O BNG insistirá en rescatar o mercado e o centro de saúde para Santa Lucía e A Falperra

Jorquera lembra que son demandas amplamente compartidas e reiteradas dunha veciñanza que ve no mercado a oportunidade para revitalizar Santa Lucía e A Falperra.
O BNG insistirá en rescatar o mercado e o centro de saúde para Santa Lucía e A Falperra
5 (100%) 1 vote[s]

O mercado de Santa Lucía, o nexo entre os barrios de Santa Lucía e A Falperra, viviu a última gran reforma hai case corenta anos. Daquela, a comezos dos oitenta, ocupaban o espazo máis de douscentos postos, máis de 40 deles eran pescarías e mesmo había unha oficina bancaria dentro. Era, co das Conchiñas, o mercado máis populoso da cidade. Isto cóntanllo a Francisco Jorquera, o candidato do BNG á Alcaldía da Coruña, unha praceira e un praceiro, dous dos tres que hoxe quedan en Santa Lucía, un mercado baleiro, con deficiencias evidentes a primeira vista, cun andar, o segundo, completamente abandonado, pero ao que a veciñanza segue acudindo para evitar que morra. O mercado leva cinco meses co elevador fóra de servizo.

Acompañado por militantes nacionalistas do barrio, e polo número 7 da candidatura, Alberte García Nicolás, veciño da Falperra, Francisco Jorquera conversou con tendeiros e veciñas sobre o problema do mercado, o gran problema do barrio, que mesmo suscitou protestas na rúa que non conseguiron mover nin ao goberno de Negreira nin ao da Marea Atlántica.

“O BNG leva todo este mandato pulando por unha ordenanza de mercados que permita, entre outras cousas, regularizar a situación das praceiras de Santa Lucía, hoxe nun limbo legal; pero a Marea renunciou a sacar adiante esa ordenanza”, indicou Jorquera, e engadiu: “Desde o BNG insistiremos para que en Santa Lucía se fagan dúas cousas: a reforma do mercado e o centro de saúde, que é o que querían as veciñas e seguen demandando”.

O BNG, lembra Jorquera, “conta con exemplos de revitalización de mercados locais, sinaladamente o caso de Tomiño; e queremos que na Coruña os mercados municipais volvan ser os centros da vida nos barrios”. Insiste o candidato nacionalista en que o primeiro paso para a recuperación do pequeno comercio e da vida nos barrios é o rescate dos mercados “como eixos dinamizadores”. E nesa liña, avanza algunha das medidas que o BNG impulsará se ten responsabilidade de goberno: “é imprescindíbel unha ordenanza que dea sostén ás praceiras en Santa Lucía e tamén en Durmideiras; é necesario que esa ordenanza abra os mercados a actividades diversas e se amplíen horarios, por exemplo”.

Solares

Na visita á Falperra, Francisco Jorquera tamén recolleu queixos da veciñanza sobre o abandono de varios solares na rúa Vila de Laxe -algúns deles, abandonado por un construtor; outros, de propiedade municipal e que nin sequera están limpos de maleza- e tamén pola falta de espazos públicos de calidade: apenas hai unha praza aberta.

Alberte G. Nicolás (nº 7 da candidatura) e Francisco Jorquera, con Pedro Luis González, veciño de Santa Lucía e militante do BNG.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario