O BNG propón o ‘cheque cultural’, recuperar a Festa do Libro e un programa de residencias culturais

Mercedes Queixas Zas, nº 3 da candidatura, presenta as primeiras medidas no ámbito cultural de cara ás municipais.
Que opinas desta nova?

“Unha cidade creativa precisa dunha política cultural participada e inclusiva”, dixo Mercedes Queixas, a número 3 da candidatura do BNG, na presentación das primeiras 12 medidas da proposta municipal de Cultura, na que estivo acompañada por Francisco Jorquera. Advertiu Queixas de que o Concello non pode ser o único actor que programe eventos e intervencións culturais na cidade e por iso debe fomentar a participación e a coordinación neste ámbito. E aí enmarcou a nacionalista a primeira das propostas: a creación do Consello Municipal da Cultura.

A continuación, Queixas Zas subliñou a vocación inclusiva da proposta do BNG e avanzou a iniciativa de instaurar ‘cheques culturais’ para o acceso á cultura de todas e todos, “empezando pola mocidade”. Unha proposta tamén de descentralización, “para levar a cultura aos barrio”, e de desestacionalización “para que haxa cultura todo o ano”. Queixas insistiu en que o cheque cultural é unha iniciativa que saíu adiante con éxito noutros lugares do mundo e lembrou que o artigo 27.1 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos recoñece o dereito de todas a tomar parte na vida cultural e a gozar das artes.

A terceira proposta das nacionalista é a creación dunha Escola municipal de teatro galego, vinculada á programación “estábel de autores e obras galegas” na cidade. A cuarta proposta que destacou Queixas foi a recuperación da Festa do Libro en colaboración estreita “e escoita atenta” coas librarías e bibliotecas.

Ás bibliotecas refírese a quinta das propostas. “Proporemos a creación dunha Rede Única de bibliotecas na cidade, avanzando por unha banda no proceso de remunicipalización e, por outra, na dotación de equipamentos, como o caso desa biblioteca que reclama Novo Mesoiro”. Despois, a candidata fixo referencia ás iniciativas para crear unha Factoría Cultural que axude, tamén habilitando espazos públicos, a creadoras e creadores; e a este colectivo tamén vai dirixida a sétima das propostas: a posta en marcha dun programa de Residencias Culturais.

Dentro desa labor de coordinación e promoción da actividade en cooperación co resto de actores públicos e privados, o BNG tamén levará no seu programa a creación dun Catálogo de recursos culturais da cidade. A novena medida é a recuperación da Casa Cornide, á que se engadirán outras en materia de memoria histórica. Tamén queren as nacionalistas mellorar a visibilidade e o acceso as diferentes casas museo da Coruña, así como revitalizar os museos da cidade, con especial atención aos museos científicos, e o Arquivo Municipal.

A última das propostas avanzadas hoxe por Mercedes Queixas é a recuperación do festival AchegArte. “É unha demanda que vimos escoitando de distintos colectivos e profesionais nestes meses de reunións e conversas que vimos mantendo para perfilar a que será a acción cultural do Bloque desde o Concello”. A estas xuntanzas poralle o ramo este xoves (18.00 horas, no Hotel Riazor) o Encontro de Cultura, no que Queixas Zas estará acompañada por María Xosé Bravo, candidata do BNG ao Congreso pola Coruña, e polo cabeza de lista ás municipais, Francisco Jorquera.

AS DOCE MEDIDAS

  1. Creación do Consello Municipal da Cultura.
  2. Instaurar ‘cheques culturais’ para o acceso á cultura de todas e todos.
  3. Creación dunha Escola de Teatro galego.
  4. Recuperar a Festa do Libro.
  5. Creación dunha Rede Única de Bibliotecas.
  6. Creación dunha Factoría Cultural.
  7. Posta en marcha dun programa de Residencias Culturais.
  8. Creación dun Catálogo de recursos culturais da cidade.
  9. Recuperación da Casa Cornide.
  10. Reforzar a visibilidade e o aproveitamento das diferentes casas museo da Coruña.
  11. Revitalizar os museos da cidade, con especial atención aos museos científicos, e o Arquivo Municipal.
  12. Recuperación do festival AchegArte.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario