“O porto debe recuperar o tempo perdido e reinventarse no que se refire ás actividades produtivas”

O BNG insiste en levar ao centro do debate sobre os futuros usos dos terreos do porto unha estratexia para introducir A Coruña na rede marítima global de transporte, ademais de apostar pola pesca como actividades primordiais.

“Comprometémonos a que o porto da Coruña recupere o tempo perdido en materia produtiva e por iso pularemos en todas as institucións, empezando polo Congreso e desde o Concello. No BNG entendemos que o porto da Coruña precisa posicionarse nas rutas marítimas globais en tráfico de mercadorías e contedores”, manifestou Avia Veira, a concelleira nacionalista, despois dun encontro con arquitectos e economistas xunto a Francisco Jorquera, o candidato á Alcaldía, e María Xosé Bravo, a número dous da lista ao Congreso.

“Os usos produtivos do futuro porto estiveron ausentes do debate ou foron apenas tratados como aspectos laterais. Asistimos a un debate que xira arredor de temas urbanísticos cando o tráfico de contedores e mercadorías e a pesca deberían ser un asunto central”, explicou Veira despois de escoitar as consideracións dos expertos sobre a falta dunha planificación estratéxica dos portos galegos e a necesidade de reinventarse diante de retos que terán que afrontar a curto prazo polas restricións comunitarias ao tráfico de mercadorías por estrada e o incerto futuro das centrais de carbón.

Nese sentido, Francisco Jorquera aludiu a necesaria coordinación dos portos galegos que, insistiu, dispoñen dunha situación xeográfica excepcional para o tráfico entre América e Europa, “malia que se nos siga dicindo que somos periferia”. Mais sinalou que “antes de que se poida trasladar ao porto exterior todo o que é trasladábel, o primeiro que hai que solucionar é a conexión ferroviaria do porto exterior. Ningún porto de referencia funciona sen conexión ferroviaria”.

O candidato do BNG á Alcaldía aludiu á aposta, “máis que discutible”, que se fixo desde o Estado por un modelo ferroviario “orientado exclusivamente ao tráfico de pasaxeiros”, e criticou ademais os sucesivos deseños dun corredor atlántico do ferrocarril que pasará pola Coruña, “pero non por Ferrol”, dificultando así a coordinación entre os diferentes portos galegos.

As nacionalistas insisten en que “hai moito tempo perdido por recuperar”, en palabras de Avia Veira, e indican que tratarán de levar o debate cara estas cuestións (usos produtivos, traslado de actividades entre o porto interior e o exterior, e conexións ferroviarias) na próxima campaña das municipais. “O porto debe recuperar o tempo perdido e reinventarse no que se refire ás actividades produtivas”, conclúe Veira.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario