O BNG reclamará para Galiza o control dos recursos enerxéticos do país

María Xosé Bravo, número 2 da candidatura nacionalista ao Congreso pola Coruña, participou no debate entre candidatas organizado pola AAVV de Monte Alto e volveu incidir na recuperación para uso público dos terreos que o Estado mantén na cidade, e tamén do vello cárcere.
O BNG reclamará para Galiza o control dos recursos enerxéticos do país
5 (100%) 1 vote[s]

“Para ter unha voz propia en Madrid, esa voz que non se escoitou durante estes últimos catro anos, para iso se presenta o BNG a estas eleccións, para estarmos con voz propia, sen dependencias de forzas estatais, alí onde se deciden asuntos vitais para o noso país”, dixo María Xosé Bravo durante o debate entre candidatas que se celebrou este martes na Biblioteca de Monte Alto, organizado pola AAVV de Monte Alto.Bravo sinalou a oportunidade que se abre sen maiorías absolutas á vista e incidiu, como xa fixera hai unha semana no debate na Agra, na necesidade de que o nacionalismo recupere capacidade de incidir na política estatal para reclamar unha Facenda Pública e unha banca pública galegas, “que nos permitan xestionar os nosos propios recursos e atender os nosos sectores produtivos”. 

A candidata nacionalista engadiu que o BNG reclamará ademais as transferencias en materia de aeroportos, así como competencias plenas en políticas costeiras e nas bacías hidrográficas “para termos o control de recursos estratéxicos, especialmente da produción de enerxía, e mesmo poder dotarnos dunha tarifa eléctrica galega que axude ás familias e ás empresas reducindo o custe da factura da luz”. 

Tamén fixo referencia ás pensións, “as máis baixas do Estado, un 65% delas por baixo do Salario Mínimo Interprofesional”, e comprometeu o apoio do BNG a unha suba que, cando menos, as eleve ao nivel do SMI. 

Devolucións na Coruña 

“Ademais das transferencias en materia de infraestruturas, tamén reclamaremos a devolución gratuíta para uso público dos terreos do porto interior da Coruña, dos solares e edificios da cidade sobre os que distintos ministerios do Estado manteñen a propiedade, incluíndo tamén o antigo cárcere provincial”, subliñou María Xosé Bravo, que na súa etapa como concelleira de Cultura xa conseguira abrir a vella prisión á veciñanza. Bravo lembrou que a postura do BNG respecto da débeda do porto exterior é clara: “esa obra tena que financiar o Estado, e asumila débeda que xerou, porque nós negámonos a que se especule cos terreos que se van liberando no porto interior para pagar unha débeda que non é da cidade”.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario