O BNG quere abrir a cidade ao mar cun novo distrito de servizos e actividade produtiva

Jorquera lanza a proposta do Distrito do Mar para os usos futuros do porto: co gran hospital e unha nova sede para o Inibic, un intercambiador de transporte e equipamentos culturais, mantendo a pesca e as descargas.

“Fronte aos usos especulativos que se contemplaban nos convenios de 2004, propoñemos que a cidade lidere a transformación do porto interior coa titularidade pública e usos diversos, mantendo as actividades produtivas”, explicou este luns Francisco Jorquera, o candidato do BNG á Alcaldía, nunha rolda de prensa na que presentou o Distrito do Mar, unha idea que engloba un hospital cunha nova sede para o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña e aloxamento para investigadores e especialistas internos residentes; un intercambiador de transportes que recolla os fluxos de viaxeiros da comarca por ferrocarril, bus interurbano e mar, e para o que se propón a Lonxa do Gran Sol; e zonas verdes que engadirían equipamentos culturais, entre os que as nacionalistas suxiren, unha aula ou museo do mar e a biblioteca central da cidade.

Todo iso, nos terreos dos peiraos que vaian quedando en desuso e cunha planificación a medio-longo prazo que convertería A Coruña “nunha cidade policéntrica, porque o Distrito do Mar sería un novo centro”.

O candidato nacionalista subliñou que a proposta garante o mantemento de usos produtivos no porto, que “seguirá sendo un porto vivo, un motor económico en materia pesqueira e de tráfico de mercadorías” e ademais con “espazos para a investigación, o I+D+i promovendo unha industria innovadora vinculada á economía do mar”.

Jorquera precisou que a xestión deste proxecto esixirá non só da creación dun consorcio no que participen todas as Administracións e entes implicados “para levar adiante unha proposta novidosa e ambiciosa”.
“O futuro da cidade vai depender en boa medida da solución que se lle dea a estes terreos, por iso o vindeiro mandato será un momento decisivo para a cidade”, insistiu Jorquera.

Mais o candidato nacionalista indicou as vantaxes de combinar nun mesmo espazo un equipamento como un gran hospital e un intercambiador de transporte.

“Dotaría de actividade ás 24 horas aos terreos liberados do actual porto interior resolvendo os problemas de seguridade que a falta de actividade nocturna podería suscitar. Pero ademais, a nova situación, permitiría a creación de amplas zonas de aparcamento e facilitaría a accesibilidade e a conexión con distintos modos de transporte. O hospital e todo o tráfico que xera dotaría á zona da masa crítica precisa para recuperar o transporte marítimo e mesmo conectar por mar Ferrol e A Coruña, e tamén implantar servizos ferroviarios de proximidade, o denominado tren-tram, que confluirían no intercambiador”, explicou Jorquera.

E concluíu sinalando que “fronte a tendencia de instalar os centros hospitalarios fóra da cidade, apostamos porque o CHUAC estea no corazón da cidade: o modelo de cidade compacta é o que asegura unha cidade máis viva, cun espazo urbano de calidade e reduce a necesidade do recurso ao vehículo privado”.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario