O BNG aposta por restaurar A Silva e Cances e facer da zona un pulmón verde

Francisco Jorquera advirte que as carencias dos barrios rurais “son graves” e lembra que as cidadás e cidadáns “teñen que ter igualdade no trato independentemente onde vivan”.

Na Silva e Cances, dous dos barrios rurais coruñeses nos que as veciñas e veciños loitan por manter o seu modo de vida, a ameaza do urbanismo sen freo é constante, advirten dúas veciñas a Francisco Jorquera nunha conversa no Centro Cívico da Silva, onde o candidato do BNG á Alcaldía está acompañado por Avia Veira.

As veciñas relatan tamén unha lista de demandas destes barrios: hai casas sen conexión co saneamento público, hai casas e fincas abandonadas e sen mantemento, existen obstáculos para transitar por determinadas rúas, en moitas delas o pavimento segue en mal estado, o lixo non se recolle a diario… En catro anos de mandato do actual goberno municipal, A Silva e Cances apenas viron obras: instalar a iluminación e uns bancos públicos.

“Puidemos constatar que hai unha carencia de servizos básicos, estamos a falar do saneamento, do pavimento en rúas e camiños, de problemas de accesibilidade. Isto hai que corrixilo, porque A Coruña non é só o casco urbano consolidado; tamén son os núcleos rurais”, explicou Francisco Jorquera, que se comprometeu a contribuír desde o Concello a restaurar A Silva e Cances a partir dun plan de conxunto “para dotalos de servizos básico, poñelos en valor e que todas as cidadáns e cidadás teñan unha igualdade de trato”.
Na Silva e Cances aínda están moi presentes os excesos da burbulla inmobiliaria, contan as veciñas. Desde hai dez anos dous enormes bloques de vivendas permanecen baleiros e aparentemente abandonados despois da quebra da construtora. O que ía ser o parque das Eiriñas, aínda non é público, como acordaran a construtora co Concello. A veciñanza desconfía de que os especuladores urbanísticos teñan posto os seus ollos nesta zona.

“Esta área ten grandes potencialidades se non se aposta pola especulación inmobiliaria e si por outro tipo de intervencións. No BNG vemos aquí unha oportunidade para crear un gran espazo que funcione como pulmón verde da cidade e que actúe de freo á expansión da edificación e de barreira ambiental con respecto a zona industrial da Coruña”, dixo Jorquera. E concluíu: “A Silva e Cances deben manter o seu carácter de núcleos rurais, pero dignificando os accesos e os servizos públicos”.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario