñando a capacidade da educación para cambiar a vida da veciñanza e das cidades. “A educación vertebra a sociedade, porque é formadora, non só en idades temperás senón ao longo de toda a vida, e tamén transformadora. O proxecto de Educación que presentamos e co que tamén nos comprometemos é transformador. Aspiramos a unha cidade que teña unha serie de marcas propias, e unha delas ten que ser a educación. Unha cidade que faga bandeira da educación será, evidentemente, un bo lugar para as persoas e un mellor lugar para vivir”. 

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario