“O BNG non apoiará ningún Orzamento Xeral do Estado que non inclúa os cartos necesarios para rexenerar a Ría do Burgo”

María Xosé Bravo, número 2 da lista do BNG ao Congreso, participou nun encontro coa confraría e mariscadores xunto a eurodeputada Ana Miranda, o candidato á Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, e outros membros do BNG de Cambre, Culleredo e Oleiros.

“O BNG non apoiará ningún Orzamento Xeral do Estado que non inclúa os cartos necesarios para rexenerar a Ría do Burgo”, dixo María Xosé Bravo, número 2 da lista do BNG ao Congreso pola Coruña, esta mañá no Temple, ao pé da ría, despois de participar nun encontro con membros da Confraría de Pescadores da Coruña, encabezados polo seu presidente, Felipe Canosa, con mariscadoras -entre elas Teresa Ramiro, que fai parte da candidatura do BNG nas municipais da Coruña-, e con representantes do Bloque, entre eles, Francisco Jorquera e a eurodeputada Ana Miranda, acompañada nesta visita polo deputado letón Miroslavs Mitrofanovs.

Durante a xuntanza, traballadores e representantes políticos do BNG nos concellos de Cambre, Culleredo e Oleiros trasladáronlle aos europarlamentarios e ás candidatas nacionalistas o estado da ría.

Una situación que Ana Miranda resumiu a situación despois de realizar unha medición da profundidade dos lodos: “Seis anos despois volvemos aquí a cravar un pau no mesmo lugar no que o fixo a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, e seis anos despois o lugar segue igual: sen sanear, sen dragar”. 

Minutos antes, Miranda, xunto a Mitrofanovs e Tono Chouciño, candidato do BNG en Culleredo, introduciran un pau na auga desde o pantalán do Paseo dos Templarios. Seis anos atrás, no 2013, nunhas condicións semellantes de marea, a medición fora 1,80 metros de lodos. Esta mañá, a marca dos lodos chegaba a 1,90 metros. 

Os lodos, a contaminación, os vertidos, a presión urbanística, están poñendo en perigo os postos de traballo e a saúde dos poucos pescadores e mariscadores que poden desenvolver a súa actividade nestas condicións. A queixa foi unánime durante o encontro que reuniu case corenta persoas nunha biblioteca xunto ao paseo. 

“Desde o BNG seguimos loitando no Parlamento Europeo para que veñan fondos europeos e para que Galiza poida executalos sen ter que esperar a decisión de Madrid e sobre todo para que haxa vontade política no Estado para dotar orzamentariamente as actuacións que precisa a ría”, dixo Ana Miranda. E engadiu: “Non pode haber escusas nin por parte do goberno da Xunta nin por parte do Estado”.

Pola súa banda, María Xosé Bravo concluíu: “Volveremos levar a cuestión da Ría do Burgo ao Parlamento español, e exixiremos que se faga público o plan de rexeneración, que se estableza un calendario e que apareza de vez nos Orzamentos Xerais do Estado a partida que se precisa para levar adiante esta rexeneración”.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario