O BNG pide a devolución definitiva do vello cárcere e co edificio rehabilitado

María Xosé Bravo, número 2 da candidatura nacionalista ao Congreso pola Coruña, participou nun roteiro polo centro da cidade para sinalar os bens en mans do Estado que o BNG reclamará desde as Cortes e todas as institucións nas que estea presente.
O BNG pide a devolución definitiva do vello cárcere e co edificio rehabilitado
5 (100%) 1 vote[s]

“Queremos o vello cárcere, pero non de maneira temporal, porque ficou claro que a fórmula utilizada polo Concello da Coruña coa SIEP resultou un fracaso; querémolo de maneira definitiva e co edificio, agora nun preocupante abandono, rehabilitado en condicións polo seu dono actual, o Estado”, declarou María Xosé Bravo esta mañá no remate dun breve roteiro na que a candidata nacionalista sinalou os bens en mans do Estado que o BNG continuará reclamando nas institucións, singularmente nas Cortes.


Acompañada por Miguel Pernas, número 5 da lista ao Congreso, e por Mercedes Queixas e Ricardo Vales, entre outras militantes, Bravo empezou o percorrido diante dos terreos de La Solana, lembrando “a mobilización cidadá impulsada desde a Comisión Aberta de Defensa do Común” para que eses terreos, xunto ao Hotel Finisterre, volvan ao dominio público da cidade a partir de 2027 (data do remate da concesión) e pedindo ademais que se abran os xardíns de Capitanía, situados nesa parte da fachada marítima do porto. Despois, Bravo reclamou tamén para uso público o Cuartel de Atocha, e lembrou que as loitas veciñal pola recuperación das parcelas da Maestranza e do Campo da Estrada, en mans do Ministerio de Defensa español, tratan de evitar a especulación inmobiliaria nesas áreas.Xunto ao muro que pecha outra parcela de Defensa na cidade, a da rúa Adelaida Muro, onde a acción da veciñanza freou xa por dúas veces a poxa, a candidata nacionalista ao Congreso fixo mencións as loitas veciñais que se perderon (o antigo Asilo de Anciáns) e que se gañaron (o Abente e Lago) en Monte Alto, e recordou que na parcela en disputa, a Asociación de Veciñas do barrio propón construír un equipamento público.

O roteiro rematou diante do vello cárcere, hoxe de novo pechado e con vixilancia privada a cargo do Estado. En declaracións aos medios, María Xosé Bravo advertiu que “o BNG seguirá reclamando a súa devolución á cidade” e avogou polos usos culturais e asociativos “independentes e mesmo con fórmulas de autoxestión” para rescatar un espazo que “necesariamente está moi pegado á memoria das vítimas do golpe fascista do 36”.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario