“O BNG vai ser clave na vindeira corporación municipal”

Francisco Jorquera subliña as propostas en vivenda, educación e o proxecto do Distrito do Mar no debate de candidatos en Radio Coruña e lémbralle ao alcalde que “se alguén dubidou sobre como recuperar o porto foi a Marea” despois de ensinarlle un titular de prensa de 2018 no que o goberno se mostraba disposto a pagar ao Estado. "O BNG está claramente en ascenso e estamos a percibir unha gran receptividade as nosas propostas e unha alta valoración social da nosa candidatura”, asegura o nacionalista.

O terceiro debate no que os candidatos á Alcaldía das catro principais forzas confrontaban as súas propostas –o de este domingo na Domus organizado por Radio Coruña– transcorreu como os dous anteriores, co PSOE e o PP competindo por denigrar ao goberno municipal e con Xulio Ferreiro defendéndose sen demasiada convicción cun cortina de datos e promesas a futuro respecto de todo o que deixou de facer no mandato. Francisco Jorquera, do BNG, mantívose á marxe do cruce de acusacións e conseguiu transmitir as propostas nacionalistas nas materias a tratar previamente acordadas.

Falou Jorquera de emprego e de vivenda como cuestións urxentes a atender desde o Concello e insistiu ademais na necesidade de aplicar políticas sociais “porque o Concello ten que actuar como axente de cohesión social e, ao mesmo tempo, como axente de dinamización da economía”. “Investindo e liderando”, engadiu o candidato nacionalista respecto das posibilidades de revitalización da economía a través de políticas municipais.

Tamén se referiu Jorquera á política de mobilidade que defenden as nacionalistas e dixo que hai que “empezar a pensar a mobilidade desde os peóns, como primeira prioridade, e co transporte público colectivo, como segunda prioridade”. Jorquera remarcou a necesidade de planificar o transporte a escala metropolitana e fixo mención ao proxecto Distrito do Mar, que suxire instalar un intercambiador de transporte nos peiraos de San Diego e un hospital e espazos culturais nos terreos do porto sen abandonar os usos produtivos, singularmente os pesqueiros. Neste punto, o candidato nacionalista reprobou a Ferreiro que acusara ao BNG de ‘seguidismo’. “O BNG non fai ‘seguidismo’, señor alcalde; o BNG leva anos defendendo a devolución gratuíta dos terreos do porto interior e que sexa o Estado quen asuma a débeda do porto exterior. Se alguén dubidou nesta cuestión, foron vostedes”, advertiulle antes de mostrar un titular de prensa de hai uns meses no que a Marea Atlántica se mostraba disposta a negociar o pago pola devolución deses terreos.

Jorquera recordou ademais que nin o PP nin o PSOE foron quen de conseguir que o Goberno central asumira esa débeda do porto exterior, cando si o consentiron no caso de Valencia. E tamén sinalou a Ferreiro respecto do compromiso do seu partido de modificar as liñas de autobús urbano. “Primeiro ía ser no 2016; despois, ao ano seguinte; despois, a finais de 2018… e estamos en maio de 2019 e vén agora dicindo que dentro de seis meses se sae alcalde?… Obras son amores, señor alcalde: leva vostede catro anos prometendo e agora volve prometer?”.

Despois do debate, o candidato nacionalista reiterou o seu convencemento de que a tendencia das enquisas dos últimos días se corresponde “co que estamos a percibir na rúa: que o BNG segue á alza, que o apoio social medra clara e constantemente”, e sinalou que “os resultados poden ser inda mellores do que apuntan as enquisas, porque entramos nunha última semana que será decisiva, con debates e outros actos importantes”. En opinión de Francisco Jorquera a sete días das votacións: “O BNG vai ser clave na vindeira corporación municipal”.

Jorquera concluíu o debate na Domus sinalando que o BNG está disposto a xogar un papel de liderado da política municipal “para que o cambio que se produza a partir do 26 de maio sexa verdadeiramente transformador”. “Somos ambiciosos”, rematou.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario