“Os froitos do diálogo e a necesaria reindustrialización”

Reproducimos a seguir o artigo de Francisco Jorquera que viu a luz na edición coruñesa de La Voz de Galicia este mércores 16 de outubro.

Os froitos do diálogo xa están aquí e non son pequenos. Por iniciativa do BNG, asumida polo grupo municipal socialista, o concello vaise dotar no 2020 dun Consello Económico e Social cuxo primeiro propósito vai ser nada máis e nada menos que elaborar un Plan de Desenvolvemento e Industrialización para a cidade e a comarca. Si, a política pode e debe ser útil. Si, o BNG entende así o diálogo, non como un xogo floral de intercambio de cortesías baleiras de contido, senón como unha guía para a acción, como unha ferramenta para transformar a realidade en positivo.

A deslocalización das auxiliares de R, a liquidación anunciada de Isowat, a ferida non ben fechada de Alcoa na Coruña… A cidade sofre, como o país no seu conxunto, un acelerado proceso de desindustrialización e faino ademais no medio dun moi preocupante contexto galego e estatal de arrefriado da economía, con sinais claros recesivos no horizonte. Así as cousas, desde o BNG entendemos que non podíamos ficar de brazos cruzados e puxémonos mans á obra. Fixémolo no marco da nosa acción política no concello. As coruñesas e os coruñeses colocáronnos na oposición o pasado 26 de maio, mais á vez déronnos un recado moi claro: que contribuísemos a desbloquear o funcionamento da institución, lastrada o pasado mandato pola ausencia de consensos e pola pelexa en clave puramente partidista. Captamos a mensaxe e actuamos en consecuencia. Asinamos un acordo de investidura co PSOE xa á altura do 19 de xuño e desde entón fiscalizamos o seu cumprimento. Mais non só iso, continuamos desde aquela altura a pór propostas construtivas sobre a mesa. E así o 1 de outubro mantivemos a primeira reunión da comisión de seguimento do pacto co grupo socialista e no seu transcurso chegamos a sete acordos, entre eles a creación do devandito Consello Económico e Social. Un órgano que, ademais, está aberto á participación dos axentes sociais, sindicatos e patronal, sen os cales dificilmente se pode lanzar un plan de desenvolvemento e industrialización que teña unhas mínimas garantías de éxito.

Desde o BNG sempre dixemos que o concello ten que liderar a aposta polo desenvolvemento económico e pola industrialización da cidade e da comarca. A Coruña como cabeceira dunha rexión do Golfo Ártabro que abrangue até Ferrol ten recursos máis que sobrados para se tornar nunha potencia industrial de primeira orde. Desde logo nós non nos resignamos a que o presente e futuro da cidade se conxuguen en clave de liquidación e deslocalización de empresas. Queremos unha economía de alto valor engadido e empregos de calidade. E aí o rol do goberno local é clave. Pensemos, por exemplo, nos orzamentos. Continuamos coas contas prorrogadas de 2018, un atranco á actividade produtiva que non pode volver acontecer. Dos orzamentos locais dependen até 50 millóns de euros en investimentos directos. Urxe dotar de contido as contas do concello (xa tivemos a primeira reunión co PSOE con este obxectivo), urxe facer o mellor uso delas e urxe logo fiscalizar que efectivamente se executen. Nesas tarefas vaise empeñar o BNG nas próximas semanas, co mesmo talante construtivo co que nestes días fomos quen de sentar as bases do futuro Consello Económico e Social da cidade.

NOTA: Na imaxe aparecen Francisco Jorquera e José Manuel Lage Tuñas antes do comezo da primeira reunión BNG-PSOE para falar dos orzamentos para 2020.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario