O BNG defenderá nas Cortes que non haxa pensións en Galiza inferiores ao SMI

María Xosé Bravo, nº 2 ao Congreso pola Coruña, lembra nun debate na Agra do Orzán que o 65% dos pensionistas galegos cobran pensións inferiores na actualidade. “Non nos conformaremos con subas lineais”, advirte, “a situación en Galiza é diferente”.

“O 65% das pensións en Galiza están por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional. Desde o BNG non nos conformaremos con subas lineais das pensións no Estado, queremos que non haxa ningunha pensión en Galiza inferior ao SMI”, dixo María Xosé Bravo, a número 2 da candidatura do BNG ao Congreso pola Coruña, esta tarde no primeiro debate electoral das Xerais do 28A na cidade no que participou xunto a representantes do PP, do PSOE, de UP e de En Marea.

María Xosé Bravo subliñou a necesidade de que o BNG estea nas Cortes do Estado para que alí se fale de Galiza e indicou a importancia “de estarmos en foros de decisión nos que se traten asuntos que nos concirnen” porque, dixo: “no BNG acreditamos nas potencialidades do noso país no sector agrogandeiro, no industrial ou na pesca e pensamos que estes sectores poden axudar á creación de emprego como condición para atallar dúas crises que sofre Galiza: a demográfica e a inmigración de mozas e mozos”.

Bravo referiuse tamén na Agra do Orzán á eliminación da taxa de reposición nos servizos públicos básicos, e puxo como exemplo das políticas de retallos do PP e do PSOE que están acabando con estes recursos o do Observatorio, situado neste barrio, e que “despois de anos coordinando o traballo do servizo de meteoroloxía a nivel de Galiza, agora ten un equipo insuficiente e viu limitadas as súas funcións a recoller datos e pasarllos a outros servizos en Madrid ou Santander”.

A candidata nacionalista advertiu ademais que para levar adiante as políticas que o BNG defende para a recuperación do país é necesario contar cunha Facenda Pública Galega, “para xestionar nós os nosos impostos”, e urxen medidas como a da Tarifa Eléctrica Galega, “para axudar a salvar o emprego das industrias electrointensivas como Alcoa, pero tamén para axudar ás familias a reducir o custe da factura”.

Ana Pontón e Néstor Rego, este mércores en Alcoa

A campaña das Xerais do BNG continuará mañá mércores na Coruña cunha reunión co comité de Alcoa na que participarán a portavoz nacional, Ana Pontón, o número 1 da lista ao Congreso, Néstor Rego, e o candidato do BNG á Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario