O BNG propón que o cárcere sexa BIC

As nacionalistas advirten que o edificio reúne os requisitos para converterse en Ben de Interese Cultural polo seu valor arquitectónico e histórico, e lembran que o antigo Correccional de Oviedo goza desta protección desde o ano 2003. Avia Veira indica que a catalogación obrigaría ao Estado a atender á conservación do edificio e a abrir o espazo ás visitas do público.

O 2 de maio de 1925 colocouse a primeira pedra do Cárcere Provincial da Coruña, nun acto onde se homenaxeou tamén a Concepción Arenal. Foi nuns terreos propiedade municipal que se cederon ao Ministerio de Guerra. O edificio do antigo cárcere está próximo a cumprir cen anos. É un edificio singular, cun alto valor arquitectónico e histórico, cuxo deseño radial sobre o eixo do panóptico responde ás teorías disciplinarias de Bentham. Anos antes da construción do cárcere, en 1914, A Coruña acollera o II Congreso Penitenciario Español, onde a arquitectura das prisións estivera xa no centro do debate da reforma penintenciaria; un debate, por certo, no que interveu decisivamente Concepción Arenal cos seus estudos sobre a reinserción.

Estas son algunhas das razóns que esgrime o Bloque Nacionalista Galego para propoñer que o cárcere sexa declarado BIC (Ben de Interese Cultural). “As nacionalistas comprometémonos, en canto comece o  vindeiro mandato, a iniciar os trámites para que o Concello da Coruña lle solicite da Xunta que o antigo cárcere sexa declarado BIC”, explicou este xoves Avia Veira, portavoz do BNG na corporación municipal e número 2 da candidatura ás municipais.

Veira sinalou que esta catalogación obrigaría ao Estado, propietario do cárcere, a atender á conservación do edificio e abrir o espazo ás visitas do público. “A lei esixe do propietario que invista o necesario para o mantemento e ademais que estableza un réxime de visitas para o público. Polo tanto, quedaría garantida a conservación do cárcere e un primeiro uso por parte da veciñanza, nun proceso sen volta atrás”, subliñou a nacionalista.A concelleira explicou que esta iniciativa sobre o cárcere atende “ao primordial, sen entrar nos debates sobre a propiedade ou a xestión futura”. En calquera caso, Veira insistiu en que o BNG “apoiou e impulsou desde a corporación todas as iniciativas para a recuperación do vello cárcere”.  

O cárcere, que quedou sen uso en 1999, vén sendo reclamado desde aquela polas sucesivas corporacións municipais. No 2000 o edificio foi proposto desde o Consistorio como sede do futuro Museo de Tecnoloxía. No 2003 se puxo prezo a unha posíbel cesión por parte do Estado: 1,8 millóns de euros. Un ano despois a veciñanza de Monte Alto reclamábao como centro cívico. E no 2006 o futuro pasaba por convertelo nunha factoría cultural, previa reforma cifrada naquela altura en 18 millóns de euros. No 2010, co goberno bipartito, Instituciones Penitenciarias autorizou a Concellería de Cultura, dirixida pola nacionalista María Xosé Bravo, a usar o cárcere para diferentes actividades. Abriuse o cárcere á cultura. O goberno resultante das municipais de 2011 cancelou calquera actividade. E ao ano seguinte, a SIEP prohibiu o acceso. No 2013 o goberno municipal aceptou renegociar o convenio de cesión dos terreos. E xa no 2015, o actual goberno anunciou que revisaría aquel convenio para a reversión da propiedade á cidade. A historia recente é coñecida. 

“Seguimos comprometidas na recuperación da propiedade, por suposto”, insistiu Avia Veira, “pero a nosa proposta vai encamiñada a garantir a conservación e o seu uso a corto prazo pola veciñanza. O antigo cárcere provincial reúne dabondo valores que xustifiquen a súa inclusión no Rexistro de Bens de Interese Cultural.Pode solicitar esta declaración calquera persoa, física ou xurídica, titular ou non de interese lexítimo sobre o ben inmoble. Desde o BNG propoñemos que sexa a corporación municipal a que faga esta solicitude”, concluíu Veira, que puxo como exemplo a iniciativa tomada en Oviedo no 2003 respecto do antigo correccional, que foi aberto ao público e mantense en bo estado de conservación.

Ligazón ao decreto que declarou BIC (na categoría de monumento) o antigo cárcere de Oviedo aquí 

Retirada de honras a Fraga Iribarne

Na mesma comparecencia de prensa, a portavoz nacionalista anunciou que o BNG levará ao próximo pleno unha moción para que a corporación lle retire a Manuel Fraga Iribarne a distinción como Fillo Adoptivo, decisión que a finais de abril xa acordou a corporación de Ferrol por impulso de vítimas da represión franquista, as mesmas que pediron ao BNG que activara o proceso na Coruña.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario