“Os orzamentos deben incorporar un impacto de xénero se se quere pular en serio pola igualdade”

Avia Veira incide na “autoorganización das mulleres” a través de redes de voluntarias no traballo contra a violencia de xénero e con ferramentas como o Consello Municipal das Mulleres.

“Non imos esperar ao último pleno do mandato para acordar unha ordenanza de igualdade, que é o que vén de facer este goberno. Nós empezaremos por esixir que cada orzamento municipal incorpore un informe de impacto de xénero, para avaliar o gasto público e decidir as prioridades do gasto”, dixo Avia Veira no comezo do Encontro sobre Igualdade que as nacionalistas celebraron este domingo no Local comarcal do BNG, na Cidade Vella, e que reuniu a tres ducias de militantes e simpatizantes. “O compromiso do BNG coas loitas feministas é indiscutíbel”, afirmou Patricia Cordo, a número 4 da lista do Bloque, que acompañou á concelleira e número 2 da candidatura no acto.

Veira e Cordo avanzaron o programa do BNG en materia de Igualdade. Subliñaron a estratexia de apostar “por políticas transversais” que concretaron en impulsar un estudo sobre o uso do tempo e dos espazos na cidade, e en levas ás escolas infantís un proxecto educativo que introduza a perspectiva de xénero desde idades temperás, ademais da iniciativa respecto dos orzamentos, a inclusión dun informe de impacto de xénero que queren ampliar a todas as ordenanzas municipais que afecten ás persoas.

Veira foi moi crítica co balance do goberno municipal en materia de igualdade. En presenza de representantes do servizo de axuda a domicilio, apuntou á precariedade na que desenvolven o seu labor as traballadoras e comprometeuse “a seguir sendo firmes na defensa dos dereitos das traballadoras, empezando polos servizos públicos municipais e aqueles que están máis feminizados”.
As nacionalistas apostan ademais por crear unha rede social de apoio ás vítimas de violencia de xénero; así como a autoorganización das mulleres e a súa participación social a través da creación do Consello Municipal das Mulleres. Entre outras medidas en diferentes áreas, comprometen o reforzo do servizo de canguraxe municipal, incentivar a práctica deportiva das mozas e a as actividades onde as mozas sexan suxeitas activas de creación cultural.

“As políticas de igualdade deben comezar pola educación, por iso entre as primeiras medidas proporemos programas de reforzo para a educación en igualdade”, subliñou Veira, quen confía que a través de iniciativas como o informe de xénero a incluír nos orzamentos e o reforzo educativo “poidan empezar a producirse mudanzas de fondo nesta materia na Coruña.”

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario