O BNG creará o Consello Económico e fixará unha estratexia de reactivación do emprego

Francisco Jorquera presenta as liñas programáticas do BNG en materia de emprego e desenvolvemento nun almorzo no Colexio de Economistas da Coruña. O candidato nacionalista fixa a creación de emprego e un cambio no modelo produtivo como eixos da política nacionalista.
Que opinas desta nova?

A“Contaremos co Colexio de Economistas da Coruña e desde o Concello faremos de panca para fomentar a relación e o debate entre distintos actores”, comprometeuse esta mañá Francisco Jorquera, o candidato nacionalista á Alcaldía da Coruña, durante un almorzo-coloquio no Colexio de Economistas no que presentou as propostas nacionalistas en materia de emprego e desenvolvemento económico. Esa panca na que o BNG quere converter o Concello para reactivar a economía da cidade e da área coruñesa contará cunha ferramenta inicial: o Consello Económico e Social. “Foi unha demanda de moitos dos actores económicos cos que sentamos a falar para preparar o noso programa, desde sindicatos até asociacións empresarias e colexios profesionais. Pensamos que pode ser o espazo no que definir a estratexia para relanzar a economía, mesmo empezar a pensar en mudar o modelo produtivo na área metropolitana, e volver a ter emprego e un emprego de calidade”, explicou Jorquera, que ademais aceptou o ofrecemento do Colexio de Economistas a participar desde o primeiro momento na creación “dun ecosistema no que traballar xuntos”, segundo expresou Marcelino Fernández-Mallo, un dos colexiados que participou no coloquio.

Antes, Jorquera trazou unha breve análise da situación da economía da comarca e do impacto da crise. “A crise agudizou a situación periférica de Galiza. E na Coruña, ademais, o proceso de concentración bancaria pasou unha factura maior, e por riba se perderon outras grandes empresas”, dixo o nacionalista antes de subliñar que “na cidade, a aposta por un modelo produtivo baseado nos servizos fixo que se esquecera a base industrial. E, ao fin, a resposta a crise foi precarizar as condicións das traballadoras, especialmente nos servizos”.

Que nova resposta dar a crise?

Diante da evidencia daquela resposta á crise, Jorquera reflexionou sobre que facer desde un concello como o da Coruña para buscar outras saídas. E falou de liderado político. “O primeiro que se pode facer desde un concello é liderar, facer de panca con outras administracións e cos axentes privados. Para iso hai que ter un plan. Cal é o plan? Nestes últimos oito anos non houbo plan”.

Jorquera e o BNG consideran que desde ferramentas como o Consello Económico e Social se poden empezar a definir estratexias e eixos “e empezar a traballar todos na mesma dirección”. “Para o BNG”, comentou o candidato, “os eixos a nivel comarcal son mirar para o sector industrial, modernizalo e revitalizalo. Mesmo a través de iniciativas como a tarifa eléctrica galega da que vimos falando como axuda á continuidade das electrointensivas como Alcoa ou Ferroatlántica. Tamén consideramos que hai que apostar en serio por iniciativas como a Cidade da TIC e institutos como o INIBIC que aportan coñecemento”. E engadiu, un día despois da xuntanza coa Confraría de Pescadores: “É preciso devolver á pesca e á actividade portuaria un papel relevante”, e anotou ademais “as posibilidades que ofrece vincular a cidade co potentísimo sector téxtil desde o punto de vista da marca de cidade”.

Francisco Jorquera participou tamén este mércores dun reparto de información electoral no barrio dos Mallos e mañá xoves ten previsto visitar a Escola de Relacións Laborais antes do mitin da tarde que se celebrará xunto ao Mercado das Conchiñas ás oito da tarde.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario