“O libro é estratéxico na nosa política cultural”

O BNG recuperará a Festa do Libro e o Achegarte para impulsar o sector cultural da Coruña. Avia Veira e Mercedes Queixas tamén se comprometeron a incrementar os fondos públicos das bibliotecas municipais e a nutrir eses fondos a través das librarías locais.
“O libro é estratéxico na nosa política cultural”
5 (100%) 1 vote[s]

A aposta do BNG polo sector cultural é firme e vén avalada polas políticas desenvolvidas neste e noutros concellos; o candidato nacionalista a alcalde, Francisco Jorquera, reclama unha acción pública ambiciosa para que A Coruña se converta nunha capital cultural do país “porque ten argumentos dabondo para selo”; Mercedes Queixas, docente, escritora e número 3 da lista do BNG, anota: “O libro é estratéxico na nosa política cultural. O libro ten que estar na rúa, facer parte da vida cotiá”.

Mercedes Queixas e a número 2 da lista, Avia Veira, participaron esta mañá nun encontro con libreiras e libreiros da cidade. Relataron algunhas das medidas do programa cultural do BNG que afectan directamente ao sector do libro. O BNG impulsará a creación dun Consello Municipal de Cultura, como marco para deseñar todas as políticas públicas de acordo co sector; tamén recuperará a Festa do Libro e promoverá unha semana do libro, “na que as actividades se fagan en coordinación cos centros educativos e as librarías”, segundo explicou Queixas; creará unha axenda cultural da cidade, “para visibilizar todas as iniciativas”; recuperará tamén “como escaparate cultural” o Achegarte; e impulsará bonos culturais para a mocidade e as persoas en risco de exclusión, “para garantir de vez o acceso universal á cultura”. Veira e Queixas tamén se comprometeron a incrementar os fondos públicos das bibliotecas municipais e a nutrir eses fondos a través das librarías locais.

As libreiras e libreiros que participaron no encontro avanzaron que está en marcha a creación dunha asociación do gremio na cidade, reclamaron políticas públicas que axuden a dar a coñecer as librarías e a manter unha relación fluída entre librarías e centros educativos. Achegaron tamén ideas para a promoción do libro: desde propostas de divulgación a través de carteis na rúa até outras máis ambiciosas como converter o Día das Letras no Mes das Letras.”A presión cae toda sobre nós, os libreiros e libreiras. Non podemos atender a todo, á difusión, ao negocio, á información e ao fomento, aos eventos… leva moito esforzo facer unha simple presentación para que despois nin se difunda”, láianse os profesionais, que agradeceron o convite e animaron ao BNG a manterse firme na defensa e promoción da lingua e da cultura. 

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario